Unha pomba caga sobre Hollande

A industria das armas medra en Occidente tras os atentados de París. A industria editorial nos países árabes, non. O mundo unicamente pode ir a peor dende ese día

O enterro das vítimas de Charlie Hebdo non podía acabar sen un detalle gracioso que respondese ao espírito da revista. Cando Hollande abrazaba ao médico e colaborador da publicación Patrick Pelloux, unha pomba deixou caer unha sustancia branca e áceda sobre o seu ombro. A defecación é escatolóxica, pero ten ese contrapunto de que proceda dunha ave pura e elevada coma unha pomba.

A pasada fin de semana recuperei dous libros para tratar de comprender o inextricable: vingarse en 130 descoñecidos polas atrocidades que os seus gobernantes cometeron contra centos de descoñecidos. Todo o que comparten os vingadores cos sirios e iraquíes mortos é a orixe (árabe) e a relixión (musulmana).

A escena que lles contaba tireina de ‘Islam y modernidad’ (Herder) que Slavoj Zizek quitou a primeiros de ano. O filósofo eslovaco preguntábase que, se os irmáns que exterminaron media plantilla de Charlie Hebdo "estaban afectados polos horrores da ocupación norteamericana de Iraq, por que non atacaron algunha instalación militar en vez dun xornal satírico francés?". Aínda se pode establecer unha delgada liña de lóxica polo ánimo sarcástico da publicación, pero desta volta a ‘razzia’ dirixiuse contra persoas calesquera sentadas en terrazas e contra afeccionados anónimos ao rock. A liña queda cortada.

En Europa, os únicos que comprenden a relación entre os bombardeos de Iraq ou Siria e as refoladas de kalashnikov en Bataclan son esquerdistas que padecen "medo patolóxico a ser culpables de islamofobia. Para estes falsos esquerdistas, calquera crítica ao islam é unha expresión de islamofobia occidental e Salman Rushdie tería provocado innecesariamente aos musulmáns e, polo tanto, sería responsable —parcialmente, cando menos— da ‘fatwa’ que o condeaba a morte, etc.". O parágrafo é de Zizek, un marxista que aplica as súas ideas sobre ateísmo e feminismo á análise da relixión.

O problema europeo é tomar o té con Kant todos os días. Parafraseo o título da obra que está representando Inversa Teatro. Comportámonos coma o filósofo, analizamos o "deber cara a un mesmo", do que falaba. Nunca relaxamos o imperativo categórico kantiano, xulgamos cada acción dos nosos gobernos en función de se pode elevarse a lei universal ou non.

En Estados Unidos non pasa, tampouco no Estado Islámico; unicamente en Europa nos botamos enriba todas as culpas dos nosos executivos. Damos por elemento consustancial á nosa natureza que cortamos pescozos de infieis sarracenos hai cincocentos anos, que o único reprochable de Sadam Hussein era gasear curdos e que prohibir o uso do burka nos nosos países responde a unha petición da multinacional de Arteixo, que teme unha baixada de vendas.

O argumento que parece xustificar toda esa violencia absoluta e cruel xihadista é a discriminación. Pero non explica o motivo de que os africanos, os suramericanos ou os xitanos non vistan chalecos explosivos.

Enfronte, hai uns amorais que cortan cabezas sentíndose lexitimados por Alá. Non lles proe o mínimo sentimento de culpa nin arrepentimento. A nós o arrepentimento e a culpa véñenos do xudaísmo, vía cristianismo, e reforzado polo espírito de crítico que nos acendeu Sócrates.

Os bárbaros non teñen ese problema, O Corán explica algo tan complexo e intrincado como é a vida dun modo sinxelo e completo, poden ler todas as respostas ás súas preguntas como se consultasen en Google. Viven, matan cristianos, lanzan homosexuais dende azoteas, comen, aman, rin, compran servas menores de idade e falan polo móbil amparados por un ensamento perfecto, esférico, sen fendas de dúbida.

O seu sistema de ideas é pragmático por sinxelo, o contrario do que acontece co pensamento europeo. O irónico é que as ideas e as artes occidentais foron orixinadas e ampliadas no século XX por dous colectivos odiados polos xihadistas: homosexuais (Proust) ou xudeos (Freud), e mesmo por homosexuais xudeos (Wittgenstein).

O outro libro que estiven repasando foi ‘Sumisión’ (Anagrama), de Michel Houellebecq. O escritor francés teatraliza as súas tramas ata o ridículo, pero expón unhas ideas de fondo que son suxerentes. A distopía dese libro é unha Francia gobernaba pola Irmandade Musulmá, co financiamento de países do Golfo Pérsico. O vellouqueiro Corán substitúe á moderna Constitución do xuramento feito en 1789 no pavillón para xogar á pelota do palacio de Versalles.

Ese pesadelo semella lonxe de acontecer, pero Houellebecq caricaturiza para describir unha sociedade francesa na que as escolas e as universidades republicanas non desaparecen, pero perden achegas económicas, en beneficio das escolas de calidade —que separan por sexos e son musulmás—. En palabras de Houellebecq, "seguindo o modelo dos partidos musulmáns operativos nos países árabes, un modelo antes usado en Francia polo Partido Comunista, a acción política propiamente dita da Irmandade Musulmá, estendíase a través dunha rede de movementos xuvenís, institucións culturais e asociacións caritativas".

Slavoj Zizek fala do pensador indopaquistaní Abul A’la Maududi, creador da expresión ‘Estado Islámico’. Zizek explica que "a Revolución Francesa ofreceu a promesa dun Estado baseado nun conxunto de principios oposto ao Estado baseado nunha nación ou un pobo", polo que "ese cidadán universal, separado da comunidade, da nación ou a historia, está no centro mesmo da visión que ten Maududi da cidadanía no islam". Ou, como expresou Jomeini: "Se o islam non é político, non é nada".

Comentarios