Martes. 22.05.2018 |
El tiempo
Martes. 22.05.2018
El tiempo

A USC di que Lugo ten unha cultura illada, solapada e pouco atractiva

Facultade de Humanidades de Lugo. EP
Facultade de Humanidades de Lugo. EP

Estudantes do grao de Ciencias da Cultura elaboraron unha análise referida á cidade

A tarde de este martes en Lugo foi densa e calorosa. Nunha pantalla da facultade de Humanidades aparecía un mapa da cidade. O centro estaba ateigado de post-its rosas e marelos cos que alumnos do grao de Ciencias da Cultura debuxaban un mapa de espazos culturais e cos actos. Concentrado como o bochorno da tarde.

Ese plano era a imaxe que plasmaba o estudo Somos cultura, no que analizan a actividade cultural na cidade. As conclusións son que a actividade cultural en Lugo é promovida por asociacións e institucións que non se coordinan entre elas -polo que se solapan os eventos que organizan-, que a cidadanía ignora as actividades culturais e que, na maior parte dos casos, non lle interesan. A maiores, o informe rexistra xornadas de grande concentración de actos -que compiten polo público- frente a semanas baleiras.

Os estudantes observan que Lugo conta cunha rede amplia de infraestuturas, aínda que se atopan reunidas "dentro de murallas". Exceptúan o Gustavo Freire, "cun bo ritmo de actividade".

O diagnóstico foi tirado de encontros con representantes de cinco colectivos (Achádego, A Volta do Agro, Fonmiñá, club Valle Inclán e Cultura do País) e do bar A Fouce, que acolle actos de asociacións.

A análise incide na falta de contacto entre colectivos culturais e de relacións con institucións como o Concello ou a USC, ou na falta de relevo xeracional. Menciona o caso de Fonmiñá, "onde os socios son os mesmos que nos anos 70 e todos teñen máis de 70 anos".

Entre as xustificacións, os estudantes alegan a crise, aínda latente, e a reducción da comunidade universitaria, así como a súa mingua de tempo libre pola intensificación dos plans de estudos.

As solucións que achegan son unha comunicación máis profesional por parte das asociacións e unha reestruturación das axudas, que se concretaría nunha rebaixa nos requisitos que permitan que ás cativas conseguilas máis facilmente. Paralelamente, solicitan "un incremento do presuposto para a cultura de base", que permita responder á denuncia de que "as axudas están centradas nos grandes eventos".

A última proposta recollía a realización de enquisas para coñecer os intereses culturais da poboación.

A USC di que Lugo ten unha cultura illada, solapada e pouco atractiva