sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Violencia e populismo

Alianza Editorial vén de reeditar 'Reflexiones sobre la violencia', algo que como vemos fai xustiza histórica. O texto orixinal vén precedido dunha ampla introdución da man de Isaiah Berlin, o que sempre axuda a aclarar conceptos

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

LEMBRO A primeira vez que souben de Georges Sorel. Foi namentres traballaba no Doktor Faustus de Thomas Mann, por desgraza na infame tradución ao español de Eugenio Xammar, que omite digresións porque lle peta e usa unha linguaxe arcaizante propia máis deste cronista ca de Mann. Algún día a editorial española que posúe os dereitos sacará unha versión ben traducida e anotada como é debido.


Serenus Zeitblom, o narrador da novela, entra no salón Kridwiss, onde se reúne un dos grupos de diletantes que poboan o relato. Estes intelectuais consideran Reflexiones sobre la violencia o libro chave dunha época dominada polo espírito da Revolución Francesa, que conduce ao despotismo das masas. Estamos no período de entreguerras e comeza a agromar a violencia fascista. Os vaticinios de Sorel semellan cumprirse punto por punto... pero non pola esquerda senón pola extrema dereita.

Alianza Editorial vén de reeditar Reflexiones sobre la violencia, algo que como vemos fai xustiza histórica. O texto orixinal vén precedido dunha ampla introdución da man de Isaiah Berlin, o que sempre axuda a aclarar conceptos. Tanto que recomendo aos lectores que pasen por riba dela ata ter rematado con Sorel. É mellor ler sen prexuízos. Si sería necesario un paseo por Kolakowski, xa que estas reflexións son fillas do seu tempo.

Situémonos: estamos en 1907, non hai demasiado que Karl Marx pasou a certo lugar onde os seus furúnculos xa non eran un problema e na esquerda hai un debate que, transformado, aínda chega aos nosos días —verdade Iglesias e Errejón?—: debe a esquerda tomar o poder pola vía revolucionaria, en boa parte motivada polo Domingo Sanguento de 1905 en Moscova? Ou debe entrar nas institucións e tentar tomar o poder facendo uso de métodos democráticos, ou sexa, do poder numérico da masa? Non é Sorel precisamente un crítico do posibilista Bernstein, pero remata por decantarse pola vía revolucionaria.

As súas razóns nada teñen que ver cunha posíbel superioridade ideolóxica da vía da revolución senón con outro dos compoñentes do espírito da época: a decadencia. O espírito da verdade conduce á decadencia e polo tanto a comunidade, a masa, ten que ter dominio sobre a verdade. Ou dito á portuguesa, o pobo é quen máis ordena. Pero aquí atopamos un paradoxo: o dominio da masa non traerá unha feliz utopía comunista senón catástrofes sen conta. Os mitos da masa alimentarán a destrución.

Sorel é un teórico da esquerda. O político máis continuamente interpelado nesta obra é Jean Jaures, o lendario dirixente socialista francés asasinado tres días despois do inicio da Primeira Guerra Mundial para deter os seus esforzos pacifistas. E non obstante non podemos deixar de identificar as súas reflexións coa evolución dun Mussolini dende o socialismo ata o feixismo dos camisas negras, aqueles matóns que exercían a violencia descrita por Sorel dende o punto de vista histórico e moral. Xa non era violencia revolucionaria senón reaccionaria e populista. Xa saben vostedes que nesta columna somos moi de espectros políticos circulares e non lineais.

Reflexiones sobre la violencia é un deses clásicos cuxo título chama, cuxa lectura resulta pesada e disuasoria e cuxa idea fundamental deixa unha pegada indelébel na cosmovisión do lector. Georges Sorel anunciou ao falar da esquerda hai máis dun século o camiño da violencia da ultradereita, agora disfrazada grazas ao 'populismo', etiqueta de contido difuso perfecta para disimular racismo e clasismo.

Violencia e populismo
Comentarios