Veciños, amigos e personalidades da cultura homenaxean a Manuel María en Monforte

O encontro musical e literario foi organizado pola Real Academia Galega e o Concello
A viúva do poeta, Saleta Goy, entre o público asistenta ao acto
photo_camera A viúva do poeta, Saleta Goy, entre o público asistenta ao acto

Veciños, amigos e personalidades da cultura homenaxearon este sábado o poeta e escritor Manuel María en Monforte de Lemos, a localidade lucense na que o autor residiu durante varias décadas e na que rexentou, xunto á súa muller Saleta Goy, a libraría Xistral.

No encontro musical e literario, organizado pola Real Academia Galega (RAG) e o Concello de Monforte, o presidente da institución lingüística, Xesús Alonso Montero, destacou que grazas a Manuel María "hoxe hai máis lectores de lingua galega".

Así mesmo, Alonso Montero subliñou a "enorme capacidade comunicativa" do poeta, "capaz de chegar a un público moi diverso e conseguir novos lectores. "Cando a RAG decidiu designalo protagonista do Día das Letras Galegas 2016 non solo o fixo en recoñecemento á categoría literaria de escritor polifacético senón que creo que moitos académicos estaban a pensar no que Manuel María ía facer polo seu nome, pero sobre todo pola literatura galega. Hoxe hai máis lectores de literatura galega que antes do 17 de maio", sinalou.

Tras a intervención do presidente, Margarida Ledo realizou un retrato persoal do homenaxeado, a quen coñeceu en Monforte de Lemos comezos dos anos 70. "Manuel María asumiu a pertenza a un mundo que se chama Galicia como materia literaria, posición de clase e actitude ética,", indicou a académica.

LIBRARÍA XISTRAL. Pola súa parte, co seu discurso, o escritor e xornalista Antón Lopo trasladou ao público ata a libraría que Manuel María e Saleta Goy abriron en Monforte en 1970 e na que ambos os dous inculcaron o amor á literatura a moitos mozos, creando unha "auténtica universidade literaria".

En Xistral coincidía a intelectualidad galega internacional, nun Monforte, o dos anos setenta, polo que transitaba Uxío Novoneyra, Anxel Fole, Roberto Martínez Andrade, Darío Xohán Cabana, Margarida Ledo, Manuel Rivas ou Lois Pereiro.

Precisamente, o escritor Lois Diéguez, que acompañou a Manuel María na súa aventura editorial, tamén escolleu a temática da libraría na súa intervención. "Se Manuel María estivese hoxe connosco atopariámolo na libraría Xistral escribindo outro libro de poemas con fondos de nostalxia, mentres Saleta atendería á xente", indicou.

Comentarios