sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

Un xigante discreto da súa terra

O escritor pediu ser despedido sen ningún acto público, acompañado polo seus próximos unicamente

Darío Xohán Cabana soubo ser unha das figuras da literatura galega e, ao tempo, manterse coma unha peza do colectivo na súa presenza pública, tanto no ámbito cultural coma no político, sen deixar de participar activamente en ningún dos dous.

De carácter "obstinado", como salientaba o propio autor, trazou durante toda a súa vida unha liña de trincheiras para defender os valores que consideraba imprescindibles para que un galego de orixe rural que escribe guíe a súa vida ata o final.

Ver máis: Adeus a Darío Xohán Cabana, o escritor das raíces fondas

Dende que era neno manexou unha liña conservadora no mantemento da lingua herdada dos seus antergos e do seu lugar, A Chaira, e unha liña progresista determinada pola xustiza social e a defensa do espazo en que debía plasmarse, Galicia. El soñou esa Galicia como digna e dona de si, dúas condicións que, na súa concepción, pasaban pola consecución da independencia administrativa.

A conservación da lingua tiña como chave a elevación do seu nivel de sofisticación, un obxectivo que Darío Xohán Cabana pensaba que soamente podería lograrse a través da fixación das palabras na poesía, na novela e nas traducións de clásicos estranxeiros.

Ao tempo que medrou ata a maior altura pediu recibir o adeus limitado ás persoas que o amaron na intimidade e que coñeceron un home tenro. Unha despedida sobria na que non houbese nin sequera un acto cidadán.

Un xigante discreto da súa terra
Comentarios