Viernes. 18.01.2019 |
El tiempo
Viernes. 18.01.2019
El tiempo

A TVG estrea ‘Lobos e cordeiros’, serie de época con romance e moita intriga

Algúns dos protagonistas da serie da TVG. CRTVG
Algúns dos protagonistas da serie da TVG. CRTVG

As tramas desenvólvense cunha familia nobre, outra burguesa e unha campesiña ► Está producida por Galiwood e o primeiro capítulo emítese este mércores ás 22.00 horas
 

A Televisión de Galicia estrea este mércores á noite —ás 22.00 horas— Lobos e cordeiros, unha serie de época ambientada no 1898 en Ourense, que pretende contar a través de tres clans a historia de Galicia.

Esta nova ficción presenta nas súas tramas intriga e amores imposibles entre unha familia nobre, outra burguesa e unha terceira campesiña, cun pazo e un balneario como escenarios de fondo.

A finais do século XIX, na Belle Epoque, España embarcou nunha serie de conflitos bélicos que condicionaron o día a día do país e, neste contexto, a era dos pazos estaba a piques de chegar á súa fin. A ficción sitúase na vila nobre de Viguña, ao carón dos Canóns do Sil, e expoñente dos cambios que se aveciñan.

Alí, Marcial Vilamariño, terratenente e marqués, herdeiro dunha das sagas máis poderosas do norte, presencia, por unha banda, como o exército leva os seus xornaleiros, e por outra, como uns doutores excéntricos o abafan, arrebatándolle a única propiedade en toda Viguña que aínda non puido posuír: o balneario vello.

A ficción conta con máis dunha vintena de personaxes no reparto principal, que encabeza Luís Iglesia

Deste xeito, a serie presenta os tres grandes protagonistas, os fidalgos, co marqués á fronte; a familia de médicos, procedentes de Madrid, que se farán co balneario, e os campesiños e criados.

A maiores, Lobos e cordeiros contará con outros ingredientes destacados: unha institutriz misteriosa; unha homenaxe a Pepa a Loba, a última bandoleira europea, nada en Ourense no século XIX; un amor imposible e secreto entre dous mozos de clases sociais moi distantes e dous vellos amantes.

REPARTO. Lobos e cordeiros é unha produción de Galiwood — que preside o riotortense José María Besteiro— para a Televisión de Galicia, con Giselle Llanio e Manuel Espiñeira na dirección, e con máis dunha vintena de personaxes no reparto principal, que encabezan Luís Iglesia, Miquel Ínsua, Susana Sampedro, Sabela Arán, César Cambeiro, Camila Bossa, Josito Porto, Adrián Ríos, Desiré Pillado, Sara Sanz, Simón de la Torre, Nacho Nugo, Paulo Rodríguez, Aída Blanco, Mónica García, Alberto Rolán, Patricia Torres, Víctor Fábregas e Bárbara Gradío.

Na primeira entrega, Marta chega a Viguña para converterse na nova institutriz do fillo do marqués.

Para iso, ten que fuxir da Garda Civil, cargando con ela un pasado que ninguén coñece. A situación que se está a vivir nesta vila galega histórica é a das desigualdades entre ricos e pobres, marqueses e criados. Tamén, a de mozos que teñen que marchar ás Américas para combater polas últimas colonias.

Para conseguir o favor do marqués e que seu fillo non sexa recrutado, a criada Josefa vese no dilema de delatar a algúns dos seus veciños.

Porque resulta que a Loba, xusticeira para uns e delincuente para outros, acaba de atacar o xenro do marqués e este quere información a toda custa.

Igual que o romance da súa filla Helena co criado Mario semella que só acaba de comezar, ao marqués gustaríalle que a historia da Loba rematase para sempre.

A TVG estrea ‘Lobos e cordeiros’, serie de época con romance e...
Comentarios