Tiruleque celebra vinte anos na música cunha xira que recalará en Lugo o 14 de maio

A banda coruñesa lanzará un recompilatorio cos seus mellores temas

Tiruleque, durante un concerto no Festival de Ortigueira. EP
photo_camera Tiruleque, durante un concerto no Festival de Ortigueira. EP

A banda coruñesa Tiruleque conmemora este ano o seu vixésimo aniversario cun duplo festexo: xira de concertos e lanzamento dun recompilatorio.

O grupo iniciará unha xira de concertos o vindeiro 30 de abril cunha actuación especial na mítica Sala Garufa da Coruña. Esta cita será a primeira dunha serie que levará a Tiruleque durante o mes de maio á Casa das Crechas de Santiago o vindeiro día 5, a Canido (Ferrol) o domingo 8 e á Clavicémbalo de Lugo o 14 de maio.  As entradas xa están á venda en  www.entradium.com.

Ademais, o grupo lanza un novo traballo discográfico. Baixo o título Tiruleque, 20 anos no camiño, recompílanse os temas máis destacados dos tres álbums de estudio publicados polo grupo (Tiruleque en 2009, Mu!! en 2013 e Outro que tal baila en 2018) e dous temas inéditos. Este recompilatorio sae en formato dixital ao cal se poderá acceder ao adquirir nos amentados concertos unhas láminas ilustradas asinadas por Juanlu Nacha, deseñador que se encargou da arte gráfica do disco. As láminas conteñen un código de descarga.

Os temas deste Tiruleque, 20 anos no camiño están interpretados por Antón Bueno (contrabaixo), Álex Fente (acordeóns), Luis García (bombo con pratos, percusións e coros), Miguel Horjales (caixa, percusións e coros), Serxio Núñez (clarinete, gaita, percusións e voz), Fernando Román (saxo soprano, clarinete e trompeta) e José A. Vázquez (gaita, saxo alto, pandeireta e coros). Ademais, tamén colaboran en diferentes temas Juyma Estévez e Pablo Pintor, quen se reincorpora á formación estable de Tiruleque tras anos de paréntese nunha nova andaina do grupo na que asumirá a percusión e o bombo con pratos. 

Tiruleque en María Pita. EP
Tiruleque en María Pita. EP

 
DESDE 2002. Tiruleque nace como banda no 2002, ano no que cinco rapaces da Coruña procedentes da música tradicional comparten as súas inquedanzas. Xorde así un proxecto musical que intenta desde un primeiro momento, mesturar un repertorio baseado en recollidas e cancioneiros tradicionais con outras moitas influencias e pezas propias. Esta evolución ao longo dos anos, leva o grupo a engadir distintos instrumentos cos que levar máis aló esa tradición e creatividade. Deste xeito, a banda consegue acadar maior expresión, maiores posibilidades e un son propio recoñecible dende a primeira escoita que se plasma nos discos autoproducidos Tiruleque (2009), Mu!! (2013) e Outro que tal baila (2018). 

Co seu repertorio, Tiruleque leva 20 anos percorrendo a xeografía galega e estatal, "deixando constancia da calidade dos seus directos" coa participación en festivais como o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Festival de Pardiñas, Beltaine-Avilés Intercélticu ou  no Festival Intercéltico do Morrazo. A nivel internacional participou representando a Galicia nas 41ª e 49ª edicións do Festival Intercéltico de Lorient. Tamén teñen  compartido escenario con recoñecidos artistas como Milladoiro, Xosé Manuel Budiño, Susana Seivane, Uxía, Treixadura, Xabier Díaz, Tanxugueiras ou Kepa Junkera, entre outros.

Comentarios