A TVG estrea este mércores 'O sabor das margaridas', thriller con María Mera

Esta miniserie de suspense de seis capítulos emitirase os mércores ás 22.20 horas

María Mera é a tenente Vargas en 'O sabor das margaridas'. TVG
photo_camera María Mera é a tenente Vargas en 'O sabor das margaridas'. TVG

A Televisión de Galicia estrea este mércores (22.20 horas) a serie O sabor das margaridas, unha coprodución con CTV, que presenta un thriller policial de seis episodios protagonizado por María Mera con localizacións exteriores en Abegondo, A Estrada, Vedra e Santiago, e en Teo.

Dirixida por Miguel Conde (Serramoura, Seis hermanas e Bajo sospecha), esta ficción conta tamén entre os seus actores principais con Nerea Barros -gañadora do Goya á mellor actriz revelación por La isla mínima-, Ricardo de Barreiro e Tony Salgado.

O sabor das margaridas é un intenso thriller cheo de sorpresas, onde o secuestro de Marta Labrada en Murias, dá pé a unha historia de vinganza en que o misterio e o suspense conducen o espectador por esta pequena vila chea de segredos.

Unha fría noite de 2010, uns días antes da chegada do Papa Bieito XVI a Santiago de Compostela, a moza Marta Labrada de-saparece en estrañas circunstancias nunha gasolineira de Murias, unha pequena vila de Galicia. O medo a que o caso salte aos medios de comunicación obriga a intervir á Garda Civil, enviando a inspectora Rosa Vargas, que terá que actuar con prontitude e o maior sixilo posible.

Así comeza este thriller policíaco que foi presentado este verán durante a segunda edición do Conecta Fiction en Santiago de Compostela e que este mesmo luns foi obxecto dunha preestrea á que acudiron algúns dos rostros máis célebres da Televisión de Galicia no auditorio Abanca da capital galega.

O sabor das margaridas ten lugar nunha illada vila do interior de Galicia, onde unha espesa atmosfera gris impregna as súas rúas dun incómodo silencio, outorgando un halo de sospeita a cada un dos seus habitantes. A historia está narrada para a televisión como un intenso thriller cheo de sorpresas.

Rosa Vargas, unha tenente novata da policía xudicial da Garda Civil, afanarase en pescudar que lle puido ocorrer á moza secuestrada e así resolver o seu primeiro caso. Contará coa axuda do cabo Mauro Seoane e do brigada Alberto Figueroa, gardas civís do cuartel de Murias, cos que a relación non sempre será doada.

O que parece un caso sinxelo vai complicarse e volverse máis escuro e perigoso cando a investigación da desaparición de Marta Labrada vaia sacando á luz outros segredos, misterios, asasinatos, chantaxes, drogas, prostitución... que ata ese intre permaneceran ocultos nunha vila "onde nunca pasaba nada".

Comentarios