Toque lucense para celebrar o 20 aniversario de Dios Ke Te Crew

O grupo saca o sábado un disco-fanzine coa colaboración de Karmasound e Leandro Barea
A banda Dios Ke Te Crew. IAGO VILARINHO
photo_camera A banda Dios Ke Te Crew. IAGO VILARINHO

Dios Ke Te Crew festexará o vindeiro sábado o seu vixésimo aniversario, cunha xornada maratoniana de concertos en Santiago e coa publicación dun disco-fanzine, no que 20 músicos e produtores reinterpretan outros tantos temas da mítica banda galega de rap, ás que tamén dan vida, a través de ilustracións, 20 artistas gráficos.

Artistas lucenses como Karmasound (nun remix) e Leandro Barea (ilustración) colaboran con este fermoso homenaxe a dúas décadas de traxectoria.

Tamén participan músicos e produtores como Ortiga, Malandrómeda, Javi Fluzo, Grande Amore, Mundo Prestigio, Juait ou CRNDS, que fixeron novas versións de temas como Vas de verde ou Ke traballe o rei.

Completan a lista nomes como 2pasos, Padre Murdock, Frank Juxley, DJ Mil, Hermano L, Karma Sound, Nashgul, Terrae, Coio, Figueroa, High Paw, Xurxo Master ou Mou.

Os remixes poderanse escoitar a partir das 24.00 horas do sábado nas principais plataformas dixitais e tamén estarán dispoñibles través dos códigos QR que se inclúen no fanzine, texto editado en formato A5 e un agasallo que a banda entregará ao público asistente aos directos da Sala Capitol. O recinto pendurou hai semanas o cartel de entradas esgotadas para a celebración dos 20 anos da banda sobre os escenarios.

CONCERTOS. Deste xeito, este sábado a banda máis emblemática do hip hop galego celebrará por todo o alto as súas dúas décadas de traxectoria musical. A festa titulada "Tremendos anos 20" preséntase, en palabras do grupo, como unha ocasión "única e irrepetible" que, a modo de "exclusiva cerimonia litúrxica" festexará 20 anos de vida a través dun "abraiante akelarre musical de amizades".

A banda acompañaranse de artistas como Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Santino e Guillerme (Quempallou), con quen compartirán escenario na noite do sábado na Sala Capitol, espazo no que tamén actuarán Hermano L, High Paw e DJ Mil desde as 19.30 horas. Os festexos continuarán na Sala Malatesta a partir das 00.30 horas, cando se celebrará o concerto de Los Rastreadores e os "showcases" de Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Ra Velenosa e Rico Suávez, entre outras sorpresas.

Comentarios