"Xistral cumpriu co seu espírito fundacional e deu voz xa a 227 poetas"

Camilo Gómez Torres refundou no ano 2000 a revista que creara Manuel María en 1949. Preséntase este martes no Vello Cárcere de Lugo, ás oito, un recompilatorio dos últimos vintecatro números
G
photo_camera Toño Núñez, esquerda, con Camilo Gómez, na Casa Museo de Manuel María. XESÚS PONTE

Cando aquel rapazolo de 20 anos que quería ser poeta e se chamaba Manuel María fundou a revista Xistral, en 1949, seguramente non se lle pasara pola cabeza que esa mesma publicación, apadriñada por Luis Pimentel, sairía ao prelo aínda 75 anos despois. Nin a el, nin ao seu amigo e compañeiro nesta aventura das letras, o tamén aspirante a poeta Manuel Antonio Sopena, que asinaba como Pérez Amor.

Aqueles dous rapaces, aos que lles gustaban os versos, conseguiron sacar os dous primeiros números de Xistral, pero non o terceiro por problemas económicos.

A revista, que pretendía ser un escaparate para as novas voces poéticas, quedou en repouso durante case medio século. Un tempo no que Manuel María se converteu nun referente da poesía galega e no que o coñecido poeta de Outeiro de Rei reutilizou o nome de Xistral para darllo á súa libraría e á súa editorial, en Monforte.

Pero a revista, na que viron publicadas as súas primeiras obras 227 poetas, non quedou no esquecemento. No ano 2000, un alumno de Manuel María, o profesor de Lingua e Literatura Galega Camilo Gómez Torres, decidiu coller a batuta e resucitar a revista. Así o fixo ata 2019, cunha edición anual. Desde entón, colleu o relevo outro mestre, Toño Núñez Álvarez.

Este martes Xistral cumpre vintecinco anos de edición (vintetrés de forma ininterrumpida) e faino saíndo á rúa o número 25 da revista, que será presentado no Vello Cárcere de Lugo, ás oito do serán. Será un número especial, que recompilará todos os poemas publicados na revista en todos este anos.

"Neste número participan todos os poetas que publicaron algún poema na revista nos seus vintecatro números anteriores. Un total de 227 autores (138 homes e 89 mulleres). Neste caso, ó ser a nómina tan extensa, só se publica un único poema por poeta", indica Toño Núñez, o coordinador actual da publicación e tamén un dos escritores que —neste caso, no ano 2004— viu publicados os seus primeiros versos nesta revista.

"Que alegría ver os meus poemas publicados! Quen iba dicir que, quince anos despois, sería convocado a unha reunión no Concello de Lugo para coordinala. Certamente, se ilusión me fixo publicar en Xistral por primeira vez, non menos emocionante foi saber que eu era merecente de timonear a revista que Manuel María fundara no ano 1949. Próximo á xubilación, aceptei o reto sendo moi consciente, iso si, de que, á par da ilusión, o cometido entrañaba compromiso, traballo e tamén responsabilidade", afirma Toño Núñez.

Xistral converteuse, nestes anos, nunha referencia de publicación para os poetas noveis. Neste labor, tivo un gran papel o quirogués Camilo Gómez Torres que, ademais de ser un estudoso da obra de Manuel María, tamén foi o seu alumno nunha academia monfortina cando facía o Bacharelato. Sen esta simbiose entre pupilo e mestre, quizais Xistral non volvería a ver a luz.

"Tiven o privilexio de ter a Manuel María como profesor de Literatura en cuarto de Bacharelato pero o meu vencello co poeta chairego non remataría aí. Anos despois, cando estudaba Filoloxía Hispánica en Barcelona tiven a iniciativa de defender en galego en 1972 a tesina da licenciatura sobre a poesía de Manuel María, o que me permitiu poñerme en contacto con el e agromar unha amizade. Dende entón, a vida, a obra poética e os diversos traballos de Manuel María foron o eixo da miña actividade de investigación literaria", explica Gómez Torres.

Nese tempo, foi xermolando a recuperación da revista Xistral mentres Camilo Gómez Torres facía a súa tese de doutoramento tamén sobre Manuel María.

"Contando coa aquiescencia e aprobación de Manuel María, propúxenlle ao Concello de Lugo no ano 2000 a recuperación e continuidade da revista, proposta que foi aceptada e que continuou ata hoxe", conta Gómez Torres.

Nestes anos, a revista Xistral deu voz tanto aos poetas novos como os xa consagrados acadando cada vez máis recoñecemento cumprindo así con aquel obxectivo que ideara Manuel María de rapaz e no que puido publicar o seu primeiro poema en galego, ‘Cantiga derradeira’.

"As fiestras para dar noticia da creatividade poética sempre foron escasas, pero Xistral cumpriu co seu espírito fundacional. Un dato é clarificador: se no 2000 a nómina de poetas era de 30, no 2017 era de 146. E segue a medrar", conta Gómez Torres, que define a tarefa de refundación da revista como de "satisfacción plena, absoluta".

O mérito de ser "pouco peneirada"

Manuel María quería que Xistral fose unha revista plural. Unha publicación que lles dese voz a poetas consagrados, como Álvaro Cunqueiro, e aos aínda anónimos. "Poida que haxa poetas que non colaboren con Xistral porque entendan que é unha revista pouco peneirada. É unha decisión moi respectable. Revistas máis ou menos selectivas xa hai outras e Xistral é plural", conta Toño Núñez.

Igualdade

O coordinador de Xistral defende que "o feito de que esta sexa unha publicación sostida por un concello, con cartos públicos, faga que esa igualdade de oportunidades teña neste caso moito máis sentido", insiste Toño Núñez Álvarez.

Comentarios