Por raro que pareza, o covid tamén trouxo cousas boas. Unha delas foi o espectáculo que, sen querelo nin pretendelo, chegaron a facer durante 50 noites Xosé Antonio Touriñán e David Perdomo, dous humoristas e actores galegos que decidiron conectarse ao Instagram aquelas noites de vida en pechado para levar un pouco de humor ás casas dos demais.
Como chegou este espectáculo que presentan o venres en Lugo, Corentena, aos teatros?
Pois todo veu da pandemia e da corentena que vivimos hai tres anos. Cando estabamos pechados, comezamos a conectarnos pola noite, a través do Instagram, eu e Perdomo. Botabamos unha hora falando da vida —en clave de humor— e comezamos a facer distintos tipos de personaxes. Ao final, estas conversacións dunha hora foron seguidas por entre 25.000 e 30.000 persoas. Tivo moito éxito e, debido a iso, decidimos levar o mesmo que faciamos en Instagram ao teatro.
Pero estas quedadas que tiñan eran premeditadas? Pensaban en convertilas nun espectáculo?
Non, para nada foi premeditado. Só que nós, en vez de facer pan como facían outros ou tocar a unha hora desde a casa como facían os músicos, deunos por conectarnos e poñernos a falar da vida en clave de humor. Foi algo que fixemos máis por nós que por ninguén e foi tamén unha das cousas máis chulas que fixen, tanto a nivel profesional como vital. Todas as noites da pandemia conectabamonos ás once para pintar a mona e diante dun teléfono móbil. Foron 50 noites así e iso tivo moita repercusión.
É un monólogo a dous cun 80 por cento de improvisación. Falamos da vida pero o mellor é que cada función é distinta
Cando decidiron convertir esas conversas por Instagram nun espectáculo con formato teatral?
Pois tardamos tres anos en facelo. Ocurríusenos e puxémonos a elo. Fixemos primeiro unhas probas en salas pequenas a ver como resultaba, cun formato gamberro e moita improvisación, xogando un co outro e decidimos levalo ao teatro, cunha estética máis coidada pero a filosofía é a mesma: falar da vida, das cousas que nos preocupan con personaxes improvisados. Pero o mellor de todo é que cada función é distinta.
Canta marxe deixan á improvisación? Terán un guion como base do espectáculo non?
Temos unha escaleta dos personaxes pero, en realidade, non hai un guion como tal. Digamos que o espectáculo é nun 80 por cento improvisación nosa.
E como é a posta en escea? Hai cambio de decorados para situar o contexto dos distintos personaxes como se fose unha representación teatral ou é, máis ben, un formato de monólogo?
É, para que o entendamos todos, un monólogo a dous. O decorado é o mesmo. A escenografía será, basicamente, un percheiro no que colgaremos a roupa para cambiarnos pero o que si haberá é dúas pantallas xigantes de televisión, con realización en directo, para crear o efecto de videochamada como se nos estivésemos chamando de verdade. É un formato como de conversa a través do móbil pero coa pantalla en grande.
Teñen dúas funcións, unha ás oito e media e outra ás once. Dura moito o espectáculo?
En teoría, dura unha hora pero, ao final, é máis tempo. Entre a introdución e unhas cousas e outras durará hora e media.