martes. 22.10.2019 |
El tiempo
martes. 22.10.2019
El tiempo

"Uxío chamábame fotógrafo de cabeceira"

Federico García Cabezón. FGC
Federico García Cabezón. FGC
Federico García Cabezón agarda que se edite un libro no que se reúna unha selección de 200 fotografías, moitas quitadas no Courel

Federico fóra destinado nos primeiros anos 70 ao Courel, onde coñecía unha enfermeira, Elba Rei. Un día de inverno colleu un autobús para facerse cargo da praza. Elba era a muller dun poeta de sona, Uxío Novoneyra. Atopáronse con eles. Federico sentía curiosidade. Criado na Coruña, estudado en Santiago, «era a primeira vez que ía vivir no medio rural». Na tardiña debía ir dende A Ferrería a Seoane.

Falando e falando víronse cubertos pola escuridade. Uxío prestoulles unha lanterna para que se lanzasen á boca do lobo a través dos montes. Contáranlles historias sobre esas feras e non camiñaban tranquilos de todo. A pila acabouse a medio camiño. Baixaron o monte case que ás apalpadas entre as árbores, imaxinando un ataque inminente. O medo era aliviado polo murmurio das augas fluíndo na Devesa da Rogueira.

Artista e médico, botou seis anos nas montañas de Lugo, durante os que trabou unha fonda amizade co poeta Novoneyra

Cando entraron na casa puideron respirar para soltar os nervios. Corenta anos máis tarde, ingresado na Uci por unha pneumonía, Federico sentíase reconfortado cando soñaba con que camiñaba pola Rogueira, cando soñaba co son das augas do Lor. "Visualizaba fotos miñas", recorda. "O Courel é a miña raíz. Alí naceron as miñas dúas fillas", apuntaba este martes dende a súa casa da Coruña.

Durante seis anos Federico García Cabezón (1951) foi médico nesa paisaxe montañosa. Lembra o seu labor con cariño, pero non esconde que ás veces era complicado "por culpa das nevadas". "Unha vez tiven que camiñar 14 quilómetros a través da neve para atender un enfermo". Co tempo mercou un Land Rover, pero había dificultades que o obrigaban a subir a cabalo.

As montañas do Courel son a miña raíz. Alí naceron as miñas dúas fillas

Con todo, ten un recordo máis arduo dos "tres ou catro anos" que exerceu na Residencia, o hospital de Lugo, que vén de botar abaixo unha demolición. "Estaba en Urxencias, viña xente de toda a provincia. Collín experiencia en suturas".

En Lugo aprendeu a coser fendas na pel; na Montaña, "a distinguir as pegadas dos animais". O contacto con Novoneyra era constante "porque el baixaba a Seoane ou nós subíamos a Parada". Camiñaban xuntos polos soutos "e Uxío recitaba poemas". "Sempre estabamos xuntos, os nosos fillos tamén. Acabamos sendo unha soa familia".

Unha vez tiven que camiñar catorce quilómetros a través da neve para atender un enfermo

QUEIMADOS. Paralelamente a Medicina, García Cabezón estudara fotografía na Escola de Artes e Oficios. O Courel foi un amplo campo de prácticas. "Chamábanme a atención os efectos dos lumes nos castiñeiros centenarios". Tamén os veciños. Empezou á par con eses temas. "Uxío dicía que eu non era o seu médico de cabeceira, senón o seu fotógrafo de cabeceira". O poeta viu aquelas imaxes, admirounas e alentou ao seu amigo a expoñelas en Santiago. Despois veu unha longa ringleira de mostras por toda Galicia.

A marcha do Courel nunca foi definitiva. "Teño unha casa rusa de madeira na Ferrería e volvo habitualmente", di García Cabezón, que nunca deixou de apreciar "o silencio" nin as andainas.

Sempre estabamos xuntos cos Novoneyra, os nosos fillos tamén. Acabamos sendo unha soa familia

Xoel López quitou hai dous anos o disco Sueños y pan. En Serpes empeza pedindo: "Serpes, levádeme aos bosques da miña infancia/ (...) Quero sentir aquela mordida de infinita saudade". O músico lembra as estadías no Courel, onde o levaba o seu tío Federico cando neno. "Nun paseo Xoel colleu unha serpe, que era unha víbora. Meteuna nun frasco".

A fotografía segue tan patente como as montañas para García Cabezón. Arredor da súa arte hai un proxecto. Ao igual que Novoneyra, Iván Gimeno animou ao fotógrafo a catalogar e difundir o seu traballo a través dun libro, Con el corazón en el ojo. Considera que hai tres fotógrafos destacados na Galicia contemporánea: "Vari Caramés en artística; Xurxo Lobato, en fotoperiodismo, e García Cabezón en documentalismo. Os dous primeiros son coñecidos e o terceiro, non, porque houbo carencias na difusión da súa obra".

Ese volume, que impulsa a través dun crowdfunding en goteo.org, pretende publicar unha escolla de duascentas imaxes de Cabezón ordenadas en series como a do Courel, o Prestige e o Caribe. "Cando marchei de Seoane, virei a mirada cara ao Atlántico", explica.

"Uxío chamábame fotógrafo de cabeceira"
Comentarios