Xoán Ramiro Cuba foi amigo de Darío Xohán Cabana "dende que eu tiña 18 anos e ata hoxe". O escritor de Cospeito faleceu hai un ano, pero Cuba intúe que ese cariño sigue existindo. Cuba lémbrao como "moi boa persoa, un amigo leal e moi bo escrito". Engadiu con orgullo que "fomos amigos toda a vida, nunca me fallou; foi un irmán maior, un axudante máxico como os que saen nos contos fantásticos".
El e máis Paco Nieto están tras a organización dunha homenaxe que se lle deu a Darío Xohán Cabana no auditorio Gustavo Freire de Lugo. Nieto coincide en que "era un home bo" co que tivo unha cercanía intensa nos últimos anos, que cualificou como "unha relación humanista". Adoitaban falar de música, pero sobre todo de Historia, unha materia da que o novelista e poeta recordado era "un apaixoado". O xornalista recordou que nunha ocasión se atopou con Cabana de camiño á Biblioteca Nodal de Lugo. "Paramos falar sobre Cunqueiro. Darío contoume unha chea de anécdotas sobre Cunqueiro, contoume da vez que foi visitalo á casa de Mondoñedo e tiña o chan estrado de mazás que desprendían un recendo inesqueceible".
O acto contou con 19 intervencións, cada unha de tres minutos. Cada un decidiu o seu contido baixo o arco común da amizade con Darío Xohán Cabana.
Paco Nieto, que foi o conductor da conmemoración, sinalou o ton coa lectura do poema Nunha cea de amigos de Xosé María Díaz Castro. Despois foron subindo eses amigos ao escenario do Gustavo Freire para facer as súas intervencións ante unha fotografía de Darío Xohán Cabana e a carón dun banco que fixo el mesmo, e diante de dúas ringleiras de butacas nas que sentaran a muller, Amelia; os fillos, Alexandra e Martiño, e a neta, Leonor. A rapaza recibiu unhas flores, sendo a integrante da familia que subiu aos escenario.
Estaban rodeados polos participantes, que foron subindo de cinco en cinco pois estaban organizados en bloques, segundo a natureza da súa achega. Paco Nieto explicou que "non se fixeron reservas para as autoridades" porque buscaron o protagonismo para a familia e os amigos de Darío Xohán Cabana. O encontro contou coa asistencia dunhas catrocentas persoas, segundo os organizadores. Entre elas, contouse coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e coa concelleira de Cultura, Maite Ferreiro Tallón; así como con representantes do PP Óscar Poy e Ciudadanos Olga Louzao.
Os intervintes non foron presentados máis que polo seu nome. Nalgún caso, como Pilocha, Antón Castro ou Luciano Pérez, excusouse facelo; pero tamén houbo quen estaba nun papel diferente do habitual, como o xuíz Luís Villares, que tocou a gaita coa súa irmá Branca. O Mago Antón tamén estivo no acto. Entre os participantes contouse tamén con escritores como Xosé Miranda, Antón Dobao, Marica Campo, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira ou Xulio Xiz.
Paco Martín leu un poema escrito tras un encontro co poeta no seus últimos tempos. "Darío era meu amigo. Polos amigos teño respecto. Un amigo é alguén a quen axudas e che axuda. Sinto cariño por el e admiración polo que escribiu", salientou. Así que, cando chegou á casa tras o encontro escribiu uns versos "nun caderno escolar, que é tan antigo que ten un arame en espiral para termar das follas".