De la Vega: "Esculpo co meu corpo, non podo darlle indicacións a ninguén"

O escultor de Paradela inaugurou unha mostra formada por medio cento de figuras humanas na galería La Catedral de Lugo ►As pezas foron talladas con machado en madeira de eucalipto reciclada das bateas mexilloneiras asentadas na ría de Arousa

Álvaro de la Vega, este venres na galería lucense La Catedral. SEBAS SENANDE
photo_camera Álvaro de la Vega, este venres na galería lucense La Catedral. SEBAS SENANDE

O escultor Álvaro de la Vega inaugurou onte a mostra A parte e o todo na sede que a galería La Catedral ten na rúa lucense de Bolaño Ribadeneyra. Frente á sala de arte están levantando un edificio de varios andares.

O encofrador cruzou onte dunha beirarrúa á outra para preguntar pola madeira que se usara no medio cento de esculturas que se expoñen. Eucalipto reciclado de batea, informoulle o galerista, Jorge Espiral. "Pero iso é moi duro. Debe de ser como dar co machado en cemento", observou o carpinteiro. De la Vega (Paradela, 1954) pode garantir esa dureza do material por ser el que o compra na ría de Arousa e quen se enfronte á súa solidez. A auga e o salitre do Rianxo no que vive agora suman peso e dureza a esas madeiras que botan anos mergulladas.

O artista, que leva tempo dando apuntamentos de cor ás súas obras, dixo que se deixou encantar "polas cores que ten a madeira", en referencia ao negror oxidado que deixan os cravos usados nas bateas para fixar as trabes nas que se colgan os mexillóns; ao verdín dos fungos, aos "restos de piche e ás coloracións azuladas".

O artista incorpora esas coloracións a unhas esculturas nas que siguen predominando os homes de mediana idade que contemplan a vida con perplexidade e en calzoncillos.

Neste mostra, as mulleres tamén pasaron polo momento óptimo do seu físico e tamén o amosan como se non lles pertencese, observando un punto perdido no horizonte.

Algunhas figuras manteñen equilibrios acrobáticos. Como expón o seu creador, non son metáforas, senón que teñen como función "facer uso do espazo, que é o paradigma da escultura".

Si proceden "dunha serie de obras con metáforas" outras partícipes da mostra, como a obra na que un hombre contempla un martelo, que "expresa que o que vexo é algo que me pertence, que a identidade do contemplado e o contemplador" se corresponden.

NOME. O nome da exposición, A parte e o todo fai tamén alusión a unha relación, a existente entre "o que ten de diferente cada peza e ao que teñen en común".

Álvaro de la Vega engade que a mostra que presentou onte "mantén reminiscencias" do que viña facendo e, asemade, incorpora "máis retrato, máis contexto, máis paroxismo".

A expresividade está concentrada nunha colección de dezanove mans, "un tema recurrente" do artista de Paradela. "Gústame facer mans porque é a ferramenta natural coa que traballo, a que fai fronteira coas ferramentas", asegura. As mans permítenlle "impulsar a idea".

"Eu son expresionista, esculpo co meu corpo; como non racionalista, non podo dar instrucións a ninguén para que me faga as obras", comenta, en previsión de que algunha mañá terá que deixar ese traballo de tanta "esixencia física".

Daquela será o tempo de recuperar a súa faciana de debuxante como actividade artística central, pois agora imparte clase de ensino medio en Noia e pode permitirse "non ter que pensar nos cartos", que era unha preocupación durante os quince anos que viviu en Barcelona.

Naquela época, Álvaro de la Vega pintaba indicacións de partes das vacas e chuletas, "moitas chuletas", sinalou un amigo. "Moita fame debeu pasar", chanceou.

Comentarios