Letras Galegas 2022 | A valentía de Delgado Gurriarán en defensa dos exiliados

O autor valdeorrés colaborou co servizo de evacuación de refuxiados españois
Florencio Delgado Gurriarán. EP
photo_camera Florencio Delgado Gurriarán. EP

De Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado na edición 2022 das Letras Galegas, destacouse ao longo dos últimos días fundamentalmente o seu compromiso político e a súa ardua defensa da lingua galega, pero é o seu papel no exilio e a súa implicación en axudar aos que como el se viron obrigados a abandonar a súa terra. Este é un dos aspectos que máis chama a atención do autor de Córgomo (Valdeorras, Ourense) ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Nunha entrevista con Efe, García destaca a "valentía" nese sentido de Delgado Gurriarán ao lembrar que puido fuxir a México no primeiro barco que partiu, e con todo permaneceu en Francia aleccionando e axudando ao resto de exiliados.

"Hai que dimensionar tamén a Diego Gurriarán nese sentido de activista, de 'heroe da retirada', porque estamos afeitos a que os heroes sexan sempre os que avanzan, pero hai moitos heroes que o son axudando a retroceder para que haxa o menor número de baixas posible. El foi un heroe da retirada", destaca.

O autor valdeorrés colaborou co servizo de evacuación de refuxiados españois, lembra o secretario xeral de Política Lingüística, e subliña que Delgado Gurriarán "xa fai aí un labor moi valente".

Do mesmo xeito que outros intelectuais galegos de orientación galeguista, como Eligio Rodríguez, o cineasta Carlos Velo ou o xornalista Luís Soto, Delgado Gurriarán atopou no México gobernado naquela época polo presidente Lázaro Cárdenas o lugar no que desenvolver as súas inquietudes académicas, sociais e políticas.

Foi así como, entre outras accións, como a través das revistas Vieiros ou Saudade, o autor nado en Córgomo xogou un destacado papel a favor do asociacionismo galego como forma de preservar a continuidade ideolóxica do Partido Galeguista en terras mexicanas.

"O exilio republicano tiña un problema con Arxentina porque non gustaban demasiado os republicanos españois ao ser normalmente xente de esquerdas, comunistas ou anarquistas, e foi entón México o país que de verdade lle abre as portas a Delgado Gurriarán. Era o México da liberdade", rememora Valentín García. 

Do autor homenaxeado este 2022 nas Letras Galegas sostén o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta que "sempre foi un galego militante que coidou moito a colonia da súa terra que o rodeaba".

"Toda a súa vida -engade- foi unha persoa emocionalmente tocada pola lingua, porque el sabía que a lingua propia era o principal factor identitario dos galegos e que con ela sería suficiente para mantelos unidos". 

E engade: "escribe para a Galicia exiliada porque se dá conta de que ese exilio vai ser longo e de varias décadas, e había que reservar os valores, a ideoloxía e a raíz fondamente galega".

A pesar de que Delgado Gurriarán conservou durante toda a súa vida fondas raíces pola súa terra, "hai momentos nos que non deixa de transmitir a súa fascinación polos países que coñece", afirma García.

Neste sentido, destaca do autor a maneira de conservar e usar o léxico e a descrición que fai da súa querida comarca de Valdeorras a pesar de tanto tempo que non a pisaba. "Todo iso tíñao moi interiorizado", sinala. "A pesar de estar a maior parte da súa vida fóra de Galicia, Galicia sempre estaba interiorizada nel. O léxico, a paisaxe, as formas de vida da súa terra son unha constante na súa obra e na súa vida", agrega García.

Igualmente, recalca de Florencio Delgado Gurriarán "a forma de hibridar a cultura galega e a mexicana". "El é consciente de que á vez que quere conservar a cultura galega, pero ao mesmo tempo vese fascinado pola cultura de Latinoamérica, sendo capaz de compor un poema en galego co transfondo a cultura e sociedade mexicana".

Comentarios