As violas do inferno e do ceo inauguran o sábado a Semana do Corpus de Lugo

Accademia del Piacere dará o primeiro dos concertos do certame no Círculo de las Artes

Fahmi Alqhai, director e viola de gamba de Accademia del Piacere. EP
photo_camera Fahmi Alqhai, director e viola de gamba de Accademia del Piacere. EP

O son de tres violas de gamba anuncia a primeira actuación da Semana do Corpus. O primeiro concerto, o de Accademia del Piacere —ás 20.30 horas do sábado no Círculo de las Artes de Lugo— será baixo o nome en francés de As violas do ceo e do inferno. O cuarteto está dirixido por Fahmi Alqhai, que toca tamén xunto co seu irmán Rami e con Johanna Rose, e se verá completado polo clave de Javier Núñez.

Os irmáns Alqhai son dous sevillanos, fillos de nai palestina e de pai nacido en Siria, onde viviron a infancia. A visión renovadora da interpretación, que se basea na expresividade, sitounos na vangarda europea. En Lugo interpretarán pezas de M. Marai; de J.B. e A. Forqueray, e de J. P. Rameau.

Accademia del Piacere actuou en lugares como o Konzerthaus de Viena (Austria), o Konzerthaus de Berlín, a Philharmonie de Colonia (Alemaña), a Fundación Gulbenkian de Lisboa (Portugal), o Parco della Musica de Roma (Italia), o Auditorio Nacional de Madrid, ou o Festival Internacional Cervantino de Guanajuato (México).

No grupo destaca Fahmi Alqhai, cuxo primeiro CD en solitario, A piacere (2014) foi recibido pola revista británica Gramophone coma "extraordinario porque leva a viola de gamba a un novo terreo de gozoso potencial, e coma un feliz tributo a todo o que a viola puido ser, e pode aínda ser".

O barroco será o período que predominará con Lucie Horsch, Vigo 430 ou Jorge Jiménez

ESPÍRITO. A XLIX Semana do Corpus mantén o seu espírito barroco. Dentro deste estilo, a maiores de Accademia del Piacere, actuarán Lucie Horsch, a Orquestra Barroca Vigo 430 e Jorge Jiménez.

Todos os concertos da Semana do Corpus celebraranse ás 20.30 horas no Círculo das Artes de Lugo, coa excepción deste de Jorge Jiménez, que se fará no conservatorio de música. A programación comeza o sábado e remata o día 8. Interpretarase música de catro séculos,entre o XVII e o XX.

O día 25 o festival lucense ocúpase tamén de atender os músicos galegos, como o Trío Castelao, que está composto por Inés Picado Molares (viola), Pedro Rodríguez (violín) e Raúl Mirás (violonchelo). Os compoñentes recibiron o inestimable apoio de institucións como a Fundación Barrié de la Maza, Fundación Alexander on Humboldt, a Deputación da Coruña, Fulbright España, a Universidade de Indiana, a Fundación Inditex ou a Fundación La Càixa, que lles permitiron manter unha carreira profesional durante a que formaron parte de entidades como a Orquestra Sinfónica de Tenerife ou a premiado Beira Quartet nos Estados Unidos.

O día seguinte, o 26, será a quenda da pianista Sofya Melikyan. Mentres a frautista Lucie Horsch foi destacada con 22 anos pola Asociación de Salas de Concertos de Europa. Vai acompañala o día 28 a Orquestra Barroca 430 de Vigo. Jorge Jiménez tivo a audacia de reescribir as Variacións Goldberg para interpretalas a violín. Tocará Rethinking Bach o día 31.

O día 29 escoitaremos lieder e cancións de Richard Strauss e Verdi coa soprano Ezgi Alhuda coa Orquesta Sinfónica de Galicia.

Patagonia Express poñerá a nota distinta cos tangos do arxentino Astor Piazzolla

TANGO. O día 2 de xuño haberá unha pausa no barroco con Gustavo Beytelmann, un dos últimos pianistas que acompañou a Astor Piazzolla, protagoniza o trío Patagonia Express, que chega cun repertorio do disco Piazzolla: Ruta 100, que logrou un notable predicamento en Europa durante este ano.

Musica Alchemica, que dirixe a violinista Lina Tur, actuará o día 4 de xuño. A crítica destaca de Tur o seu virtuosismo combinado cunha musicalidade pouco usual e unha enerxía poderosa sobre o escenario.

O contratenor Carlos Mena completa o ciclo o día 8 de xuño acompañado polo violinista e director de Concerto 1700 Daniel Pinteño, que farán soar Bello Pastor: Cantadas para castrado na Capela Real. Trátase dun repertorio, máis ben escaso, de temas para cantantes emasculados.

Mena e Concerto 1700 darán nova vida ás pezas máis destacadas de autores españois que pensaban na festa relixiosa do Corpus coa visión de compoñer unha música de realce porque era a celebración máis destacada do ano litúrxico.

Na presentación do certame musical lucense, o director, José Luis Díaz, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, remarcaron que a Semana do Corpus acada 49 anos sendo o festival de música culta máis antigo de Galicia.

Comentarios