Touriñán: "Na miña vila son o neto de Pilar a da Taberna"

Chega este venres a Lugo coa xira de 'Comicamente', un espectáculo con Carlos Blanco, Lucía Veiga e David Amor que se fará no Paseo Fluvial

Xosé Antonio Touriñán, no mesón Las Pedrizas de Buenache de la Sierra, en Cuenca. LA 2
photo_camera Xosé Antonio Touriñán, no mesón Las Pedrizas de Buenache de la Sierra, en Cuenca. LA 2

Xosé Antonio Touriñán é, sen dúbida, un dos cómicos galegos máis aclamados polo público. Entre cámaras e bambalinas séntese cómodo, aínda que a súa maior felicidade sempre estará na súa vila natal, Culleredo. 

Fai cine, teatro, televisión... Quédalle algo por conquistar? 
Seguro que moitas cousas. Aínda o falaba hai uns días cunha compañeira: "Pois teño ganas de facer radio ou ese formato de podcast", iso é algo que ao mellor teño pendente. Tamén ao mellor dar o tempo ou presentar o Telexornal (ri). 

Dentro de todo iso, cal considera que é o seu mellor traballo? 
Eu sempre destaco, e creo que é de xustiza, o primeiro que fixen. O de Mucha e Nucha para min é do máis importante que fixen na miña vida. Porque eses personaxes foron os que me deron todo o que veu despois. Para min sempre vai estar por riba de calquera película, de calquera obra de teatro, de calquera cousa. Para min Mucha e Nucha son as santiñas que teño no altar, son os referentes. 

Como é Touriñán cando se apagan as cámaras ou se baixa o telón? 
Pois eu creo que é un tipo normal, que hai uns días que está enfadado e hai uns días que está feliz, uns días que ten máis fame e outros días que ten menos (ri). É un tipo que lle gusta moito estar cos amigos, disfrutar dunha boa comida e dun bo viño. Touriñán é moi normal, que lle gusta estar na súa casa na aldea e ir dar uns paseos polo monte. Touriñán é así. 

A pesar de triunfar en Madrid, segues a vivir en Galicia. Despois desa voráxine de teatro, ficcións e cine, como é a súa vida no pobo? 
Pois é a vila onde eu nacín, que era a vila xa de meus pais. Eu alí sigo sendo Xosé de sempre, non son Touriñán o da televisión. Alí son o neto de Pilar a da Taberna. Entón por iso digo que aquel é o meu lugar, é a miña casa. Podo ir a calquera parte do mundo traballar, facer unha película ou unha serie… Pero eu volvo alí, aquilo é a miña casa e é o lugar onde máis a gusto estou e onde máis feliz vivo. 

Sentiu certa vertixe ao dar o salto á capital española?
Non me deu vertixe, a min gústame moito probarme, buscar novos retos… Vertixe non diría. Había unha dificultade sobre todo, que xa non é parte da interpretación ou do que poidas dar ou non dar, que é o tema do idioma. Eu uso o galego, penso en galego e todo iso complicábaseme un pouco, pero moi ben. 

O seu personaxe na película Cuñados é afeccionado ao deporte. Touriñán é máis afeccionado ou deportista? 
Eu son afeccionado. Encántame moitísimo o deporte, practiqueino ata os 20 anos ou por aí. Balonmán, fútbol e todo iso. Encántame xogar cando me chaman os colegas para unha pachanga pero non son nada practicante, debería selo moito máis. Pero son moi afeccionado a todo, ao basket, ao fútbol, ao fútbol sala, ao hockey en patíns… A todo. 

Entón téñolle que facer a eterna pregunta dos galegos: Dépor, Celta ou Lugo? 
Home! Dépor! Moi claro. 

Estreou a película Cuñados, o programa Rutas bizarras e as actuacións de Fariña case á vez. Non se lle pasou pola cabeza tomar un descanso? 
Si, pero vimos de tomar un descanso realmente. Vimos de parar polo menos dous meses cando nos mandaron para as casas e eu vou parando, aínda que despois sae todo xunto cando se emite, pero ao mellor hai cousas que levan gravadas un ano, seis meses... É verdade que a min non me falta o traballo, teño moito e é certo o de que teño que parar algo, pero non demasiado. Estrésome se paro moito. Estrésome máis que traballando. 

Tenlle un certo medo ao futuro? 
Agora non. A miñá é unha profesión na que estás todo o día na corda frouxa e estás con esa incertidume de "que vou facer dentro de tres meses". Pero a verdade é que o tempo o que me foi dando é esa tranquilidade de "bueno, sempre vén algo". E se non vén algo, eu non espero a ninguén. Eu intento xerar, crear, sexa teatro, sexa monólogos e se non o que sexa. Pero a verdade é que agora lévoo con máis tranquilidade, agobiábame máis cando era máis novo. 

Que poderán ver os lucenses no espectáculo Comicamente? Actúa xunto a Lucía Veiga, David Amor e Carlos Blanco. 
Pois o que se van a atopar é a cómicos e cómicas galegos que os van intentar facer rir, que creo que neste momento é bastante importante. Estivemos hai uns días en Ferrol os catro e foi marabilloso. Fomos cunha DJ que levamos a cada espectáculo, temos música en directo pinchada e Lucía Veiga ás veces fai de condutora do espectáculo e nós botámoslle un anaco dos nosos monólogos cada un. Basicamente o importante é facer rir e divertirnos nós tamén, por suposto. 

Nos tempos de pandemia, rir é máis importante ca nunca? 
Pois que vou contar! É necesaria sempre, para vivir eu non digo que sexa case como o aire para respirar, que iso é o primeiro, pero despois de respirar case fai falta a risa para poder levar unha vida un pouco alegre e divertida. E máis en esta época que se vive de pandemia, necesitamos ir mellorando e necesitamos rirnos moito. 

Actuará xunto a grandes cómicos. Con Carlos Blanco fixo o espectáculo galego que máis entradas vendeu na historia: Somos criminais. Como se consegue esa química que transmitían enriba do escenario? 
Pois tampouco hai un truco nin unha fórmula, ou a tes ou non a tes. E eu teño a sorte de que penso que xa o conseguín con varios, con Marcos Pereiro, con Carlos, con Fede [Pérez], con Pepo Suevos... Con moitos amigos. Sobre todo creo que hai que levarse ben, querer divertirse os dous e despois, pois que saia todo máis ou menos ben para que o público tamén se divirta con nós, esa é a historia. Creo que non hai fórmula, non se pode explicar, non hai ingredientes para facer a receita, ou sale ben ou sale mal, non hai máis.

Comentarios