Vallejo: "Hai nove días non sabiamos que iamos actuar no Son do Camiño"

O músico lucense actuará o venres no festival no Gaiás con Galician Army, o dúo de música electrónica que forma con Praaa. Ensaian por "videochamada" ao non vivir na mesma cidade
Alberto Prados e Sergio Vallejo. AEP
photo_camera Alberto Prados e Sergio Vallejo. AEP

Sergio Vallejo ten as liñas da vida marcadas. No seu WhatsApp hai unha foto cun bebé sentado xunto a un teclado, coa man apoiada. Vai avanzando. O venres actúa, xunto con Praaa, como Galician Army no festival O Son do Camiño. "Hai dez días non sabiamos que iamos actuar. Puxeron un escenario novo e nos chamaron". Para o dúo de música electrónica foi unha sorpresa e unha alegría, pero tamén un contratempo. Vailles obrigar a acelerar os prazos dun traballo de preparación de directos programados para aplicar en xullo. "Levamos toda a semana preparando o concerto; estresados, pero é unha boa oportunidade". Sergio Vallejo vive en Lugo, onde naceu hai 24 anos; Alberto Prado (Praaa), en Oleiros. "Ensaiamos por videochamada", indica cando fala das sesións que farán o venres ás 23.00 e á 1.00.

O dúo prepara un EP para empezar a lanzar singles despois do verán e concretalo a fins de ano. O ano que vén viría o seu primeiro álbum. "A pandemia cambiou todo. Cambiamos de estilo musical e apetecíanos traballar con algo máis ambicioso". Pasaron dun son que mesturaba o pop e música de club a outro que mira ás bandas sonoras dos anos 70 e 80 e á ciencia ficción.

"Eu descubrín a Vangelis en Blade Runner, que é unha película que ten corenta anos e que soaba futurista daquela e segue soando futurista". Ao revelar os seus gustos explica que o pai e os irmáns gardaban vinilos de Alan Parsons ou dos Pet Shop Boys "na casa da avoa" do artista.

Sergio Vallejo descubriu a música que lle gusta escoitando un filme, pero xa na adolescencia soubo que el podía intentar emular a Vangelis "a través de DJ Hero, un xogo da XBox". A práctica volveuse máis sofisticada cando o seu tío Antonio lle regalou un programa de discjockey ata convencerse de que necesitaba aprender música.

Apuntouse a clase con Philippe, que lle aprendeu o piano para acabar derivando á composición, a faceta que lle interesa máis. "Quero entender a música para creala". Os clásicos foron atopando o seu sitio no seu proceso creativo. "Ás veces escoito a Bach ou Chopin para inspirarme", comenta.

Galician Army coñecéronse nun concurso de discjockeys na Coruña no que os dous eran finalistas


Tanto Sergio como Alberto empezan a crear temas cada un pola súa banda para acabar por rematalas en común. Despois de seis anos coñécense tanto que saben se deben enviar unha proposta de canción ao outro ou non. Coñecéronse nun concurso de discjockeys na Coruña no que os dous eran finalistas xunto a outros dous aspirantes. Non saben se gañaron porque non se celebrou a sesión que decidía o gañador.

O pasado febreiro apareceron no Luar, o altar que certifica o futuro de todo artista galego, grazas a unha versión de Terra das Tanxugueiras.

Sergio Vallejo ten carné de conducir. Resulta un rito obrigado sendo fillo do reputado piloto de rallies. "Cando era pequeno o meu pai levábame a karts. A el víaselle que tiña talento desde que era un rapaz, pero a min non me atraía, máis aló de que ir velo correr porque é o meu pai".

Sergio non dubida sobre dar un paso fóra da liña que trazou. "Dedico todas as horas que podo á música porque espero que sexa a miña profesión", engade.