Galicia rende tributo a Xela Arias, a poeta rebelde

Diferentes autoras repasan a súa obra e reivindican a súa valentía ► Vigo, epicentro dos actos deste 17 de maio
Xela Arias. EL CORREO GALLEGO
photo_camera Xela Arias. EL CORREO GALLEGO

A rebelión, a modernidade, a experimentación e a liberdade foron unha constante na vida e obra de Xela Arias, unha figura que rompeu cos cimentos e as estruturas arcaicas, cos roles predefinidos e que explotou a linguaxe para edificar unha independencia estilística e conceptual que segue de plena actualidade. 

Mozos de toda Galicia identificáronse o seu discurso marcadamente urbano, dialogaron cos seus versos e recolleron a testemuña dunha voz que levou ao límite o xénero poético e promoveu a interacción da palabra e a escrita coa música, a imaxe e mesmo a improvisación. 

Alba Cid foi a primeira gañadora do certame poético Xela Arias, impulsado polo IES A Sangriña da Garda, pero tamén do Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández de 2020. 

Nunha entrevista con Europa Press, a autora lembrou a conexión que sentiu entón coa homenaxeada este 17 de maio, a vixencia das súas palabras e a familiaridade que inspira a súa traxectoria no panorama literario. 

"Creo que é unha figura moi diferente. Pode imantar un entusiasmo moi diferente porque en certo xeito nos ofrece unha especie de sentimento de proximidade que non se dá noutros casos", sinalou, tanto por formar parte dunha xeración moi próxima a efectos cronolóxicos como polos seus primeiros pasos en certames literarios. 

É por iso que rexeita a visión xeneralizada de que a poeta tivo unha obra "breve" xa que conta con moitos escritos en fanzines e publicacións, nos que se constataba que Arias non respondía "a tempos que non fosen os propios" e xa facía gala dese "inconformismo", desas resistencias e esa fractura da linguaxe presente en cada poemario con vontade "de abrir novos camiños".

NON EXISTE O EQUILIBRIO. Para a escritora Yolanda Castaño, Xela Arias representa "un modelo e un referente nunha época en que non había moitas mulleres escribindo" e que, "lonxe de seguir modelos alleos", creou o seu propio e converteuse en "unha auténtica precursora do que viría mais adiante" na súa xeración, cunha figura autoral "transgresora" e "afastada dos púlpitos e as academias". 

"Situouse por vontade propia nas marxes e alguén que decide iso ten polo menos a admiración desa valentía, de non comulgar co poder e colocarse en lugares que a poderían deixar mesmo á intemperie por momentos, pero dona dos seus propios desexos e na procura da propia felicidade", considerou. 

Arias publica a súa primeira obra en 1986, Denuncia do equilibrio, da man de Edicións Xerais de Galicia, agora reeditada e con prologo de Olga Novo, autora recoñecida co Premio Nacional de Poesía do 2020. 

"Xa se ve a poeta que ela vai ser. Ese título denuncia precisamente a falta de equilibro social, profundo, e esa procura esencial da independencia persoal", trasladou Novo, sobre esta obra que está "asentada en principios moi básicos da súa personalidade" e nos que "vai insistir en obras seguintes" ata 'Intempériome', para moitos o seu poemario máis pulido.

ROMPER AS BARREIRAS. Catro anos despois, xa nos 90, sae á luz Tigres coma cabalos, unha obra "pioneira" e un exemplo da vocación da autora por romper as barreiras da linguaxe e na que os seus poemas dialogan cunha serie de fotografías realizadas pola súa exparella, Xulio Gil. 

"Mostran corpos espidos, o dela e doutros, e a recepción non acompañou realmente ao sentido que ela quería daquela obra. O da beleza, da liberdade dos corpos que se achegan, aproxímanse e ámanse. Un canto á liberdade", destacou Olga Novo, animando a reler e recuperar unha obra que permite "celebrar esa diversidade", sen tabús. 

Foi precisamente esta mestizaxe de formatos e linguaxes o que a sitúa como unha avanzada ao seu tempo. "Foi unha precursora na fusión da poesía con outras disciplinas creativas e aventurouse a baixar a poesía da cadeira de brazos do lector, adiantando o que caracterizaría a ética e a estética dos 90 á nosa xeración, buscando a conexión co lector e levala a pé de rúa", engade Castaño.

Xela Arias. EP

VISIÓN DA MATERNIDADE. Berta Dávila chegou a Xela Arias a través de Intempériome, aínda que un dos seus libros "máis queridos" é Darío a diario (Xeráis, 1996), obra que ela mesma prologa na súa recente reedición con motivo do recoñecemento do Día das Letras Galegas. 

"Ela, desde unha capacidade e unha intelixencia lingüística pouco común, fai un achegamento e cuestiona, digamos, a submisión dentro da crianza, celebrando a autonomía do fillo á que se lle concede unha importancia fundamental e establecendo símbolos pouco comúns no seu momento ao redor do amor. Creo que é unha maneira de achegarse á maternidade que estaba pouco tratada", sinalou Dávila. 

Novo incide que neste poemario non se atopa "esa fenda que entre o feito de ser muller profesional, que traballa, e o feito de ser nai", e tampouco esa imaxe tradicional e patriarcal de "muller coidadora". 

"Conxuga moi ben no seu poemario esa idea de muller moderna, traballadora, independente, pero ao mesmo tempo nai e feliz de coidar ao seu fillo, de buscar para el unha independencia, ensinarlle a ser libre", destacou.

CALIDADE E PROFUNDIDADE. Intempériome, pola súa banda, representa o culmen de calidade de toda a súa traxectoria e dos eixos e temas que marcaron a súa escrita. 

"Aparece a voz tan característica de Xela, o seu estilo tan característico que lle levo anos definir, pero no seu froito máis logrado. Unha obra desprovista de elementos superfluos e na que conseguiu sofisticar o aparello conceptual (máis maduro e máis complexo), e pulir e depurar o aparello formal", valora Yolanda Castaño. 

Este poemario, publicado en 2003 por Espiral Maior, formaba parte ademais dun ambicioso proxecto entre Arias e o músico Fernando Abreu, co que buscaba combinar a lectura de poemas, os recitais, coa música máis experimental e a improvisación en directo. 

A pesar de quedar inacabado pola repentina morte da homenaxeada, Abreu conservou as gravacións que realizou á autora recitando coa súa voz os textos do poemario, e que recuperou a través do espectáculo Vencerse é cousa de se tratar combinando literatura, música e cinema en directo

"Sempre me quedou esa idea na cabeza e cando se empezou a falar de Xela para as Letras Galegas tiven claro que ese día remataba o traballo. Para pechar o círculo", lembrou o músico, que realizou estas semanas a preestrea do espectáculo xunto a Pablo Carreira, Mónica de Nut e Roi Fernández. 

Todos estes artistas, escritores e intelectuais manteñen acendido o faro de Xela, que Berta Dávila reivindica como a poeta "que non tivo medo a arriscarse" e indagar no profundo de si mesma, pero nunca desde unha perspectiva baleira. 

"Sitúase ao límite nun proceso de indagación moi interesante que está presente tanto como poeta, editora como nas súas intervencións públicas, que son moi lúcidas e valiosas para min. Moitas das cousas que dixo e que pensou son tremendamente valiosas aínda agora e é un pracer escoitala. É unha persona que provoca de maneira moi profunda moitas reflexións que cuestionan os fundamentos de todo". 

Vigo, epicentro dos actos conmemorativos
Vigo será este 17 de maio o epicentro dos actos conmemorativos do Ano Xela Arias, unha efeméride na que se implican numerosas institucións e entidades de toda Galicia para divulgar a súa figura e obra e estender a celebración das Letras Galegas por todos os recunchos do territorio. 

O acto da Xunta será no IES Castelao en Vigo, centro no que a propia Arias estudou de moza. En concreto, será a partir das 11.30 horas e contará coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ademais de representantes de numerosas institucións do país e unha actuación musical sobre poemas da autora. 

Posteriormente, a Real Academia Galega celebrará ás 13,00 horas o plenario extraordinario con motivo do Día das Letras Galegas no Auditorio Mar de Vigo, coa participación de Marilar Aleixandre, Ana Romaní e Manuel Rivas. 

No evento tamén se poderá gozar das actuacións musicais de Mónica de Nut, Pablo Carreira e Fernando Abreu, intérprete que comezara a preparar un espectáculo poético-musical con Xela Arias pouco antes do seu falecemento en 2003. 

Comentarios