Viernes. 15.02.2019 |
El tiempo
Viernes. 15.02.2019
El tiempo

"Un verdor de beleza cubría o pazo"

Luz Pozo Garza. CABALAR (EFE/ARQUIVO)
Luz Pozo Garza. CABALAR (EFE/ARQUIVO)

Luz Pozo Garza volve publicar un libro de poesía. Ten 96 anos, pero aínda non lle afectou o desencanto. 'Pazo de Tor' (Alvarellos) está dedicado aos antergos que erixiron e habitaron o palacio monfortino dende o século XIV. A inspiración veulle dunha visita de hai oito anos, cando soamente acertou a ver beleza

Sendo nova un mozo preguntou a Luz se ía querelo "para sempre". Ela botouse para atrás. Estaba asustada imaxinando anos e anos formando unha ringleira sen final no horizonte. Pero tamén estaba namorada. "Para sempre? Prefiro entregarche a miña alma". Foi unha forma lírica e menos comprometida de prolongar o seu amor ata a eternidade.

Dende aquela, Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) atravesou océanos de tempo. Tanto no seu corazón, que acolle 96 anos, como a través da súa estirpe materna, que se fixo patente no século XIV coa construción do pazo de Tor. Vén de dedicarlle un poemario, Pazo de Tor (Alvarellos), a ese palacio monfortino.

O tempo parece unha abundancia para Luz Pozo, pero non tivo ocasión de visitalo ata hai oito anos. "Estaba dando clase, non podía collerme uns días". Cando o coñeceu valorou que "estaba moi ben porque había pouco que marchara a familia que o habitaba. Quedaban uns restos da torre da homenaxe. Estaba cuberto dun verdor que eu recordo como beleza". A memoria pode quitar brillo mesmo á decadencia máis miserable. O pazo foi rehabilitado pola Deputación de Lugo.

"A miña nai foi a última descendente", asegura a escritora. A nai era Luz Garza Feijoo, de quen Dolores Elvira Pozo Garza colleu o nome para dedicarlle libros. Un antepasado materno da autora era medio irmán do Padre Feijoo. "O seu pai recoñeceuno, pero despois casou cunha señora importante e tivo esoutro fillo". 

A nai deulle a linaxe e a poesía. "Escribía poemas. Gustáballe lérnolos". Tamén lle deu o mundo. "Era de Allariz. Os seus pais morreron cando era unha nena. Estudou en colexios de elite de Alemaña, Bélxica e Estados Unidos". Notábaselle na presenza e nos idiomas falados.

De pequena, a poeta levaba con orgullo unha escarapela tricolor

Luz Garza Feijoo casou cun republicano. De pequena, a poeta levaba con orgullo unha escarapela tricolor. "O meu pai dábanos moitas leccións sobre a República, vivía a política con paixón; pero a miña nai e máis eu eramos tradicionalistas. Eu vía a raíña Victoria en La Esfera, cos seus fillos vestidos de mariñeiros,... Deume moita pena a perda da monarquía. Eran tan guapos! Aínda conservo esa revista. Vou mirala esta tarde".

"O meu irmán, que me levaba catro anos, andaba moito co meu pai e tiña as súas ideas". Gonzalo morreu en Jaca no ano 1939. Era de esquerdas, pero "fixo tales amizades" entre os soldados franquistas que non saltou de bando.

O pai de Luz Pozo, inspector veterinario, acabou preso no Cárcere Vello de Lugo por militar en Izquierda Republicana. Entre 1936 e 1938 estivo preso. "Unha vez, cando a miña nai ía velo dende Viveiro detiveron o coche na Gañidoira coa excusa de que tiveran unha avaría. Días despois soubemos que estiveran discutindo se a mataban alí mesmo ou non".

Os poemas perdéronse, pero a escritora pode "recitar de memoria" unha peza que lle dedicou Luz Garza ao seu home. Arestora non lembra o título. Os océanos do tempo. Sabe que "trataba dunha bolboreta que ía visitar o seu home no cárcere e lle traía noticias del". Nai e filla acabaron establecéndose nunha fonda de Lugo, no mesmo edificio que Luis Pimentel. "El xa non andaba nin falaba. Ía atendelo un enfermeiro".

Luz Pozo Garza ten un crucifixo "do século XVIII", que lle regalaran á nai cando casou e que esta entregou á filla tras a súa voda. "É un grande, de parede, pero nunca me separo del. Lévoo alí onde vou".

Dolores Elvira era coñecida en Viveiro como A Nena do Patinete, co que andaba de arriba a abaixo por toda a vila. "Cada dous anos tiña un patinete novo. O meu irmán cambiábame as rodas". Sempre foi inquieta, "de moverme". Xogou partidos oficiais de baloncesto e ten o título de patronaxe de embarcacións.

'Namoroume coas súas cartas. Dicía unhas cousas tan bonitas!'. Acabaron casando.

O seu gusto por "cambiar de ambiente" permitiulle botar quince días en Vilaestrofe (Foz). Con 7 anos foi pasar un par de semanas cun cura, amigo do seu pai, e cunha mestra. Probou unhas cereixas que volvería degustar nun poema escrito en 1946, con 24 anos. Mandouno ao xornal La Noche, de Santiago, e chegou a Eduardo Moreiras, quen lle pediu máis pezas para un libro colectivo. "Namoroume coas súas cartas. Dicía unhas cousas tan bonitas!". Acabaron casando.

LECTURA.  Ao tempo que aprezaba os cambios de paisaxe, adoraba a tranquilidade da lectura. "Unha vez, con 5 anos, ía á escola en Ribadeo. Eu xa sabía escribir, que me aprendera a miña nai. Vin un portal escuro que estaba cheo de libros. Había un mostrador con tebeos enriba. Detrás estaba un rapaz con 14 anos e pantalón curto. Díxome que alugaba libros por unha semana a cambio dun perrón, que era como chamabamos en Ribadeo aos patacóns".

Aluguei Los tres mosqueteros, o primeiro libro que lin. "Xa daquela me gustaba moito ler. Escondía os libros debaixo da almofada e, cando os meus pais marchaban deitarse, prendía a luz e lía".

O mozo que tiña a tenda singular era Dionisio Gamallo Fierros, un profesor de Literatura que foi un dos maiores sabios en Rosalía e Curros Enríquez. "Dionisio era moi amigo meu. Viña verme a Viveiro. Axudoume coa disciplina da poesía e presentou a miña obra por todas partes".

O tempo de Luz Pozo está sendo amable. "Non hai ninguén que me odie, hai moita xente que me quere e xente á que son indiferente", explica a nena feliz que andaba en patinente por Viveiro hai case que un século.

"Os meus pais facían regueifas"
Luz Pozo Garza recoñece que na súa casa non se falaba galego, "porque as clases medias non o facían", pero salienta que "tiñan devoción pola lingua", ata o punto de que "facían regueifas para ver quen sabía máis poemas de Rosalía. Gañaba a miña nai".

"O meu pai era adicto a Curros Enríquez, era librepensador", indica a poeta.

*Fotografía: Luz Garza Feijoo, en Bélxica en 1899

"Un verdor de beleza cubría o pazo"
Comentarios