Xerardo Quintiá: "A caza mata xente todos os anos, pero só se fala do perigo animal"

Quen foi un neno correndo detrás das anduriñas de Fornelos, no concello lucense de Friol, é hoxe un poeta que tamén ve na literatura infantil un lugar para o compromiso social. Así veu a lume ‘O corazón dos paxaros’, un álbum ilustrado que a través do humor é unha alegación cara a necesidade de respectar a natureza
Xerardo Quintiá, co seu último libro de literatura infantil. XESÚS PONTE
photo_camera Xerardo Quintiá, co seu último libro de literatura infantil. XESÚS PONTE

O paxaro máis querido por Xerardo Quintiá é a anduriña. De neno, en Fornelos —a aldea de Friol que é cerne de varios dos seus poemarios— corría tras delas, "que voan moi baixo", ou ollaba con asombro os seus niños "nas trabes da palleira". Ese neno que non deixou de ser Quintiá vén de publicar O corazón dos paxaros da man de Xerais, un conto ilustrado por Nuria Díaz que fala do desencontro dos seres humanos cos outros seres, pero tamén da posibilidade de que o conto cambie, de abrir os ollos doutro xeito ao mundo diverso no que todos vivimos.

De onde vén este libro, O corazón dos paxaros?
Para min, a literatura infantil é un lugar no que poder aportar algo ao conxunto da sociedade. Ten que ser divertida, pero tamén dar chaves para desmontar prexuízos. Titiritesa publiqueino no 2007, a raíz das manifestacións en contra do matrimonio homosexual, e O país do gran furado, que saíu en 2019, trata de sensibilizar sobre a violencia de xénero. O corazón dos paxaros naceu da consciencia da relación tan desastrosa que temos co mundo e das actitudes que mantemos cos outros que non son humanos.

O libro fala dun home que ama os paxaros, Cristantemo, pero tamén dos cazadores que os matan por divertimento. É un alegato en contra da caza?
No mundo da caza haberá de todo. Mesmo Miguel Delibes foi cazador e, á vez, ecoloxista e conservacionista. Pero eu non lle atopo sentido ao que entendo como unha demostración de poder absoluto sobre os outros seres, nin na caza nin tampouco nas macrogranxas nas que os animais viven sen espazo, ou sofren. Coido que iso se está volvendo contra nós, como se viu na pandemia. Esta relación de uso e abuso non nos vai levar a bo porto.

Falar disto pasa por revisar a nosa relación coa alimentación, non si?
En xeral, debemos revisar os nosos hábitos de consumo. Eu son o primeiro que teño animais. A cuestión non é comer carne ou non, senón o proceso no que se cría o animal que logo sacrificas para alimentarte. Hoxe en día, cando xa case non se ven coellos, perdices, lebres... para que seguir coa caza? Mesmo no caso do xabarín penso que ten que haber outros medios. Todos os anos morre xente por accidentes relacionados coa caza, pero logo só se fala do perigo do oso ou do lobo.

Precisamente vén de aprobarse a Lei de Benestar Animal, que exclúe os cans de caza.
Creo que é un tropezo, unha lei aprobada a medias. O feito de que quedasen fóra é indicador do peso do lobby da caza e tamén, por suposto, do trato que reciben os animais.

O seu libro fai lembrar o poema de Pimentel: "Aquil neno/ pincháballe os ollos/ ós paxaros (...)/ Creceu e foi de aqueles" 
É terrible ese poema, como aquel de Gamoneda que lembra como maltrataban unha cadela cun arame cando era un neno. O de Pimentel é unha metáfora do fascismo a partir diso no que todos fomos educados, sobre todo antes, en amosar a superioridade de poder facer dano a un animal. Eu mesmo fíxeno de neno. Porén, unha vez que mudas, a percepción da vida é moito máis benévola.

Os cazadores do conto mudan.
Si, eu non quero ser maquiavélico, no sentido de que os bos sexan moi bos, e os malos moi malos. Todos temos o dereito de sermos redimidos.

Cada vez vense menos paxaros. Tamén en Fornelos?
Si, tamén. E canto se sente. Pois moito é o que nos acompañan os paxaros. Cando estou en Fornelos, escóitoos ata pola noite, e logo volvo escoitalos pola mañá. Iso sanda cando non estás pasando por un bo momento, por exemplo. Pero é certo que cada vez se ven menos paxaros, serpes, lagartos... É unha extinción masiva isto que estamos vivindo.

A Fiscalía vén de recuar na consideración, hai poucas semanas, do activismo ecoloxista dalgúns grupos como terrorismo
Sería só unha maneira de silenciar, de silenciar un clamor.

Comentarios