Iria Misa: "Todo o que arrodea este premio desprende ese agarimo que a xente aínda lle profesa a Agustín"

Natural de Gondomar, acaba de proclamarse vencedora do certame vilalbés que convocan Iescha, Concello e Xerais e que lle permitiu publicar outra obra en 2018 tras ser finalista na primeira convocatoria
Iria Misa
photo_camera Iria Misa. MIGUEL PRADO

A CUARTA edición do Premio Agustín Fernández Paz de literatura infantil e xuvenil pola igualdade xa ten gañadora, Iria Misa Peralba, con ‘A cidade do átomo’, unha historia na que a amizade cobra un protagonismo especial.

Que significa para vostede gañar este certame?

Significa o recoñecemento a moitas horas de traballo, a materialización dalgo no que puxen moita ilusión. Reporta unha satisfacción persoal moi grande.

Era a primeira vez que se presentaba? Que a motivou a facelo?

Non, xa presentara obra á primeira edición, quedando finalista con ‘Mamá, quero ser Ziggy Stardust’, novela que publicou Xerais un tempo despois. Motivoume o feito de que se crease un premio co nome de Agustín Fernandez Paz e co apelido ‘igualdade’. Desde o primeiro momento me pareceu unha idea fermosísima.

Que significa para vostede a figura de Agustín Fernández Paz? E a convocatoria deste premio?

Falar de Agustín Fernández Paz é falar da orixe do que facemos hoxe as e os que escribimos literatura infantil e xuvenil en galego. Non foi só un escritor moi valorado, senón tamén unha persoa moi apreciada pola súa calidade humana, e creo que todo o que arrodea este premio desprende ese agarimo que a xente aínda lle profesa. Na miña opinión é un certame especialmente conmovedor e simbólico.

Recolle o testemuño de María Reimóndez, Rosa Aneiros e Antía Yáñez. Que supón para vostede?

Recoller este testemuño faime sentir responsabilidade e tamén orgullo, son mulleres ás que admiro moito.

Parécelle significativo que nas catro edicións as premiadas sexan mulleres?

Por suposto. Na miña opinión hai escritoras que non é que veñan, é que xa están pisando forte. Para min é un síntoma de que as mulleres estamos conquistando espazos.

Defina ‘A cidade do átomo’.

É unha novela sobre a soidade, a inxustiza e a amizade como antídoto a estas dúas, que ten lugar nun escenario desolador pero á vez fermoso. Conta a historia de Lena Petrov e as demais crianzas que viven en Prípiat, unha cidade en ruínas desde a súa evacuación despois do accidente na central nuclear de Chernóbil.

Como xorde a historia?

A idea xorde dun videoclip que amosa panorámicas da cidade. Quedei marabillada pola melancolía das imaxes en conxunción coa música. Investiguei algo, sorprendeume saber que Prípiat era unha cidade cunha media de idade moi baixa, chea de nenos e nenas que se viron na obriga de abandonar a comodidade de todo o que coñecían. Entón pensei, que pasaría se os deixase quedar na cidade?

O xurado destacou a súa orixinalidade, amenidade e que pode interesar ao lector de calquera idade. Que lle parece?

A literatura escrita para xente nova está dirixida a todo público porque todas e todos levamos aínda un neno ou unha nena dentro. Ademais, o publico de literatura infantil e xuvenil adoita ser esixente. Gústame que a describan como unha novela orixinal porque sempre traballo coa intención de sorprender a este público que ten o listón tan alto.

Que valoración fai da situación actual da literatura infantil e xuvenil galega?

Para min é evidente que está en plena forma, publícanse moitas obras interesantes e temos nomes con proxección dentro e fóra de Galicia. O que non acompaña, coma sempre, son as circunstancias: o esmorecemento da lingua entre as xeracións novas, as constantes dificultades... Menos mal que iso de que a xente nova non le é un mito, así que seguiremos traballando con ilusión.

Comentarios