Teatro da Ramboia gaña o Manuel María cunha parodia sobre o franquismo

O xurado salienta "o abano de público ao que se dirixe". O premio outórgase en forma de representacións

Integrantes de Teatro da Ramboia. TWITTER
photo_camera Integrantes de Teatro da Ramboia. TWITTER

A primeira edición do certame Manuel María de Proxectos Teatrais ten como gañadora a compañía Teatro da Ramboia. O equipo, integrado por María Peinado, Fran Lareu, Anxo García e Germán Gundín, realizou un proxecto sobre o texto O meu mundo non é deste reino ou farsa de Bululú, unha parodia sobre a ditadura franquista.

Entre os amplos valores da obra gañadora, o xurado destacou "o amplo abano de público ao que se dirixe, a diversidade de espazos e ambientes nos que pode ser escenificado e a probada calidade artística do elenco proposto, tanto na área do teatro actoral como na de monicreques". Tamén fixeron unha mención especial á "coherencia que mantén a peza teatral co universo dramático de Manuel María" e, en concreto, coa obra escollida.

En canto ao premio outorgado adóptase unha fórmula orixinal, xa que non se premia directamente con diñeiro, senón con representacións. O fin último é satisfacer o desexo maior dunha compañía profesional: chegar ao seu público.

A fundación fai unha achega económica modesta, 2.000 euros, e os concellos e deputacións adheridas comprométense a que a obra gañadora se inclúa nas súas respectivas programacións teatrais para o ano.

Nesta edición, o resultado é que a obra premiada xa parte co importante número de postas en escea, pois xa foi vista en 26 ocasióins polo público.

PROPOSTA. Este certame está destinado ás compañías profesionais galegas e premia a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María, co compromiso por parte da compañía gañadora de levalo a cabo ao longo dun prazo máximo de dez meses.

O xurado estivo composto por Manuel Lourenzo, actor, dramaturgo e director teatral; Belén Pichel, produtora teatral e presidenta da Asociación Escena Galega; Quico Cadaval, actor, director e adaptador teatral, e Alberto Ansede, secretario da Fundación Manuel María.

A encargada da entrega do premio foi Saleta Goy, viúva do escritor e presidenta da fundación convocante.

Estivo acompañada dunha nutrida representación das institucións colaboradoras entre as que se atopaban a vicepresidenta da Deputación da Coruña, o concelleiro de Culturas da Coruña, alcalde de Carral e concelleiros/as de cultura de Ames, Cambados, Cambre, Carballo, Culleredo, Monforte e Oleiros.

Comentarios