Xabier Docampo e Xurxo Mariño, premiados na Gala do Libro

A editora Chan da Pólvora do monfortino Antón Lopo levou os de poesía e obra ilustrada

Xurxo Mariño, no Machu Picchu, en Perú, na volta ao mundo que deu lugar a 'Terra'. ELISA COUTO
photo_camera Xurxo Mariño, no Machu Picchu, en Perú, na volta ao mundo que deu lugar a 'Terra'. ELISA COUTO

A nena do abrigo de astracán (Xerais), do rabadés Xabier P. Docampo, e Terra (Xerais) do focego Xurxo Mariño, foron elixidas as mellores obras de 2017 en narrativa e divulgación, respectivamente, no transcurso da Gala do Libro Galego, celebrada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (Age) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) en Santiago.

Sobre a novela de Xabier P. Docampo, o xurado "estima a mestría do autor á hora de empregar o medo e a memoria para explicar a represión e o control social dos anos 40 en plena ditadura franquista", mentres que de Terra valórase un libro "único, froito dunha experiencia singular, que demostra que no século XXI aínda se pode manter a ollada curiosa da ciencia sobre o mundo".

Outro lugués que saiu reforzado da Gala do Libro é o monfortino Antón Lopo, xa que a súa editora Chan da Pólvora levou os premios na categoría de libro ilustrado, grazas a Tinta de luz, de Xosé María Álvarez Cáccamo e con deseños da recentemente finada Berta Cáccamo, e Camuflaxe, de Lupe Gómez, a mellor obra lírica.

A señorita Bubble (Xerais), de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide, e Os nenos da varíola (Galaxia), de María Solar, mereceron os galardóns nas categorías de literatura infantil e xuvenil, respectivamente.

Outras das publicacións que resultaron premiadas foron Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia (Laiovento), de Antón Figueroa (ensaio e investigación); Alter-Nativo (Aira), de Jorge Campos (banda deseñada); Pippi Mediaslongas (Kalandraka), de Astrid Lindgren e verquido ao galego por David A. Álvarez (tradución); Río Bravo (Kalandraka), de Chévere (teatro), e Lumes (Apiario), de Ismael Ramos (libro mellor editado).

Ana Romaní (polo Diario cultural da Radio Galega) e a colección Xerais Básicos Ciencias tamén levaron cadanseu galardón da Gala do Libro celebrada este sábado.

Comentarios