«Unha muller foi procesada por ir recibir a beizón dun carballo antes cá de Deus»

Anxos Sumai pronunciou onte o relatorio Meigas, as mulleres sanadoras contra a orde masculina, na xornada de tradición oral que os escritores de lingua galega fixeron en Lugo

Un momento das xornadas do sábado en Lugo. J.VÁZQUEZ
photo_camera Un momento das xornadas do sábado en Lugo. J.VÁZQUEZ

LUGO. Anxos Sumai observou con tristeza durante os últimos días como as tradicións vencelladas ás curandeiras e ás plantas medicinais coas que ela se criou na Catoira dos anos sesenta dormen agora o soño do esquecemento entre os seus coetáneos. «Ao mellor resulta unha frivolidade, pero veu a televisión e deixou de celebrarse a palabra de xeito comunitario e tivemos que anatemizar todo o que nos remitía ao rural e ao mundo máxico para parecermos modernas». Esta escritora pronunciou onte o relatorio "Meigas, as mulleres sanadoras contra a orde masculina" na xornada de tradición oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega dedicada onte ás mulleres en Lugo.

Anxos Sumai presentouse no salón de actos da Deputación de Lugo co seu «pequeno herbolario». Algunhas das plantas, explica, levan na súa familia desde hai máis dun cento de anos. Fala da celidonia, tamén coñecida como herba das verrugas e que serve, así mesmo, para tratar vinchas e herpes. Outra é a norza moura ou uvas de can -tamus communis, no nome científico-, cuxas bagas lle enviaba súa a nai en tarros cando ela estudaba en Santiago para tratar as contracturas musculares. «Frotábanse sobre a área dolorida e servían tamén para a reúma».

Na listaxe destas plantas da medicina popular das que se valían as menciñeiras e sanadoras e das que ela ten lembranza -no uso ou na palabra-, atópanse algunhas tan populares como a macela ou a ruda -empregada, esta última, como abortivo ou para as dores máis fortes de regra- ou o estramonio, que se rubía nos furunchos para desfacer a inflamación e fumaban os asmáticos.

«Souben por unha comadroa de Bueu que as mulleres de Ons tomaban para as dores de parto pel de cobra cocida»

Podería incluírse tamén a pel de cobra cocida para facerlle fronte ás contraccións e ás dores do parto. «Souben desta práctica por unha comadroa de Bueu, a quen lla aprenderon as mulleres da illa de Ons. Se o pensas, entendes que a pel de serpe é moi rica en queratina e graxa e que pode aliviar».

«Só atopei datos dunha muller que morrese queimada na fogueira por bruxa en galicia, en 1577. Chamábase María Rodrigues e foi condeada por ser reincidente»

No que atinxe ao conectadas que estaban as meigas co territorio e a natureza, lembra un proceso por bruxería que se lle abriu a unha muller «por ir recibir a beizón dun carballo antes cá de Deus na igrexa». Anxos Sumai relaciona este acontecemento co priscilianismo, perseguido como herexía e caracterizado por tres ideas forza: «As mulleres, a comunión coa natureza e o panteísmo».

A isto habería que lle engadir o control sobre a sexualidade, a saúde reprodutiva e a natalidade. «En crises demográficas como a que seguiu á peste negra, as parteiras foron fundamentais». Considera Sumai que esta sabedoría e este poder exercido e transmitido por mulleres puidese supoñer «unha ameaza tanto para o patriarcado como para o esparexemento do capitalismo».

«Silvia Fedarici fala en 'Caliban y la bruja' das cazas de bruxas en Europa e América como xenocidio programado»

Cita o volume "Calibán y la bruja" de Silvia Federici, quen lle achega a este fenómeno a perspectiva de xénero e da loita de clases. «Federici fala dun xenocido programado. Eu creo que en Galicia non foi tanto así porque en moitos lugares a sociedade campesiña ou preindustrial permaneceu ata ben avanzado o século XX».

Explica esta escritora, que estivo revisando os procesos da Inquisición en Galicia, que existiu oposición por parte da poboación civil a que o Santo Oficio instalase a súa sede en Santiago para todas as dioceses do país no século XVI. «A maioría dos procesos rexistrados refírense a herexías e persecución de condutas "xudaizantes" entre xudeos conversos». Anxos Sumai só atopa datos que acrediten a morte na fogueira dunha muller por bruxería en Santiago. Foi en 1577. «Chamábase María Rodrigues, era portuguesa e foi condeada por reincidente».

«Hei distinguir entre as meigas, unha figura sabia e bondadosa, e as bruxas, demoníacas»

Por que, entón, todo ese imaxinario galego de meiguería? «As meigas chuchonas non aparecen en Galicia ata o proceso de Zugarramurdi, xa no século XVII, advirte Anxos Sumai, quen quere distinguir entre as meigas, unha figura «sabia, neneira, que axudaba a sandar polos seus coñecementos de botánica, fisioloxía e pola súa destreza como psicóloga», e as bruxas, «asociadas ao demo e a unha sexualidade libre e que non participan na comunidade».

Comentarios