jueves. 17.10.2019 |
El tiempo
jueves. 17.10.2019
El tiempo

Xacio Baño: "Hai nervio pero o traballo fíxose ben e iso dá tranquilidade"

Xacio Baño na súa casa de Xove.
Xacio Baño na súa casa de Xove.

Hoxe é o día máis importante a nivel profesional para este xovense que presentará no festival de San Sebastián a súa primeira longametraxe. ‘Trote’ conta a historia de Carme, unha muller que vive nunha aldea do interior de Galicia xunto a súa nai enferma e o seu pai, co cal apenas se fala. A película é unha produción española lituana con gran carga visual

A ÓPERA Prima do xovense Xacio Baño, no relativo a longametraxes, non podía ter unha estrea mellor, xa que non todos os días se presenta unha película no prestixioso Festival Internacional de Cine de San Sebastián, a onde se dirixen agora mesmo todas as miradas internacionais das artes cinematográficas. Baño presenta ‘Trote’ ás dez da noite dentro da sección Zabaltegi Tabakalera, a máis aberta e creativa de todo o festival. O xovense amosará unha película sobre sensacións interiores e cunha importante narrativa visual, como se pode ver en escenas como as da rapa das bestas.

¿Con que sensacións chega á presentación do filme hoxe no Festival de Cine de San Sebastián?
O equipo imos con moita ilusión a esta cita e, sabendo que é un lugar fabuloso onde presentar unha película, a miña actitude é a de chegar sen pensar moito en onde imos. É o festival máis importante de España e é un orgullo estar aí, pero a nosa perspectiva é a de compartir a nosa película co público nun acto moi bonito. Hai que baixar ao chan, esquecerse de que é Donosti e simplemente transmitir o que quixemos contar con esta película. En certo sentido estou relaxado porque o traballo está ben feito e cando un está satisfeito co traballo que fixo, pois hai tranquilidade e menos nervios pero algún vai haber.

¿Hai tintes autobiográficos na historia que se conta en ‘Trotes’?
Algo hai. O da rapa das bestas sempre me foi alleo, tanto a min como a miña familia, pero era unha boa metáfora para transmitir o que queríamos contar nesta película. Si hai cousas autobiográficas nas preguntas que se fan no filme, ou que o filme lle plantexa ao espectador. Os personaxes son como alter egos de min, fan as preguntas que eu me fago. Tamén se narra unha realidade de un mundo pechado, de familias que non se coñecen, e preséntase a dicotomía que moitas veces xurde entre quedar nun lugar a coidar de alguén e ter que marchar para buscar outras inquedanzas.

A paisaxe é parte importante da película. ¿Chegou a gravar algo na súa terra natal?
Gravouse en Galicia, en concreto en Amil, en Pontevedra, e en Ames, preto de Santiago. Non gravamos nada en Xove nin na Mariña. Queda para a próxima película.

Chama a atención que este filme conte coa presenza dunha produtora lituana. ¿Como se deron as circunstancias para que iso fose posible?
Pois foi porque eu coincidira coa produtora lituana, que se chama Ciobreliai Films, en varios festivais nos que participei. Había ideas e intereses comúns e logo, que é moi importante, houbo empatía con Frida Films, polo que entendéndose as dúas produtoras é todo máis doado. Froito desa colaboración rematamos a película en Lituania, cos técnicos e artistas de aló, que son moi bos.

O filme tivo a súa estrea no festival de Locarno, en Suiza, onde vostede xa é todo un veterano. ¿Que tal foron as cousas por alá?
É certo que Locarno é un lugar repetitivo na miña carreira e alí síntome como na miña propia casa. É un festival de referencia no cine independiente, que se move por criterios non capitalistas e co cal me sinto moi identificado. A película gustou, ou polo menos nas críticas que lin. Estou satisfeito porque vexo que a idea ou as sensacións que quería transmitir no filme foron as que lle chegaron aos espectadores. 

‘Trote’ é polo de agora o seu proxecto máis ambicioso e tamén a súa primeira longametraxe. ¿Cambiou moito o xeito de facer a película respecto a proxectos anteriores?
Cambia bastante, a verdade é que si. Estaba acostumado a facer prácticamente todo o proceso nas curtametraxes, e iso inclúe a parte económica, de conseguir os cartos que precisas. Con ‘Trote’ quiteime de enriba esa parte, que é unha parte moi laboriosa e que rouba moito tempo, ademais de que é bastante ingrata. Esta película é o resultado de tres anos de traballo, é moito traballo pero tamén moi gratificante. Tiñamos o hándicap da Rapa das bestas, que se fai en verán, e tes que adaptar a plan de traballo para que coincida.

¿Cando a poderán ver os espectadores no cinema?
Pois agardamos que de cara o final de ano esté dispoñible. Queremos aproveitar o tirón deste festival e doutros máis nos que imos estar. Faremos unha estrea galega na que estaremos seguro en Santiago e moi probablemente na Coruña e en máis cidades.

¿Contar cun reparto con María Vázquez e Celso Bugallo axuda a contar mellor a historia de ‘Trote’?
Fai que sexa doado contala, pero non só por eles dous, senón por todo o reparto. Hai algo de confianza mutua entre a historia e os seus actores e actrices. A película transmite sensacións, leva aos seus protagonistas a un sitio novo, lugares que poden ser incómodos pero que acaban converténdose en todo o contrario por unha cuestión de confianza no que se está a facer.

¿Cal é o seu proxecto máis inmediato?
Pois é outra curtometraxe. Chamase ‘Augas avisais’ e levo traballando nela arredor de 3 meses. É unha historia que remite a unhas cartas da Guerra Civil que pertencían a un familiar meu.

"É curioso que en Xove haxa varios cineastas, debemos ter a profesión metida no ADN"

Para un concello pequeno como Xove, é moi reseñable a cantidade de xente que se dedica ás artes audiovisuais, como é o caso de Xacio Baño ou o tamén director cinematográfico Lázaro Louzao.
¿A qué cree que se debe que Xove, con apenas 2.000 habitantes, teña tanta xente dedicada ao cine?
A verdade é que é moi curioso porque Xove é un concello pequeno. Debe ser que o temos metido no ADN (risas). Penso que son coincidencias que ás veces ocorren. En Meira pasa algo parecido, hai varios cineastas. Igual ten que ver coa personalidade de ser dun concello pequeno en medio de concellos tamén pequenos, pero en calquer caso máis grandes que Xove. Penso que igual buscamos a nosa identidade e o cine é un sitio estupendo onde expresala. En calquer caso é algo que non deixa de ser canto menos curioso.

¿Para cando unha nova longametraxe?
Pois se todo vai ben, dentro de dous anos presentaremos ‘Ana e o futuro’. É a miña segunda longametraxe e tamén é o proxecto máis ambicioso. Nesta película buscamos un nexo, unha conexión co público máis emocional. É un filme de carácter un pouco máis comercial, máis pensada para todos os gustos. Está en galego pero pódese adaptar a máis idiomas, que iso é sempre positivo porque significa que chega a máis xente.
 

Xacio Baño: "Hai nervio pero o traballo fíxose ben e iso dá...
Comentarios