Teresa Arrojo: "A natureza continuará a miña obra polos séculos dos séculos"

A artista presenta a exposición Interacción, na que reúne cerámica, liques e musgos, na galería lucense 32 de Luz a partir dunha peza que elaborou en colaboración coa intemperie.
Teresa Arrojo amosa unha peza na galería 32 de Luz /XESÚS PONTE
photo_camera Teresa Arrojo amosa unha peza na galería 32 de Luz. XESÚS PONTE

Teresa Arrojo inaugurou a mostra Interacción este venres na galería 32 de Luz, que está no barrio lucense de Recatelo. A orixe e o centro da mostra, na que hai unha vintena de pezas, é a obra Todo xira. Consiste nunha columna de trinta ‘ferraduras’ de cerámica e oxidadas e abertas que están dispostas en superposición.

A artista contou coa axuda de dous bosques para elaborar Todo xira. Hai vinte anos elaborou a base. Entregoulla á intemperie en fragas de Mallorca e Borines (Asturias), onde permaneceu exposta ao vento, á chuvia e ao sol ata o pasado maio. As intemperie ocupouse de avellentala a base de escurecer a color e de colonizala con liques e musgos.

Arrojo sinala que a súa obra "está unida á Nai Terra, á vida, ao cambio, ao movemento, á dureza, á orixe, á transformación e á interacción". O seu obxectivo é lograr "integrar a miña obra na natureza". "Eu fixen a obra e a natureza foi integrando colores e texturas. A natureza vai continuar a obra durante séculos e séculos. Cando eu morra, vai seguir facéndoa. O que me agrada máis é que a natureza segue o seu proceso con total independencia", indica.

Todo xira é a única peza da vintena de xarras, fontes e macetas que compoñen a exposición que ten nome.  "Non vou estar todo o día poñendo nomes ás pezas pequenas", remacha bromeando. A creadora usa esa peza como modelo para o resto, reproduce en cerámica os liques e os musgos en diversas cores. Para logralo, fixo  uns fíos de cerámica os que vai dando formas. "Fun engadindo os filamentos pouco a pouco ata facer unha malla", explica.

A textura que permite que unhas pezas parezan troncos marrónacos de árbores e outras bloques de ferro que foi fundido e moldeado


O proceso, manual, é minucioso e esixe o seu tempo. A cocción é lenta, vai aumentando a temperatura para que o barro vai exhalando a humidade. Ese é o secreto para conseguir unha textura que permite que unhas pezas parezan troncos marrónacos de árbores e outras bloques de ferro que foi fundido e moldeado. Hai colores que logra con materiais que lle vai engadindo, coma óxidos ou pinceladas de pintura; pero a constante é que busca que imiten á natureza.

A mostra Interacción pode visitarse na galería 32 de Luz nun horario que se prolonga de xoves e venres de 12.00 a 15.00 horas e de 18.00 a 21.00. Os sábados abre en horario continuado, entre as 12.00 e as 22.00.

Comentarios