"Unha xordocega protagoniza a nova obra de Chévere"

Patricia de Lorenzo e Xesús Ron anunciaron o novo proxecto da compañía de teatro na presentación de dous libros na Feira do Libro de Lugo ► Os seus integrantes repasan os 35 anos de traxectoria do grupo nun libro documentalista e un cómic

Jorge Coira, Patricia de Lorenzo e Xesús Ron. XESÚS PONTE
photo_camera Jorge Coira, Patricia de Lorenzo e Xesús Ron, este mércores na Feira do Libro de Lugo. XESÚS PONTE

As últimas montaxes de Chévere tiveron un punto de vista documental e un contido social —a ecoloxía, a xentrificación, a explotación laboral, as vías de comunicación—. Os seus integrantes Patricia de Lorenzo e Xesús Ron participaron este mércores na Feira do Libro de Lugo para presentar os libros Chévere, 35 anos de axitación cultural (Kalandraka) e O Navegante, unha viaxe a bordo da Sala Nasa (Chévere), un cómic que asina Tristán Ron. 

O director e actor Xesús Ron indica que ambas as publicacións teñen un afán "de documentar algo tan efémero como o teatro" nun libro no que fan memoria nunha conversa entre as personas que participaron no proxecto iniciado en 1987 en Santiago. 

Ron recordou que o pioneiro foi "un irlandés, John Eastham, que chegou á USC como lector e coñeceu a Miguel de Lira". Ambos afeccionados ao teatro e imparten un obradoiro na Escola de Artes e Oficios. A obra é contratada pola Deputación da Coruña. Deciden montar unha compañía. Buscan nome. "Eastham, que apenas falaba español e menos galego, propón The Yellow Theatre; Miguel dixo que lle parecía ‘chévere’, e Eastham pensou que era a proposta dun nome e aprobouna", lembra o director. Transcorridos 36 anos e medio cento de montaxes, este mércores falaron sobre a compañía, o tempo e o espazo; que, no seu caso, foi a Sala Nasa como sede durante ben de tempo. 

Ese local foi frecuentado polo artista plástico Tristán Ron, fillo de Xesús Ron, que debuta no cómic ilustrando unhas vivencias que afondan a súa orixe na infancia en O Navegante. O seu pai apunta que "é unha mirada desde fóra de alguén cercano". 

Patricia de Lorenzo pensa que a esencia que se mantén en Chévere desde 1987 "é o humor", unha apreciación á que Xesús Ron engadiu "a vivencia como afeccionados que non teñen nin idea de como se fai cada proxecto". Están certos de que a concesión do Premio Nacional de Teatro en 2014 non variou un metro a súa traxectoria e mesmo viron como "en Galicia era recibido como un premio que se concedía ao teatro que se fai no país", en palabras de Patricia de Lorenzo. 

Hellen Keller

Coa mesma actitude de situarse na saída e insistindo no espírito documentalista están preparando unha montaxe sobre a xordocega norteamericana Helen Keller (1880-1968). 

Xesús Ron sinala que "foi a primeira xordocega con título universitario" e que acabou sendo "unha celebridade que se relacionaba con Charles Chaplin ou Mark Twain". Alén esa proxección pública, "na que quedou atrapada", Chévere atopa interese "nos escritos antibelicistas de Keller, que teñen paralelo con Ucraína", que empezou a militar nun sindicato obreiro cando abandonou o partido socialista pola moderación. 

A obra, que se estreará en febreiro, contará en escena con Patricia de Lorenzo, a actriz xorda Ángela Ibáñez e Chusa Vallejo.

Máis feira
Libro sobre o galego ► O cineasta lucense Pepe Coira presentou este mércores na feria o libro Moza falangueira procura lingua materna de Carys Evans Corrales, que editou a firma Laiovento.

Memoria de nai ► Elena Gallego Abad asinou exemplares de El legado de la niña de sal, que publica La Esfera de los Libros. A protagonista fai memoria da súa nai.

Os límites do humor ► O historietista Darío Adanti conversou co libreiro Miguel Vigo Blanco e co ilustrador Alberto Guitián sobre os límites do humor e a liberdade de expresión.

Comentarios