Martes. 21.05.2019 |
El tiempo
Martes. 21.05.2019
El tiempo

Xacio Baño apela ao animal que somos na súa ópera prima, 'Trote'

O cineasta Xacio Baño. ARQUIVO
O cineasta Xacio Baño. ARQUIVO

A película do xovense xira arredor da loita entre o desexo de liberdade e as ataduras familiares

O Novo Cinema Galego ten un novo embaixador: Xacio Baño debuta este venres nos cinemas con Trote, unha película ambientada na Galicia rural, illada e opresora, e que gravita ao redor da loita entre o desexo de liberdade e as ataduras familiares.

Utilizando como transfondo e metáfora a rapa das bestas, unha festa tradicional que consiste en atrapar aos cabalos salvaxes para cortarlles as crines, o filme apela "ao animal que somos", segundo explicou a Efe o seu director. 

"Á protagonista, Carmen (María Vázquez), o corpo pídelle coller aire, escapar, facer a súa vida, correr polo campo, pero sente a obrigación de coidar aos seus pais, o que implica diluírse no que queren ou esperan os demais", sinala. 

Baño (Xove, Lugo, 1983) é o penúltimo nome dunha nova xeración de directores –Oliver Laxe, Lois Patiño, Eloy Enciso, Álvaro Gago, etc.– xurdidos en Galicia á marxe da industria, con vocación autoral e vangardista, cunha mirada que vai do local ao universal e que gozan de recoñecemento fóra de España. 

O cineasta, que presentou Trote o pasado mes de agosto no Festival de Locarno, referencia europea do cinema independente, asegura que foi decisivo o apoio da administración pública galega nestes últimos anos, con axudas directas aos directores. 

"Son películas que viaxan polo mundo cunha facilidade abraiante e a miúdo están feitas con catro mans, entre amigos, o que convida a pensar que é bo volver aos inicios, quitar todo o aparato capitalista e dar voz ao contador de historias", reflexiona Baño. 

Ás veces coidarse un mesmo é o máis importante que podes facer

Iso e o circuíto de festivais galegos, como Curtocircuíto, Playdoc, Cineuropa ou Novos Cinemas, que contribúen "a educar miradas" achegando ao público a posibilidade de coñecer o cinema europeo de vangarda

Baño, que ía para enxeñeiro pero rectificou a tempo, recoñece que o punto de partida de Trote é unha experiencia persoal. 

"O meu avó enfermou, era como un pai para min, e tiven este dilema, entre ir todos as fins de semana a verlo, o que supoñía deixar de escribir, ou non... Ás veces coidarse un mesmo é o máis importante que podes facer", sinala. 

Pero ao elixir a unha muller como protagonista, colócase tamén na diana o tradicional rol da muller coidadora. "A que coida é ela, é o que adoita pasar", sinala a actriz María Vázquez: "Cando hai unha muller, é ela quen se fai cargo en máis do 90% dos casos, e nos pobos especialmente". 

María Vázquez: A que coida é ela, é o que adoita pasar

A reflexión sobre os roles de xénero esténdese ao home, a través do personaxe de Luís (Diego Anido), o irmán que regresa por uns días ao fogar familiar e que "trata de asimilar que non é o macho alfa, que é o que a sociedade lle pide, ser o seguinte líder da manda". 

Os planos longos e con pouco movemento falan do ritmo sosegado do mundo rural. A tensión pona os sentimentos reprimidos e os silencios que dan ás a outras formas de expresión. 

Xacio Baños: Unha familia non é o que un fala senón o que cala, os segredos, as feridas do pasado

"Unha familia non é o que un fala senón o que cala, os segredos, as feridas do pasado", di Baño e tamén o relaciona con esa parte animal de non mostrar, de estar como gruñindo cando hai algo que un non acaba de colocar. "Por aí sae esa familia doída, raspada, que para min era o interesante, unha especie de manda". 

Xacio Baño apela ao animal que somos na súa ópera prima, 'Trote'
Comentarios