Uns cantos cantos polos bares para recibir Pardiñas

A sexta edición do Dálle ao Cante encheu de ritmos tradicionais a mexillonada do Curro Vello e once establecementos de Guitiriz

Participantes na previa de Pardiñas. C. PÉREZ
photo_camera Participantes na previa de Pardiñas. C. PÉREZ

Dálle ao Cante estase a converter practicamente nun berro unánime de festa en Guitiriz na véspera do Festival de Pardiñas. A sexta edición do certame de cantos de taberna que promoven Xermolos e De Bares probou unha vez máis o seu poder de convocatoria coa participación de 13 grupos, cinco deles debutantes, chegados dende toda Galicia, que se encargaron de encher de ritmos tradicionais once locais de hostalaría da localidade... e tamén a degustación de mexillóns do Curro Vello.

A partir das oito da tarde, hora oficial da quedada no campo da feira para o reparto de roteiros e os últimos afines dos instrumentos, os coruñeses Os Folieiros da Cruña e @s Pantox@s, Os Tabernos de Oleiros, os vigueses Fillas da Modesta, Do lado do Sol de Abegondo, os lugueses Xaora, as Raíñas do Lado de... de Culleredo, os guitiricenses Caivanca, Xercoro e Bruxainas, Oquenosboten do Grove, os ponteses No Cómbaro, a fusión entre Vilalba e As Pontes de Entre Lusco e Fusco Feroz e a variedade dos Ferrancholos comezaron a súa ronda musical polas tabernas guitiricenses.

Xoldra, A Tasca, Flamingo, Centro, Soa, Casa Nistal, O Korreo, Titanic, Casa Gaibor, Pepe, Casa Barxa e a Praza do Ecce Homo, onde se celebra a mexillonada, foron os anfitrións destes animados intérpretes, moitos deles fieis repetidores niso de darlle ao cante nas vésperas de Pardiñas.

CONCERTOS. O festival, no que a Mostra de Instrumentos da Música Tradicional cumpre 25 anos, contará este sábado cos concertos de Bloquinho de Xermolos, Faíscas da Pontraga, TT Syndicate, Kumbia Boruka e Banda Xangai, mentres que mañá domingo actuarán Airiños da Freba, Xosé Lois Romero & Aliboria, Sin A Deir Si e Turre"s Band.

Comentarios