jueves. 22.08.2019 |
El tiempo
jueves. 22.08.2019
El tiempo

"A xente pensa que a moda é só a que está socialmente aceptada para levar pola rúa"

Alba Vidal e Laura Pedrouso. ALEX CARAUSAN
Alba Vidal e Laura Pedrouso. ALEX CARAUSAN

Alba Vidal (Pontevedra, 1996) e Laura Pedrouso (Santiago de Compostela, 1988) comparten con nós a súa visión do sector da moda logo de acadar o terceiro posto na Mostra de Encaixe de Camariñas

O mundo da moda preséntasenos aos 'mortais' de xeito complexo, cheo de luces pero de difícil compresión. Alba Vidal (Pontevedra, 1996) e Laura Pedrouso (Santiago de Compostela, 1988) son dúas mozas galegas que están a dar os primeiros pasos neste sector e semella que polo de agora elas entendérono ben, xa que veñen de acadar o terceiro posto no XXVI Concurso de Jóvenes Diseñadores de Moda da Mostra de Encaixe de Camariñas. Fixérono coa colección Fire walk with me e agora xa están a prepararse para futuros desafíos.

Que supón para vós este recoñecemento na Mostra de Encaixe de Camariñas?

Alba: Un aliciente para continuar. Para alguén que aínda está a estudar, como é o meu caso, un recoñecemento deste tipo é un impulso anímico enorme. Non deixa de ser unha forma de saber que estás a facer ben as cousas.

Laura: É un recoñecemento moi satisfactorio. Cando estás nun proceso creativo dubidas moito, xa que sabes que o que realizas non lle vai gustar a todo o mundo. Ti podes estar encantado co teu traballo pero non ser quen de chegar ata o resto de personas, así que cando chega un recoñecemento deste tipo supón unha satisfacción persoal moi importante.

Colección 'Fire walk with me'. ALEX CARAUSAN

A colección que presentastes estaba baseada en Twin Peaks, que vos levou a escoller este 'motivo'?

A: A obra de David Lynch é para as dúas un gran punto de inspiración, algo que temos en común. Sempre que falabamos de facer algo xuntas xurdía a idea e a referencia de Lynch. Cando se deu esta situación de traballar en parella a noción de levar a cabo este tema apareceu tanto de xeito individual, nun primeiro momento, como cando puxemos en común os nosos pensamentos.

L: David Lynch probablemente sexa un punto de referencia que nos uniu en amizade a min e a Alba. Se nos animamos a ir á Mostra en gran medida foi polo feito de ir xuntas, polo que decidimos que o que tiñamos que presentar nos tiña que gustar ás dúas e non nos podía facer dubidar. Chegados a este punto, se hai algo representativo de Lynch é Twin Peaks, ao que podemos engadir que despois de 25 anos recentemente estreouse a terceira temporada. Nós partimos da serie como referencia, pero máis concretamente afondamos neste universo a través da película Fire walk with me.

Como foi o proceso de creación a través desas referencias?

A: Decidimos dende un primeiro momento crear unha colección expresamente para a Mostra do Encaixe e non deseñar algo que simplemente nos gustase e logo engadirlle o encaixe. Buscamos roupa característica de Twin Peaks como a gabardina do axente especial Dale Cooper e tamén prendas máis comúns que leva a xente do pobo. Eran todas prendas moi básicas do día a día que por si mesmas non teñen ningún interese especial, pero a partir delas traballamos co encaixe para que fose un valor engadido e mudase esa realidade.

L: Cada peza, cada detalle, está inspirado nunha prenda, nun personaxe, nunha vivencia, nun comentario da película... A nosa estrela é a gabardina de Cooper, pero como o resto da colección non deixa de ser unha prenda aparentemente sinxela. Aí é onde entra todo o labor co encaixe, en saber empregalo para dar ese valor engadido que comentaba Alba, ata o punto de chegar a facer un Twin Peaks con encaixe.

A través da moda podes expresarte, enviar mensaxes, relacionarte, podes rebelarte... Estamos ante un gran instrumento de comunicación

Como valorades o nivel do resto de participantes no certame? Pensades que o terceiro posto foi xusto?

A: O nivel do concurso era moi alto, había coleccións con moitísimo traballo detrás. A posición ao final é unha decisión dun xurado formado na materia, polo que considero xusto este terceiro posto. Ou polo menos estamos moi contentas con el.

L: Como en calquera disciplina de deseño hai que ter en conta que é unha cuestión de gustos. En moitas ocasións incluso dependes de se o que presentas é tendencia ou non. Independentemente do nivel que se poida observar, as coleccións de todos os participantes sempre levan consigo un gran traballo. É un labor no que o pasas mal e cometes erros, porque hai que ter en conta que é un concurso de deseñadores noveis, estamos aprendendo. No noso caso por exemplo era moi importante facer nós as prendas, non encargarllas a alguén. Eu aprendín cousas que antes desta colección non sabía facer. Ao final invirtes un gran tempo, non só en facer, senón en aprender. E en definitiva estou moi contenta co resultado, enorgulléceme que guste ao resto, pero en especial estou feliz porque a min mesma me agradou o traballo que realizamos. 

Como foi a experiencia de traballar as dúas xuntas? 

A: Goceino un montón. O traballo é moito máis dinámico e desfrutas máis. Traballar con alguén con quen tes boa relación e estás en sintonía fai que todo sexa máis sinxelo e ilusionante. É máis, se estivese eu sola probablemente non me houbera presentado ao concurso.

L: Unha experiencia moi positiva e sorprendente, xa que xusto este ano estabamos a vivir en cidades diferentes. É certo que dende un primeiro momento sempre tiven unha conexión especial con Alba a pesar de non ser da mesma xeración. Temos ese punto de entendernos moi ben, xa non só na forma de traballar senón tamén na de pensar. Temos moi claro o que nos gusta e o que non, ademais de ter unha función de apoiarnos cando algunha dubida en algo. Ademais discutir é moi fácil nestes casos pero nin se chegou a dar. Ao final Alba foi un gran apoio e traballar con ela foi xenial.

Deseño da colección 'Fire walk with me'. ALEX CARAUSAN

Gustaríavos repetir nun futuro?

A: Eu estaría moi contenta de repetir. Considero que é algo positivo a nivel creativo, o proceso vólvese moito máis dinámico e os resultados son máis interesantes. Cando traballas con alguén que é un apoio supón tamén a introdución dun filtro no que confiar no equipo.

L: A min encataríame. Incluso antes de presentarnos á Mostra xa valoráramos a posibilidade de emprender algún proxecto xuntas, así que quen sabe.

Que proxectos tedes a curto prazo?

A: Rematar o proxecto de fin de carreira e logo procurar traballo nalgunha empresa de moda.

L: Eu actualmente estou traballando noutro sector e a curto prazo vou continuar así, porque as coleccións e as pasarelas son moi bonitas pero ao final tes que pagalo. A longo prazo é diferente, non descarto montar algo relacionado e vinculado coa industria da moda.

Hoxe en día todo o mundo da moda está enfocado ao 'fast fashion', vender moito e xerar coleccións moi rápido

Pensades que no sector da moda estase a realizar unha aposta pola xente nova?

A: Dende logo que si. As empresas buscan xente nova, creativa e con ideas frescas.

L: A aposta sempre é pola xente nova, o que máis interesa é o que traen os máis novos. Neste sentido gustaríame realizar unha pequena reivindicación porque aínda que non é o caso da Mostra do Encaixe, hai outros certames nos que se tes máis de 35 anos xa non te podes presentar, algo que penso que é inxusto. Ti podes ter 35 ou 45 anos e estar comezando neste mundo e ser un deseñador novel. É algo que non pode definir a idade da persoa, senón ser novo no sector. Ademais de que este estrato da xente pode aportar experiencias moi enriquecedoras, xa que non coñecen só este momento senón que poden comparar con outros. Eu penso que a aposta debería ser máis pola calidade e non estar tan relacionada coa idade.

Pódese vivir en Galicia disto?

A: Si, en Galicia pódese vivir da moda. Sempre foi unha zona cunha industria textil moi forte e isto repercute notablemente. 

L: Si, totalmente. En Galicia somos pioneiros da moda, non só por grandes empresas, senón por compañías con nichos de mercado máis reducidos que funcionan xenial, como pode ser o caso de firmas de moda infantil. Aquí hai posibilidades e axuda que aos galegos lles gusta vestir ben e danlle importancia ao sector, moitas veces apostando por marcas que igual teñen menos 'nome' pero son de gran calidade.

Un dos deseños da colección 'Fire walk with me'. ALEX CARAUSAN

Que é o mundo da moda hoxe en día?

A: Hoxe en día todo o mundo da moda está enfocado ao 'fast fashion', vender moito e xerar coleccións moi rápido. Incluso as grandes marcas, que antes eran consideradas exclusivas, a maioría hoxe en día xa non o son. É certo que aínda quedan firmas exclusivas pero houbo un cambio de paradigma e non son as que todos podemos pensar, senón outras máis discretas.

L: A moda está a vivir un cambio, porque cada vez as mensaxes que se queren transmitir están calando máis. A moda de consumo rápido segue a ser dominante, pero tamén está a existir un repunte dun interese por coñecer todo sobre ese produto (como se fixo, de onde ven, etc.). Mais debemos distinguir a moda de uso da de pasarela, nas coleccións da Mostra sempre hai un compoñente artístico que non atopamos no día a día. Ao final estamos ante un mundo complexo, que depende de moitos factores.

Como inflúe a sociedade na industria da moda? E ela na sociedade?

A: A sociedade é a que demanda ese 'fast fashion', mais é o propio mundo da moda o que alimenta esta tendencia. Pero non debemos minusvalorar o poder da moda, xa que ten poder para transformar rasgos da sociedade. Aínda que as veces pasen desapercibidos, ben sexa por ese consumo rápido ou por políticas de empresa, realízanse contidos con mensaxes dinámicos e positivos. 

L: A moda é un froito desta sociedade e viceversa. O deseñador inspírase na rúa pero á súa vez cando empeza o proceso de comercialización e globalización atopamos a outra cara da moeda. Un dos aspectos que eu resalto da moda, ligado co arte, é o de comunicar. A través da moda podes expresarte, enviar mensaxes, relacionarte, podes rebelarte... Estamos ante un gran instrumento de comunicación.

Considerades que ás veces todos os 'lumes de artificio' que rodean a esta industria, tapan o que é o proceso creativo e dan unha imaxe equivocada ao gran público?

A: Penso que os culpables da imaxe errónea non son os 'lumes de artificio', que pertencen e son necesarios nesta industria e en todas. O problema é que a xente non acepta isto e pensa que a moda é só a que está socialmente aceptada para levar pola rúa e considera que todo o demais son "tonterías" que pintan un mundo elitista e irreal. Non teñen en conta que hai unha gran diferencia entre os deseños de pasarela e os do día a día.

L: Penso que existe unha imaxe distorsionada deste sector. Non é todo pasalo ben, senón que existe unha gran presión de plazos, dispoñibilidade de materiais e do propio proceso de creación. Como en todo quen se pode permitir máis 'lumes de artificio' vai soar máis. Ser o máis coñecido non significa necesariamente ter detrás o mellor traballo, senón a inversión en publicidade máis eficiente. Moitas veces o deseñador non é nin sequera o que fai os bocetos para facer a súa colección.

Fotos insertadas no texto: ALEX CARAUSAN

"A xente pensa que a moda é só a que está socialmente aceptada para...
Comentarios