miércoles. 25.11.2020 |
El tiempo
miércoles. 25.11.2020
El tiempo

Villar Janeiro publica un libro "de meditación e rezo para ateos e agnósticos"

Imaxe dos zapatos que aparece en 'Poesía Mínima'. HELENA VILLAR JANEIRO / EDITORIAL ALVARELLOS
Imaxe dos zapatos que aparece en 'Poesía Mínima'. HELENA VILLAR JANEIRO / EDITORIAL ALVARELLOS

A escritora fai unha escolla de cincuenta fotografías e haikus para reunilas no libro 'Poesía Mínima', que aparece en tres idiomas

A Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940) gústalle recuperar obxectos que quedaron esquecidos pola súa casa. "Había unha vella cámara de Sony á que ninguén lle facía caso, así que collina e empecei a facer fotografías", apunta a autora dende a casa na que vive, sobre o mar de Rianxo.

As imaxes que quitaba gustáronlle e empezou a subilas a Facebook. Os amigos que estaban ao outro lado da fibra óptica comezaron a darlle a aprobación por medio de iconas felices e loubanzas nos comentarios. Chegou un momento en que "se converteu nun compromiso, porque eu sabía que había xente esperando", polo que o hábito estableceuse como diario.

Como escritora de medio cento de títulos, asociaba cada fotografía que subía ás redes a un poema de tres versos concisos relacionado coa imaxe. "O haiku é unha forma coa que me sinto cómoda. Empecei no 2003, cando quitei Pálpebra azul", comenta Villar Janeiro, que ten por divisa literaria: "As cousas sinxelas explican o mundo".

Engade que "non sabería publicar un texto sen imaxe nin unha imaxe sen texto; a ver, eu non son fotógrafa, pero a fotógrafa colaborou coa poeta".

Os textos falan da vida, da morte, do universo, da nada, do todo sigue, do panteísmo...

Entre as seiscentas imaxes que se podían ver no seu álbum do Facebook, hai unha na que se ven dous zapatos deportivos naufragados nunha praia que fascinan a Henrique Alvarellos (Lugo, 1968). O editor propúxolle facer unha escolla de cincuenta entradas coa única condición de que incluíse esa imaxe colorida dunha desgraza. Helena Villar Janeiro, quen nunca pensara que o seu traballo se publicaría en libro, aceptou e a resultado é Poesía mínima/Minimal Poetry, un volume de "fotopoemas" en galego, español e inglés. Ela defíneo como unha obra "de meditación e rezo para ateos e agnósticos".

LEMOS. As versións nos dous primeiros idiomas son da autora e a versión inglesa pertence a Paul Baker, "un cantautor británico que anda pola zona de Lemos cultivando a terra e que fixo unha recreación dos poemas que, segundo comentaron nativos ingleses, está moi ben feita".

A selección dos "fotopoemas" que accederon ao libro foi feita pola escritora, "tendo en conta a calidade das imaxes, o que representa cada unha, que non se repetisen...".

Villar Janeiro explica que "están clasificadas en doce tema, que son a mar, as follas, as flores, a chuvia, as fiestras,..."; deixa de enumerar para remarcar que lle gustan moito as fiestras e xa non volve á listaxe.

Estou moi atarefada porque estou estudando fotografía, os meus mestres mándanme fotografar unha cousa durante sete días

O textos tratan "da vida, da morte, do universo, da nada, do todo sigue, do panterísmo,... e hai unha homenaxe aos Ancares, non podían faltar as miñas montañas, cos seus xoios e acevedos,... tamén hai un erotismo dicible, co falo dunha flor e unha orquídea, que é feminina, e están o goce, a sensualidade, un paxariño que nos apareceu morto ao lado da casa...".

DIFÍCIL. Helena Villar Janeiro animouse moito tras dar unha nova vida á súa Sony e recibir unha resposta aprobatoria nas redes sociais, que a alentou a establecer unha leve disciplina. Agora precisa dela porque está "moi atarefada estudando fotografía para aprender máis técnica". "Os meus mestres mándanme fotografíar unha cousa durante sete días e que cada fotografía sexa distinta e iso leva o seu tempo", sinala.

O seu "gusto por durmir" e o seu lugar de residencia non lle facilitan a disciplina fotográfica. "Non madrugo e agora anoitece cedo"; a maiores, "Rianxo é un lugar difícil para fotografar porque hai moita luz e moito vento,o vento da mar non para en todo o día".

Villar Janeiro publica un libro "de meditación e rezo para ateos e...
Comentarios