Teniente retrata en 'Fillos do océano' comunidades pesqueiras do mundo

A mostra, con máis de 70 fotografías de países como India, Senegal ou Vietnam, pode verse en Afundación de Lugo ata o 4 de xuño. Nunha viaxe física e emocional, o fotógrafo vigués rende homenaxe aos mariñeiros e a un xeito de pescar sustentable co medio
Javier Teniente, este xoves ante unha das súas obras en Afundación
photo_camera Javier Teniente, este xoves ante unha das súas obras en Afundación

A sede de Afundación en Lugo acolle dende este xoves a mostra ‘Fillos do océano’, síntese das mellores imaxes que o fotógrafo vigués Javier Teniente tomou, durante varios anos, nunha viaxe por comunidades pesqueiras tradicionais de todo o mundo. Trátase dun percorrido fotográfico único polas poboacións costeiras dos cinco continentes, composto por máis de setenta fotografías que poderán verse ata o vindeiro 4 de xuño.

A exposición constitúe unha homenaxe a todos eses pescadores que viven do mar e para o mar e obteñen del todo o necesario para a súa supervivencia. Tamén é unha chamada de atención e de concienciación social a favor da preservación dos ecosistemas mariños, para que se regulen tanto as pesqueiras coma a contaminación marítima.

"Só así, preservando o medio, conservaranse as culturas ligadas á pesca artesanal. Un modo de vida co que, certamente, non se obteñen tantos beneficios a curto prazo como coa pesca industrial, pero que é máis sostible social e medioambientalmente", sinalou o fotógrafo.

Teniente, que naceu nunha familia mariñeira -"aínda que hoxe ningún nos dedicamos ao mar", puntualizou- quixo cumplir con este proxecto unha necesidade vital que levaba dentro desde a infancia. "Cando empecei a facer fotografías recordo que facía fotos de mariñeiros, de peixes, que non é o típico", recorda.

Xa no 2001, outra exposición, ‘Mans salgadas’, falaba da pesca en Galicia. De aí naceu a idea de ampliar o retrato dun xeito globlal.

Así, ‘Fillos do oceáno’ é unha mostra de fotografía documental que presenta a forma de vida de pobacións que subsisten grazas á pesca artesanal en países tan diversos como India, Senegal, Vietnam, Sri Lanka, Madagascar, e mesmo Galicia.

A pesca da balea nunha remota illa de Indonesia, con arpón, "ata recibe o beneplácito de asociacións ecoloxistas, pois só pescan unha ou dúas baleas ao ano", ilustra Teniente, que incluso participou activamente no labor, a pesar da súa perigosidade.

"Tiven que esperar cuarenta días para ver cómo cazaban unha balea. Outros reporteiros abúrrense de esperar e marchan antes. Eu tiven sorte e puiden participar. Pero é perigoso. Saímos con cinco embarcacións e dúas foron afundidas", relata.

A pesca do atún roxo en Barbate, obxeto de desexo dos nipóns, a arte da xávega, con redes e bois na praia, en Portugal -case extinguida, pois redúcese actualmente a un día de festa-, ou a pesca de baixura en Galicia forman parte deste percorrido proposto por Teniente. Tamén están a captura da langosta a pulmón en Panamá, a pesca na Costa dos Mosquitos, ou a de Madagascar, onde os pais mariñeiros fan réplicas das súas embarcacións aos seus fillos para que xoguen. "Son uns navegantes magníficos", asegura o fotógrafo.

En cada unha destas comunidades, Teniente foi recibido cos brazos abertos. Incluso co hándicap dos distintos idiomas, "a comunicación sempre foi moi fluida", di. Esta viaxe física supuxo por tanto una experiencia de "crecemento personal" que, suliña, nunca vai olvidar.

Javier Teniente traballa na actualidade como fotógrafo independente para Getty Images.

Comentarios