sábado. 16.01.2021 |
El tiempo
sábado. 16.01.2021
El tiempo

Sergio Pazos: "Teño unha carta de nobreza policromada"

Sergio Pazos. MAYTE SERRANO
Sergio Pazos. MAYTE SERRANO
O humorista ourensán está actuando en Galicia con Contaxiándonos de humor, un "diálogo co público" no que comparte a súa visión sobre temas como a Coroa ou o coronavirus

O monólogo de Sergio Pazos poderá verse este venres na Praza Paradela de Gondomar e o sábado no auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas. En ambas as localidades hai cincuenta asentos dispoñibles e comezará ás 20.00 horas.

Lera que nacera vostede en Sandiás, pero é de Ourense.

En Sandiás pasaba os veráns. Asilvestrado. A miña avoa tiña unha casa fortificada. Temos carta de nobreza policromada.

Carta de nobreza policromada. Impresiona.

A miña educación foi en castelán. O meu pai fala castelán e a miña nai tamén. Ela era de Cuenca. Eu estudei nos Salesianos. O meu avó era deputado do Partido Republicano Radical no ano 1936, amigo de Otero Pedrayo e escapou a México. O meu pai, Alfonso Pazos Bande, non tivo pai, pero herdou unha biblioteca de clásicos.

E vostede saíu comediante.

A miña nai era mestra. Eu estudei Maxisterio, pero empecei a gañar cartos con 21 anos no Centro Dramático Galego.

Cónteme ese principio.

Estaba en Caritel, o primeiro grupo profesional de Ourense. O presidente da Deputación, Victorino Núñez, non nos daba subvencións por actuar en galego.

Xa. A vostede empuxouno a Madrid.

Levo en Madrid dende 1996. En Galicia era todo moi endogámico. Non me foi mal.

Fíxose popular en CQC.  

No programa dicíanme que somos galegos ata no humor. Houbo un mitin de Fraga en Lugo. Había un paisano cunha cavicha colgando da boca baixo a pancarta de benvida a Manuel Fraga. Falei con el. "Veu ver a Fraga?" "Pasaba por aquí". "Quen vai gañar?" "Quen máis votos saque". "Que lle parece o PP?". "Ben". "E o PSOE?". "Tamén". Pensaron que o preparara.

Está de xira con Contaxiándonos de humor. Este monólogo ten relación co anterior, Afiando con humor?

Vou actualizando temas, pero non perde a esencia. Falo do coronavirus, de Corinna, de que Caballero é o alcalde con máis luces. Pero eu non fago monólogos, dialogo coa xente. Recupero chistes populares. Un andaluz dílle a un galego: "En galego falas coma un can". "Eu, eu, eu?". 

Usa chistes populares?

Funcionan moi ben.

Tamén en Andalucía?

Cando vou a Andalucía non cambio máis que de idioma porque en Galicia actúo sempre en galego. Dígolles que son do norte de Andalucía. Entenden que son galego e que fale de Galicia.

Acaba de terminar un curso de esgrima.

Os actores autodidactas temos que formarnos continuamente pola nosa conta. Este curso de esgrima impárteo un mestre que foi seleccionador nacional. Fixen un cursos de sable, florete e de espada con daga.

Montxo Armendáriz dirixiu outro curso ao que asistiu.

Era un curso de mirada porque os actores de teatro damos mal no plano curto.

Deben proxectar a voz ata a última fila da sala.

Claro. Non nos preocupamos de mirar. Tamén fixen cursos con Leo Bassi e con José Luis Cuerda.

O mellor adestramento para un monologuista faise nos bares.

Sempre tes un borracho que vai interromper. Así que o primeiro é ir por el.

Foi un dos primeiros monologuistas de Galicia xunto con Manquiña, Javier Veiga e Luís Zahera en Noites de retranca. Hai un xeito galego de facer monólogos?

Carlos Blanco, por exemplo, é moi galego. Ten un público moi fiel e que lle esixe un dobrete, que vai velo dun ano para outro. Quico Cadaval é un dos mellores monologuistas do mundo. Temos a Piedrahita ou Miguel Lago. Putean ao público e a este dálle igual. Os monologuistas que veñen de Madrid non entenden o noso humor. Cando veñen aos bares quedan flipados.

Escribiu columnas no desaparecido periódico Diario 16 entre 1998 e 2001.

Deixáronme porque estaba en Caiga Quien Caiga. Escribía bufonadas na casa e, como non tiña ordenador, chamaba por teléfono. Os redactores discutían por quen ma collía.

Se chamaba vostede ás dez ou once da noite é normal. Estarían pechando o xornal.

Era tarde. O meu pai gardounas. Volvín lelas moito despois e non estaban mal. Soamente me censuraron unha na que falaba sobre fondos reservados.

Na serie Auga seca fai de inspector Viñas, un papel dramático.

Si. Cando che dan un papel así disfrutas moito. Obrígache a traballar fóra da comedia, a cambiar de recursos. É un reto. Fixen A esmorga con Sarabela Teatro, era Milhomes, que está namorado do Bocas. A profesión deume un María Casares.

Cando lle pedimos fotografías para ilustrar esta entrevista mandounos un retrato en branco e negro que lle fixo Carlos Canas, un fotógrafo da Coruña.

Falei con Carlos cando me fixo as fotos. Ao rematar díxome que durmía no coche, que tiña unha enfermidade dexenerativa. A nai morreu diso. Así que el vai morrer tamén. Convideino a cear e a durmir na miña casa.

Sempre está disposto a axudar a persoas con problemas. Adoitan ser persoas que padecen enfermidades graves.

Foi a educación que me deu o meu pai. El foi moi xeneroso coas persoas necesitadas. Defendeu a prostitutas. Fundou o Partido Democrático da Esquerda, á esquerda do PCE. Hoxe en día, con 88 anos, sigue indo polo despacho. Está máis en forma ca min.

Sergio Pazos: "Teño unha carta de nobreza policromada"
Comentarios