miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

Touriñán: "Encantaríame facer unha peli de vaqueiros"

Xosé A. Touriñán. EP
Xosé A. Touriñán. EP
Son un dúo case icónico. Touriñán e Carlos Blanco volven co novo Somos criminais, segunda parte que atallou para ser a terceira. Están este venres e este sábado ás 20.00 e ás 23.00 horas no auditorio Gustavo Freire 

Poida que sexa un dos galegos máis queridos. Xosé A. Touriñán é moitos personaxes, pero o papel que máis lle gusta é o de pai dos seus dous nenos. É dos que non escatima en coller un avión con tal de volver á casa e tampouco se bota atrás cando de facer rir se trata.  

Con quen se ri Touriñán? 

Cos meus fillos, son con quen máis me río. Aprendes moito deles e dos seus razoamentos. E con compañeiros como Carlos Blanco, Marcos Pereiro, Fede Pérez... 

Precisamente con Carlos Blanco volve a Somos criminais, pero saltan do 1 ao 3. Segundas partes nunca foron boas? 

Por non arriscar decidimos pasar directamente á terceira. Tamén hai quen di que non hai dúas sen tres, así que por atallar…   

Son supersticiosos? 

Non sei Carlos, eu nada. Ademais, neste espectáculo hai amarelos, cruzamos por debaixo de escaleiras, menciónanse nomes gafes que non se deben dicir… 

Tan ben se lles dá estar xuntos no escenario? Hai feeling?

Ten que habelo. Aínda encima sendo dous, non tes escapatoria. 

Cando coñeceu a Blanco? 

Moito antes que el a min. Eu era seguidor de Mareas vivas e cando facían monólogos nos bares andaba detrás del véndoo. Despois coñecémonos máis en Fariña, na serie. 

Cando non está diante das cámaras nin nos escenarios, onde está vostede? 

Estou, menos do que debera, noutras cousas. Teño dous nenos e unha muller que aguantan moito as ausencias e intento estar na casa ou cos amigos. Son moi amante de estar arredor dunha mesa, comer e charlar. 

Como bo galego. 

Eu creo que se fora mexicano tamén me gustaría. É xenético.

E segue onde sempre, en Culleredo. 

Si, vou e veño. Se teño que ir a Madrid, collo un avión o luns e volvo o venres para pasar a fin de semana na casa. 

É un traballo dobre. 

Ten cousas boas e cousas malas. Vivir onde vivo é un privilexio. O tempo que botei por aí en Madrid, vivindo nun piso, non ten nada que ver con estar nunha casa no rural. É o que a min me gusta. 

Apréciase máis despois do confinamento. 

Agora xa o podo dicir, para min foron unhas vacacións. Nunca estiven na miña casa 15 días seguidos e que che manden meterte nela durante dous meses… Estiven cos meus nenos: pola mañá era a escola, pola tarde xogabamos fóra. Foi mala vida para a xente que o pasou mal, pero no meu caso foi todo positivo. 

Agora, traballando tanto, será dos máis ricos de Galicia.

Non creo, tamén gasto moito. 

"Aínda estou coa ilusión de ser futbolista, pero a min non me gusta correr e prefirín vivir do conto"

Se non fora cómico, que sería? 

Futbolista. Aínda estou coa ilusión e non a vou perder nunca. Porque me gusta moito o fútbol e porque xoguei diante da taberna dos meus avós toda a vida. Pero a min non me gusta correr e prefirín vivir do conto, éme máis cómodo.  

Ao mellor pode ser porteiro… 

Non non, daquela non. Futbolista do que lle dá ao balón. Os porteiros son outra especie. 

Raparíase por algún papel? 

Non por calquera cousa, claro, porque tampouco me apetece e é unha marca da casa. Pero tampouco tería problema en facelo. 

Antes ser do Celta ou ser calvo? 

Vaia dilema. Non teño ningún problema cos do Celta, pero son do Deportivo e entón non podo ser do Celta. Se non existira o Dépor, ao mellor podería ter sido do Celta. 

Fixo de muller como Mucha, de narco en Fariña, en Land Rober perdeu a conta… Queda algún papel por facer? 

Todos, porque os que fixen xa están feitos. Pero encantariame facer unha de vaqueiros. E en Galicia mira que hai vaqueiros… Xa a faremos, se non me chaman habémola facer nós.

"Vexo o complexo que temos e que xente de Madrid e doutros lugares nos ten moito aprecio e cariño. Somos xente que caemos ben"

Daba respecto o listón do primeiro Somos criminais, o espectáculo máis visto da escena galega? 
Bendito respecto. O primeiro que está na mente é que a xente que está na sala, actores e público, durante esa hora e media ten que pasalo ben. 

Este novo espectáculo seméllase algo ao primeiro? 

Ten que ver co primeiro en que somos os mesmos enriba do escenario e que a estructura do show é similar: unha conversa de dous investigadores que van sacar conclusións sobre se somos ou non especiais os galegos. Na primeira centrabámonos máis no delito, nos crimes galegos curiosos, en cales eramos potencia… Neste fixámonos máis na parte de ser a hostia, únicos, distintos, desa cousa de non saber se o galego sobe ou baixa, que se aproveitaramos a chuvia e a vendéramos como o petróleo seriamos os máis ricos do mundo… Eses tópicos. 

E a que conclusión chegaron? 
Que non somos nin mellores nin peores ca outros, pero temos un xeito propio de ser. 

Deu o salto á escena nacional. Agora venos diferente aos galegos? 
O que vexo é o complexo que temos de que ‘é que o humor galego non se entende’. Por suposto, pero facer rir é rir. Tamén iso de sentirnos un pouco menos, aínda que creo que as novas xeracións o están cambiando. Tamén percibo que xente de Madrid e doutros lugares nos ten moito aprecio e cariño. Somos xente que caemos ben. Somos peores nós para nós, que o resto do mundo para nós. 

Tivo que explicar algún chiste?

Sempre hai que explicar as cousas coas que o público non ten referencia. En Galicia todos entendemos se facemos unha broma cunha vaca ou co marisco, ou co vento ou a chuvia. Pero se eres de Castela iso non o vives. Aínda así, temos un sexto sentido, un superpoder: a retranca. Cunha mirada, un ‘si home si’ ou unha frase desas que saen nos anuncios do Gadis, xa lle buscamos unha segunda lectura. É un tipo de humor que compartimos cos británicos, iso de buscar o humor máis negro. 

Nesta rara normalidade custaralle ver as risas da xente. 

Agora xa nos estamos adaptando. O sorriso cando pasa a ser gargallada dá igual a máscara. 

Ademais de no humor tamén anda noutros proxectos. 
Si, con Fariña, a obra de teatro, volverei a mediados de marzo por Galicia e empezarei outra tempada de Rutas bizarras, o programa con Marta Hazas para TVE. Comezamos en febreiro, a ver que pasa por aí, por Lugo.

Touriñán: "Encantaríame facer unha peli de vaqueiros"