martes. 19.11.2019 |
El tiempo
martes. 19.11.2019
El tiempo

"Un loitador de sumo buscou por Europa a Los Españoles para levalos a Xapón"

Los Contentos. AEP
Los Contentos. AEP

Fernández Rego reconstrúe en 'Unha historia de música en Galicia' a evolución dos grupos de pop e rock dende os 50 ata hoxe

O crítico musical Fernando Fernández Rego (Ferrol, 1979) louva o impulso da Igrexa católica nos anos 50 á internacionalización do primeiros sons de pop e rock en Galicia. "O arcebispado de Santiago prohibía que na Semana Santa e na Pascua se tocase música que non fose relixiosa, polo que as orchestras tiñan que marchar fóra". As rutas habituais pasaban pola Costa Azul e polas colonias francesas do norte de África no verán e por hoteis de Europa, no inverno. Os "líos de saias" non eran raros, polo que no Magreb "durmían con coitelos" debaixo da almofada.

Los Tamara en Sarria. AEPOcasionalmente, saían bolos en lugares máis lonxanos. Los Tamara, —na foto— que sairan de Noia, chegaron a Alxeria. Unha tarde baixaron á recepción do hotel no que se aloxaban e atoparon soldados que defendían ou atacaban un levantamento. Saíron pintando do país. Unha experiencia similar tiveron Los Celtas, que escaparon dun golpe promovido por un aiatolá en Irán.

Fernández Rego sitúa estas orquestras —xunto con outras, como Los Españoles ou Los Zafiro—, como pioneiros do pop e o rock galegos porque foron incorporando novas músicas a un repertorios concebidos para o baile con músicas españolas ou suramericanas.

Son as primeiros conxuntos que analiza en Unha historia da música en Galicia. 1952-2018, onde recolle os últimos sesenta anos de diversos estilos populares evitando o folk para evitar facer un libro demasiado extenso, que, con esa limitación, se achega ás 900 páxinas. A obra será lanzada por Galaxia o vindeiro mércores.

Os alumnos de Peritos Industriais creaban nos 60 os seus baixos e guitarras, aos que engandían pastillas compradas por catálogo

O autor conta que Los Españoles, de Betanzos e A Coruña, gravaron o primeiro disco galego en portugués tras unha estadía en Mozambique ou que teñen un disco editado por Polydor en Alemaña.

Nunha xira por Europa gustaron a un loitador de sumo que tiña moito peso no Xapón. O deportista volveu ao seu país, pero non os esqueceu. "Contratou un axente para que os buscase e logrou que actuasen nos Xogos Olímpicos de Xapón do 64", indica o autor.

Los Zafiros pasaban tanto tempo en Londres que acabaron por establecerse alí. Botaron 20 anos antes de regresar a Ferrol. A sona que colleron grazas á axuda dun exmanager de The Beatles levounos a participar no "The Benny Hill Show" da BBC en dúas ocasións, en 1970 e 1973.

As fazañas multiplicáronse naqueles anos. "Nos anos 50 e 60 había alumnos de Peritos Industriais de Vigo que compraban pastillas por catálogo e facían guitarras e baixos de xeito artesanal", apunta Fernández Rego, que engade que, "no resto dos sitios, os afeccionados ían pagando os instrumentos a prazos".

Outras novidades dese tempo é "o fenómeno fan, que se inicia con Andrés Dobarro", ou a inxección de política nos repertorios, que era respondida polo franquismo con castigos de multa ou prisión como os aplicados a Benedicto ou Suso Vaamonde.

Nos anos 80, hai unha "premovida de Vigo" na que o crítico ferrolán cita Os Raiados, de Cangas e Moaña, e Metro, de Carballo, entre outros.

A Movida viguesa dos anos 80 ten tanta dimensión que Fernández Rego lle dedica dous dos 47 capítulos do libro. "Estaban Siniestro Total, Os Resentidos (na foto) ou Aerolíneas Federales, que foron algúns dos grupos máis importantes do rock galego", indica o experto, que considera "a creatividade" como o principal valor dese fenómeno, no que inclúe iniciativas literarias, como Rompente; editoriais, como a revista Tintimán, ou artísticas, como Atlántica.

Como contrapeso, fala de que "tamén houbo sombras" como que estendeu unha sombra sobre o que estaba acontecendo no resto de Galicia ou "a fagocitación por parte dos políticos", que buscaron apuntarse os éxitos musicais.

Os anos 90 foron o momento de que comezase a facerse rock en galego xeralizándose cunha serie de bandas que se agruparon baixo a denominación de bravú. Ese colectivo acabou xerando renegados e abandonos; nalgúns casos, con acusacións "de que había grupos que o usaron para medrar".

Fernández Rego cre que o aspecto negativo dos anos noventa foi que o xeito de escoitar a música en directo agora é nos festivais

O diagnóstico que Fernández Rego fai a partir do ano 2000 apunta a "unha idea de ouro en canto a número de grupos", variedade de propostas e "calidade".

A cara negativa é que "gran parte do público deulle as costas á música en directo, con excepcións como Xabier Díaz e As Adufeiras do Salitre". O xeito de escoitar música en vivo son os festivais, polo que "volvemos á cultura institucionalizada, co Xacobeo organizando Sons do Camiño ou co o Festiblas de Lugo, ao que lle puxeron o Caudal Fest nas mesmas datas". O modelo de promoción musical é que a Administración "busque un axente para que organice un festival, o que é pan para hoxe e fame para mañá".

"Un loitador de sumo buscou por Europa a Los Españoles para levalos...
Comentarios