domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

Xerardo Vidal e Ángela González gañan os Contos de Verán de 2015

Os relatos ‘'A chamada'’ e ‘'Chove cans e gatos’' fixéronse co primeiro e segundo premio do certame convocado polo diario El Progreso

Os relatos remitidos por Xerardo Vidal e Ángela González Ferro resultaron gañadores da terceira edición do certame Contos de Verán, organizada polo diario El Progreso en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta. Un xurado encabezado polo presidente do PEN Club de Galicia, Luís González Tosar, e integrado polo subdirector de El Progreso, Tito Diéguez, e polos xornalistas Santiago Jaureguizar e Marta Veiga Izaguirre, acordou concederlle o primeiro galardón, dotado con 1.000 euros, ao conto titulado '‘A chamada’' e enviado desde Lugo por Xerardo Vidal.

Do mesmo xeito, o relato '‘Chove cans e gatos'’, obra da tamén lucense Ángela González Ferro, foi escollido para o segundo premio, que consiste nunha gratificación de 500 euros para a súa autora.

González Tosar, que actuou como voceiro do xurado nesta terceira edición do concurso convocado por El Progreso, subliñou de '‘A chamada'’ a súa temática completamente contemporánea -o desemprego de longa duración e a falta de expectativas dos mozos- , ao tempo que considera que se trata dun texto "moi acaído" para o "conto xornalístico", dadas a viveza da súa narrativa, as frases curtas e o feito de que estea ligado á actualidade informativa.

De Xerardo Vidal destaca Luís González Tosar "o oficio como contista" e, sobre todo, a pericia do concursante "á hora de recrear os diálogos e de darlle dinamismo ao texto" ao tempo que louvou tamén o emprego dun humor amargo e sardónico para obter o ton do seu conto.

O presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar, encabezou o xurado que elixiu os gañadores e foi tamén o seu voceiro


Polo que respecta a ‘'Chove cans e gatos'’ -o título traduce literalmente unha frase feita en inglés: ‘It’s raining cats and dogs’- de Ángela González Ferro, tamén se achega ao fenómeno do desemprego, pero desta volta cun envoltorio máis onírico e suxerente.

"A estrutura e a capacidade evocadora do relato", a construción dunha atmosfera que é capaz de aproximarse aos estados de ánimo dos personaxes deste conto son algunhas das fortalezas que sinala Luís González Tosar do traballo presentado por Ángela González Ferro a este terceiro certame literario organizado por El Progreso.

Preto de medio centenar de relatos, enviados por autores de toda a provincia e tamén desde o resto de Galicia e mesmo de fóra das fronteiras, participaron no concurso Contos de Verán. Con só tres edicións, esta iniciativa estase a consolidar coma un clásico estival nas páxinas de El Progreso durante os meses de xullo e agosto e cuxo propósito reside en estimular a creatividade dos escritores en lingua galega afeccionados.

Autores de distintas idades, desde nenas en idade escolar ata anciáns, téñense animado a participar con textos de distintos xéneros, desde os humorísticos ata os costumistas, pasando polos fantásticos, os románticos, os históricos e ata a ciencia ficción.

Os premios do certame de Contos de Verán de El Progreso entregraranse, como adoita ser habitual, nun acto que terá lugar na sede principal do xornal, na Rúa Puro Cora de Lugo, e que se celebrará o día 24 de febreiro de 2016. A data escoulle desde a primeira edición por ser o día no que se celebra o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.

Xerardo Vidal e Ángela González gañan os Contos de Verán de 2015
Comentarios