jueves. 19.09.2019 |
El tiempo
jueves. 19.09.2019
El tiempo

Xerardo Quintiá gaña con 'O país do gran furado' o Fina Casalderrey

Xerardo Quintiá. XESÚS PONTE (AEP)
Xerardo Quintiá. XESÚS PONTE (AEP)

O escritor de Friol levou o premio por unha obra marcada polo "humor irreverente"

O escritor lugués Xerardo Quintiá Pérez gañou o II Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade coa súa obra presentada baixo o lema O país do gran furado.

O xurado considerou que O país do gran furado é unha obra que resalta polo seu "humor irreverente", pola súa transgresión dos contos populares e por reivindicar a poesía, a alegría e a revolución como camiños para alcanzar a igualdade.

"A resolución de conflitos desde unha perspectiva pacifista e a través da palabra, nunha historia na que Toribia e a súa banda de punk son capaces de axudar a outras mulleres, é outro dos grandes acertos deste texto paródico, distópico e humorístico", segundo indicou.

A obra será publicada por Baía Edicións en álbum ilustrado a todo cor na colección Contoxconto antes do mes de outubro e o autor recibirá os 5.000 euros cos que está dotado este premio.

O xurado, que acordou por unanimidade conceder o premio a este auto friolés, estivo formado pola socióloga Ana Luísa Bouza, a escritora Montse Pena, a xerente da librería Lila de Lilith, Patricia Porto, así como pola vicepresidenta de Gálix, Pilar Sampedro; e a directora de Baía Edicións, María Belén López.

Xerardo Quintiá, nado en Friol en 1970, publicou os seus primeiros textos literarios no suplemento cultural Táboa Redonda de El Progreso (1988) e colaborou despois en revistas como Dorna ou Xistral.

O seu primeiro libro, Finísimo po nas ás é de 1997. Dous anos despois, ve a luz Unha soa man e outros intres e, nos 2001 e 2002, Un rabaño de ovellas brancas e O libro dos aparecidos.

No eido da literatura infantil, é autor de A verdadeira historia do burro Feldespato (2002) e de Ke-Tumba Ke-Tamba, finalista do premio Raíña Lupa. Para primeiros lectores escribiu Titiritesa (2007).

Como poeta, publicou Ailalalalelo de auga (2001); Poesía en ruta e Fornelos & Fornelos, primeira fundación.

Xerardo Quintiá gaña con 'O país do gran furado' o Fina Casalderrey
Comentarios