Un día para o Corpus da canteira dos músicos

O Festival de Música Clásica Cidade de Lugo convidou a estudantes a tocar nas rúas. Lucus Ensemble, a orquestra Alauda e a Banda Filharmónica, protagonistas dos recitais
Unha das actuacións na Praza Maior
photo_camera Unha das actuacións na Praza Maior

O Festival Cidade de Lugo, a decana das citas coa música clásica en Galicia e un evento para os melómanos tamén coñecido como Semana do Corpus, viviu este sábado unha xornada consagrada a reivindicar a potencia da canteira dos músicos lugueses, con actividades nas rúas do centro da cidade, no Vello Cárcere e no salón rexio do Círculo de las Artes.

Un gran piano na Praza Maior foi un dos principais focos de interese da xornada e por el pasaron intérpretes máis ou menos experimentados, procedentes do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo e das escolas de Fingoi, de Milagros Iglesias Prieto, Philippe Le Gall Lacroix e Esperanza Moreno Flores.

Mans miúdas e de adultos fixeron realidade a música noutros puntos como Bispo Aguirre, onde soaron as frautas, ou A Raíña, territorio para un ensemble de Clarinetes. Violinistas, fagotistas ou un dúo de voz e piano foron outras das propostas para unha xornada na que o ceo quixo sumarse á festa e soubo non descargar auga, tronos e lóstregos mentres os instrumentistas se aplicaban.

A Semana do Corpus estreou este sábado, así mesmo, un escenario inédito nas súas 45 entregas, o do Vello Cárcere de Lugo, restaurado e habilitado para actividades culturais recentemente. Neste espazo de memoria soaron as propostas de Lucus Ensemble e da orquestra barroca Alauda.

Xa para rematar a xornada con máis protagonismo dos músicos locais no Festival de Música Cidade de Lugo, actuaou a Banda Filharmónica da cidade, dirixida para a ocasión por Alberto Pina, tamén compositor do programa feito sons no Círculo, que incluíu a estrea da peza Ghost Ship.

A Banda Filharmónica de Lugo estreouse en novembro do 2013, impulsada polo seu director, Iván Martínez Sabio, e pola Sociedad Filarmónica de Lugo. Actualmente conta cuns 60 compoñentes, músicos da contorna da cidade e na súa maioría estudantes.

Corenta e cinco anos de historia avalan a Semana de Música do Corpus de Lugo, que continuará o vindeiro martes, día 30 de maio, cunha das principais figuras da presente edición, o violagambista catalán Jordi Savall.

Comentarios