Touriñán: "A censura e o secuestro de libros no século XXI non teñen moito sentido"

Xosé Antonio Touriñán. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O popular actor galego fala sobre As Cantareiras de Ardebullo, o seu papel na exitosa serie 'Fariña' e do orgullo que sente das súas orixes rurais 

Vostede estudou Filoloxía Galegoportuguesa. Que o levou a cambiala polo mundo da farándula?
Foi casualidade. Marcos Pereiro e eu comezamos a facer monólogos en locais, teatros... mentres estaba estudando, e foi xurdindo traballo disto. Un día fixemos unha proba para a Televisión de Galicia e xa quedamos. Cando acabei a carreira xa tiña traballo disto, que comezou sendo un hobbie, xa non tiven tempo a ser mestre nin investigador.

As Cantareiras de Ardebullo foron as personaxes que máis éxito lles deron a Marcos Pereiro e a vostede. Bótaas de menos?
Non as boto de menos porque están con nós aínda. Agora traballan menos e están algo máis paradas. O ano pasado cumprimos 15 anos con esas señoras, que foron as que nos deron todo, e decidimos que era un bo momento para descansar e probar cousas novas.

De onde sacaron a idea das Cantareiras?
A idea nace nunha festa, no ano no que Rosa foi a Eurovisión, cando tocabamos o Europe’s Living a Celebration a ritmo de muiñeira. Despois un amigo propúxonos facer algo para as Letras Galegas, e creamos estas dúas señoras. Despois comezou a medrar, un pouco sen querer nós, pero divertíndonos moito.

Con Carlos Blanco fixo un espectáculo, Somos criminais, co que acadaron moito éxito. Teñen pensado retomar a xira ao rematar o verán?
Si, volveremos a xirar e a repetir lugares , ademais de visitar outras vilas nas que non estivemos, entre finais de setembro ata finais de xaneiro. Pero o espectáculo chegará con algúns cambios, por iso aínda que haxa xente que o viu pode repetir e pasar unha hora e media divertida.

"As Cantareiras xurdiron nunha festa, no ano no que Rosa foi a Eurovisión, cando Marcos e eu tocabamos o Europe’s Living a Celebration a ritmo de muiñeira"

Fixo moitas cousas en radio, televisión, cine e teatro. Con cal queda destes formatos?
É imposible escoller un, porque a nosa profesión é tan bonita que che dá a posibilidade de traballar en todos eles. Pero tamén é certo que se teño que quedar con un escollo o escenario co público en directo, que foi onde comecei.

Interpretou a Paquito Charlín en Fariña. Inspirouse vostede en alguén coñecido?
Non, están baseados en personaxes reais pero nós non fixemos nin as caracterizacións nin a personalización semellantes aos fillos de Charlín. Creamos os personaxes a partir do que viña no guión e do traballo de dirección.

A serie estreouse con todo o batifondo do secuestro de Fariña. Como lle afectou a vostede? Eu creo que aos que participamos na serie nos afectou para ben pola publicidade que se lle deu, ao mellor aínda non estaría emitida nin tería toda a repercusión que tivo se non fose polo secuestro. Pero por outro lado, despois de coñecer a Nacho Carretero, que foi o xornalista que escribiu o libro, pareceume unha inxustiza tremenda cara a el e cara á editorial. Xa non me parece xusto que alguén poida secuestrar un libro que serve para que ti fagas unha opinión a favor ou en contra. Pero esas historias da censura e o secuestro no século XXI non teñen moito sentido.

Cal foi (ou cal é) o personaxe máis difícil de interpretar da súa carreira?
Supoño que os personaxes máis difíciles de interpretar son os que non me deron. Cando fun aos cástings e non fun capaz de facer o que querían ou o que buscaban é o máis difícil. Tamén o paso mal antes de saír a interpretar papeis como Jennifer López ou Rafaella Carrà, cando me vexo así vestido con esas pintas, pero despois xa gozo moito.

Resúltalle máis sinxelo a interpretación ou a improvisación?
A improvisación é difícil. Tes que ter un guión previo no que todo ten que estar ben atado, hai que crear unha base que pareza que estás improvisando. A xente cre que hai máis improvisación da que hai. No Land Rober, por exemplo, hai un traballazo de guión espectacular cada semana. Ese traballo si que é o máis complicado.

O mes pasado recibiu o premio Orgullo Rural por inspirarse no medio agrario para os seus personaxes. Imaxino que está moi orgulloso das súas orixes.
Por suposto. Estou moi orgulloso e moi agradecido de que mo deran, paréceme demasiado que alguén teña a ben darme un premio de nivel nacional por ser o que son, iso é unha marabilla. Estou moi orgulloso de onde veño, todo o que somos, de todo o que facemos e de todo o que aportamos. Moitas veces preténdese facernos de menos á xente do rural, pero hai que sacar peito por ser galegos. Iso levareino por bandeira sempre.

O Touriñán que vemos en pantalla é o mesmo que o Touriñán da intimidade?
Eu creo que non. Son moito máis aburrido e moito máis seco que cando saio en televisión. Na vida normal teño os meus momentos bos e malos coma todo o mundo. O Touriñán da casa non está todo o día rindo. Chora igual que todo Dios e está de mala hostia cando se ergue e dorme pouco.