Xesús Ron: ''Arrancamos en Teo con el espíritu irreverente de la Sala Nasa''

Xesús Ron confesa que “ninguén daba un peso” por que a compañía que dirixe mantivese o tirón fóra dos circuítos culturais, tras deixar a capital galega e a mítica Sala Nasa. Porén, Chévere comeza hoxe as súas actividades en Teo e os espectadores estanlle demostrando o contrario. Todo apunta a que colgarán o cartel de completo nas dúas funcións que darán esta noite e mañá. A cita é ás 23.00 horas no auditorio municipal.

P. ¿Que poderá ver o espectador nesta nova Ultranoite?
R. Son os ingredientes de sempre, coa idea de recuperar o teatro de variedades. Unha serie de números teatrais, musicais e mesmo en vídeo que fan escarnio da actualidade, dándolle un repaso aos protagonistas da mesma, como Mariano Rajoy, que será quen guíe toda a noite, ou o Rei, cuxa familia non nos dá tregua. Tamén se falará dos recortes e de toda a lea que hai montada no nacionalismo galego.

P. Teño entendido que o servizo de autobús que puxeron para facilitar que a xente de Santiago baixe a velos a Teo foi todo un éxito.
R. Fixémolo como proba e funcionou espectacularmente ben, polo que para a próxima ampliaremos a frota (risas). Rescatamos aquela idea do bus que poñían as discotecas e xa se esgotaron as entradas do espectáculo que incluía o transporte de ida e volta. Temos dous buses completos  –un para cada noite– nos que irá o grupo Os da Ría amenizando a viaxe.

P. ¿Como se senten no seu novo fogar, ás portas de Compostela?
R. Aquí trátannos dunha maneira moi diferente, con cariño e respecto, e logo tamén hai outra proximidade. Entre todas as cousas boas que nos están pasando este ano, unha delas é estar aquí. Agora temos unha Ultranoite e o que sería o aforo da Sala Nasa aquí xa estaría completo por adiantado. ¡Imos ter máis público aquí do que tiñamos en Santiago!

P. ¿Manterán o espírito da Nasa?
R. Aínda que isto non ten nada que ver, si que se trata de manter ese espírito sobre o escenario. E estamos vendo que hai moitísimas persoas que están dispostas a mantelo como espectadores, co que se poderá trasladar ao auditorio da Ramallosa ese espírito irreverente da Sala Nasa.

P. Este ano ademais Chévere cumpre un cuarto de século. ¿Celebrarano dalgún xeito especial?
R. Aproveitando a xira que temos con Citizen, que é o espectáculo que nos está servindo de auténtica celebración, estamos levando por Galicia unha exposición itinerante na que se repasan as claves do que foi o traballo de Chévere. Pero máis que mirar moito para atrás, o que queriamos era celebrar o noso cuarto de século con novos proxectos.

P. ¿E con cales andan entre mans?
R. A finais de mes imos estrear un novo espectáculo, Amores Prohibidos 2.0, que é unha adaptación de Romeo e Xulieta contada nas redes sociais cos adolescentes dun instituto de Boiro. Tamén acabamos de facer unha colaboración con Xelís de Toro, o irmán pequeno de Suso, e imos recuperar o espectáculo Escapárate, que son pezas de teatro feitas en escaparates. Logo estamos en Teo traballando como compañía residente e seguimos coa xira de Citizen.

P. Os cinco Premios María Casares a Citizen e o premio de honra á Nasa deberon de supor un subidón.
R. Si, a verdade é que levamos un ano de subidóns –xa non sei se compensa ter anos malos como o pasado, que foi duro para nós–. Este é un bo ano, por estar cómodos en Teo, polos premios e porque cun espectáculo difícil como Citizen percorremos toda España e estamos actuando moito.

'APOIO'
“Conde Roa estanos a facer a competencia ao dar o espectáculo constantemente”
P. Co formato de Ultranoite tamén se despediran en agosto de Compostela, sendo Conde Roa o gran protagonista. Agora si que daría xogo co do fisco...
R. E por suposto agora non poderiamos deixar fóra o noso amigo, que nos está regalando momentos estelares todas as semanas desde que é alcalde. O certo é que nos está facendo a competencia porque está dando o espectáculo constantemente.

P. ¿Gárdanlle rancor tras botalos de Santiago?
R. Non. Conde Roa sempre se amparou no cargo público para defraudar, mentir, ameazar e insultar, como fixo con nós.Pero a historia coloca a cada quen no seu sitio, e el está ocupando cada vez máis o que lle corresponde. Nós estamos de xira por España e o primeiro que nos preguntan é: “¿E o tolo ese que tedes por alcalde?”.

P. ¿Como lle afecta a crise ao teatro?  
R. O gran problema do teatro agora mesmo é que non se está pagando o traballo feito; nós temos débedas de máis dun ano, todas elas da Administración Pública. O que teñen que facer o Estado e a Xunta é pagar; do contrario seranos imposible seguir porque estamos estrangulados.  

P. Total, que o problema non está no espectador...
R. Público hai cada vez máis. Nós estamos movendo por Galicia un espectáculo que dura tres horas e media e subimos os prezos un 100% e esgótanse as entradas. Custou moito levantar o teatro en Galicia, pero agora ten un público consolidado que non se pode ver afectado por algo alleo, como é a crise.

Comentarios