Ugia e Sabela, astronautas

O Culturgal reunirá a Marful para un concerto exclusivo o 30 de novembro no que o grupo compartirá escenario con Sabela de OT
2019111518295715231
photo_camera 2019111518295715300

"SE NON che chega este mundo, faite astronauta". Cantábao Ugia Pedreira, voz do grupo Marful, na primeira década de 2000. E cantouno Sabela Ramil, concursante de Operación Triunfo (OT), ante unha audiencia televisiva que superaba o millón de persoas, o ano pasado. O tema Tris-tras uniu circunstancialmente ás dúas mulleres e a Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, decidiu facelo, pero literalmente, enriba dun escenario. O evento aproveitou a reivindicación de Marful (onde tamén militaban os músicos Marcos Teira, Pedro Pascual e Pablo Pascual), que propiciou a popularidade de Sabela, para propoñerlle ao grupo unha reunión na que a moza da Mariña actuase como artista convidada. Esta xuntanza é o espectáculo central do Culturgal deste ano. Terá lugar o sábado 30 de novembro (21.30 horas) no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Ugia Pedreira
"Esta é unha despedida: a despedida da escena musical dun grupo que foi un proxecto cultural e político, Marful"

"Esta é unha despedida: a despedida da escena musical do grupo Marful", explica Ugía Pedreira. "Tivemos unha hai seis anos, en forma de divorcio consentido, que nos deixou un sabor amargo, porque eu deixaba a miña vida artística pola miña vida familiar. O Culturgal propúxonos recuperar unha última vez aquelas cancións, aquela filosofía de vida a través da música, e facelo xunto a Sabela". Pedreira explica que, ademais dunha despedida, o concerto será unha celebración: "Unha celebración dos que naquela época queriamos facer outras cousas en Galicia e as fixemos; dos que queriamos propoñer outro tipo de valores e os propuxemos, e dos que queriamos mostrar outro tipo de escena, de arranxos musicais, de letras, e os mostramos. Marful era un proxecto cultural e político".

SABER MÁIS:
Entradas (entre 8,80 e 18,70 euros) á venda en www.ataquilla.com

No medio deste reencontro da banda co seu público estará Sabela. "Vai ser un concerto moi especial, moi emotivo. Pero eu só estou aí sumándome a todas as ideas que eles propoñen, que son marabillosas", conta a exconcursante de OT. "Marful era un grupo dunha elegancia moi bonita. Os seus arranxos, a voz de Ugia, as postas en escena... Coidábano todo moito". Foi unha das razóns polas que escolleu un tema seu para interpretar en OT. "O balance que podo facer do concurso é moi positivo. Por un lado, aprendes un montón e, por outro, poste a proba porque te obriga a pasar por momentos duros". En Galicia, a súa decisión de interpretar temas en galego derivou nunha explosición de agarimo nas redes sociais. "Pero eu non era consciente do que acontecía fóra. Foi unha sorpresa! Eu simplemente cantei temas que me gustaban, que escoitaba de sempre, de xeito natural. En realidade o único que pensaba é se me vou, quérome ir cantando algo que me apeteza".

Sabela Ramil
"Marful era un grupo dunha elegancia moi bonita. Os seus arranxos, a voz de Ugia, as súas postas en escena... Coidábano todo moito"

Hoxe, Sabela está a punto de lanzar o seu primeiro disco. "O 29 de novembro. Titúlase Despedida e ten un pouco de todo: temas en galego, temas en castelán, temas meus e con outra xente, distintos estilos... Son moito de explorar e neste disco nótase. Tituleino Despedida porque dalgunha maneira con el pecho unha etapa para abrir outra".

"Que estea aí Sabela supón unir dúas xeracións. Porque foi ela quen volveu poñer en valor a nosa música", recoñece Pedreira. "É unha nena cargada de amor e de humor, unha pícara con moitísimas afinidades comigo. As dúas temos unha visión norteña. Ás dúas nos gusta moito o caldo. E as dúas temos unha vida arredor da diversidade funcional. Así que cantar con ela para min é un plus que eu lle agradezo á vida".

Que todo isto suceda no Culturgal, para Ugia Pedreira ten un significado especial e vén a pechar un círculo. "Porque nós case abrimos esta feira. Así que isto é case un arco, unha ponte entre o pasado e o presente", di a cantante. "É moi importante unir as sinerxías das persoas que están creando cultura e educación neste país, algo que cada vez fai máis falta".

Comentarios