A tropa meirega arrasa nos Mestre Mateo con 13 premios para 'Dhogs'

A ópera prima de Andrés Goteira levou estatuíñas en todas as categorías artísticas ás que optaba e convértese no filme máis votado da historia dos galardóns do audiovisual galego

Todo o equipo de 'Dhogs'. ÓSCAR CORRAL
photo_camera Todo o equipo de 'Dhogs'. ÓSCAR CORRAL

Os esforzos artellados durante anos por unha cuadrilla de millennials de Meira víronse este sábado recompensados na forma das trece cacholas do Mestre Mateo que o equipo recolleu ao longo da gala do audiovisual galego grazas a Dhogs, a ópera prima de Andrés Goteira, un mozo que vende electrodomésticos para gañar a vida e que soña películas.

Dhogs acaparou trece premios Mestre Mateo na gran gala que se celebrou este sábado no Palacio de la Ópera da Coruña e converteuse, así, na produción máis votada da historia dos premios da Academia Galega do Audiovisual. O filme de Andrés Goteira, coproducido por Gaitafilmes e Pixel Films, conquistou os galardóns á mellor longametraxe e mellor guión, dirección e montaxe para o meirego, que comparte a última con Juan Galiñanes. As e os académicos recoñeceron tamén a interpretación protagonista da actriz luguesa Melania Cruz e de Iván Marcos e a interpretación de reparto de María Costas e de Antonio Durán 'Morris', que competía nesta categoría cos seus compañeiros de Dhogs Carlos Blanco e Miguel de Lira.

Cando subiu ao recoller o galardón á mellor montaxe, Andrés Goteira asegurou que foi "moi bonito" chegar de Edimburgo a Meira, "un "pueblín" de 1.500 habitantes e 1.700 vacas, que dicía Xosé da Flor [en lembranza do recentemente falecido Xosé Salgado], e ver que podes facer unha película". Na súa intervención tivo palabras de agradecemento para os seus compañeiros de Gaitafilmes e para a Agadic, a Deputación de Lugo, o Concello de Meira e as empresas que apoiaron a iniciativa, así como ao Festival de Ourense (OUFF), "os primeiros que nos dixeron que Dhogs era unha película e non un experimento".

Ademais do pleno nas categorías interpretativas, Dhogs gañou tamén os galardóns á mellor dirección de produción para o tamén meirego Suso López, dirección de fotografía para Lucía Catoira Pan, música orixinal para o zanfonista asentado en Castro de Rei Germán Díaz, dirección de arte para Noelia Vilaboa e son para David Machado e Javier Pato.

Outra ópera prima, A batalla descoñecida, neste caso dirixida por unha muller, Paula Cons, gañou o premio ao mellor documental. Moi novos tamén son os Porco Bravú, que gañaron o seu terceiro premio á mellor serie web con Peter Brandon. Matria, do realizador con orixes en San Cibrao Álvaro Gago, conquistou o de mellor curtametraxe e The Neverending Wall, o de mellor curtametraxe de animación. Conserveiras do noso fixo o propio co de mellor anuncio e Troubled Times, para a banda estadounidense Green Day, de Manu Viqueira, co premio ao mellor videoclip.

Os premios televisivos recoñeceron a Dani Viqueira Carballal e Veru Rodríguez Rodríguez pola realización de Tesouros no faiado, mentres que Arantxa Domínguez gañou o premio ao mellor vestiario polo seu traballo en Juana de Vega, Vizcondesa do Arado e Chicha Blanco e Vicen Betí o de mellor maquillaxe e perruquería en Os fillos do sol.

Serramoura acadou por cuarto ano consecutivo o premio á mellor serie, mentres que A revista fin de semana gañou o de mellor programa de televisión e Nieves Rodríguez, o de mellor comunicadora polo seu traballo no Vaia Troula!. Esta última, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, empregou unha das quendas de palabra máis aplaudidas da noite ao citar a Castelao para reivindicar a defensa da lingua no audiovisual do país: "Se aínda somos galegos, é por obra e graza do idioma". E rematou: "Falade, meniñas, falade galego diante e detrás das cámaras!".

Tamén Marga Pazos, presentadora de informativos da TVG que entregou un dos galardóns, recibiu a adhesión do respectable cando enfatizou: "Traballamos para os gobernados, non para os gobernantes".

Nunha gala que tivo a Yolanda Muíños como mestra de cerimonias e na que as mulleres foron as encargadas de entregar os galardóns -mesmo baixo a proposta cancelo #TodoConachas-, o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares, non esquivou temas de actualidade como a censura de Fariña ou a polémica xurdida arredor do pregón de Entroido de Compostela.

Tampouco, a visibilidade das mulleres no sector e a denuncia dos comportamentos sexistas, ao abeiro de movementos internacionais como #MeToo e #Time'sUp. Ao igual ca na gala dos Goya, abanos vermellos reclamaron #MáisMulleres na cerimonia de entrega dos Mestre Mateo, que lle concedeu o premio de honra Fernando Rey á actriz María Bouzas.

Comentarios