lunes. 21.09.2020 |
El tiempo
lunes. 21.09.2020
El tiempo

Tanxugueiras: "A nosa máxima aspiración é poñer a música tradicional no máis alto"

Tanxugueiras
Tanxugueiras
Coñecidas musicalmente como Tanxugueiras, estas tres rapazas galegas combinan as súas voces coa pandeireta para deleitar o seu público con pezas tradicionais con toques persoais e modernos

SABELA, a súa xemelga Olaia Maneiro e Aida Tarrío son tres rapazas ás que lles gusta a música tradicional. Coñecidas coma Tanxugueiras, xa van polo seu segundo traballo, ‘Contrapunto’, un relato en 10 pezas que abrangue sentimentos positivos coma a alegría con outros negativos coma a rabia. "Somos rapazas actuais, e a nosa maior aspiración é poñer a música tradicional no máis alto que poidamos", sinalou Sabela.

De onde vén o nome de Tanxugueiras?
procede da zona de Riós (Ourense), é a toponimia dunha finca e gustounos como nome, así que decidimos collelo. Miña irmá e máis eu somos de Teo e Aida é de Ribeira, e non queriamos poñer un nome da nosa zona. Temos uns amigos de Riós e pasáronnos varias toponimias.

Vostedes fan música tradicional e pretenden "recoller a herdanza dos seus avós". Como converten as cancións antigas en música actual?
Nós somos rapazas actuais e creo que ao escoitar outros tipos de música, aparte da tradicional, xa nos saen cousas máis pop, indie ou tirando a ese estilo. Pero como dicía, non é o mesmo cando tocaban e cantaban as muiñeiras que cando comezou a época da radio, que emitía outros estilos de música. Penso que o facemos así porque temos acceso a milleiros de estilos e vese reflexado nas pezas que facemos.

Como foron os seus comezos coa pandeireta?
Olaia e máis eu levamos cantando toda a vida e coincidimos con Aida cando empezamos a estudar en Santiago, na mesma asociación musical. Comezamos tocando nos seráns en nas foliadas e decidimos poñer un nome, simplemente co obxetivo de pasalo ben.

O seu disco é un relato contado en dez pezas, como se lles ocorreu a idea e en que se basea?
Quixemos que ‘Contrapunto’ fose coma a vida mesma. Ten cinco temas do lado negativo da vida e cinco da contraparte positiva, e van agrupados de dous en dous. Fixámonos en como cantaban antes, nos cancioneiros tradicionais e os sentimentos non mudaron, coma a rabia, a tristeza, a alegría... Iso séguese a vivir e o que quixemos transmitir é que hai cousas que non mudan.


As músicas tradicionais de pandeireta e voz tiran máis a estilos da India ou Andalucía

En 2017 fanse virais en Escocia improvisando nun festival. Foi o salto á fama?
Cando estás dentro ves as cousas diferentes, a xente diche "vin nun vídeo...". E tivemos a sorte de que ese vídeo, no que tocabamos nun backstage en Glasgow, se fixo viral e penso que aí puido ser onde a xente coñeceu a Tanxugueiras. Fíxoo todo moitísimo máis rápido.

Máis rápido en que sentido?
Primeiro tocamos en Glasgow, acababamos de comezar e tocabamos en bares e pequenas festas. Tocabamos moito na Casa das Crechas, que somos moi amigos, e o cantante tiña que ir a Barcelona , e non podía ir a Glasgow. Entón preguntáronnos se queriamos ir e gustou o que facíamos. Dende o comezo foi un cúmulo de casualidades. De aí saíu ir tocar á India, coñecemos un promotor que nos levou alí e tamén estivemos en Suíza, en Cuba e en Edimburgo.

E que parecido pode ter a súa música coa de Escocia ou Irlanda?
As músicas tradicionais de pandeireta e voz tiran máis a estilos da India ou de Andalucía. Nós estivemos cun grupo da India co que foi máis doado que cun grupo escocés. Non digo que non fose doado, pero o estilo era diferente.

O feito de coñecer outras culturas debe ser moi enriquecedor musicalmente falando.
Viaxar é coñecer de verdade como vive a xente doutros sitios, é espectacular poder formar parte dos festivais arredor do mundo. Topámonos con xente de Australia, xente iraní, con xente de moitos sitios. Na India fixemos convivencia nun castelo, chámanlle forte e facían alí o festival e tivemos a sorte de estar alí e foi un placer, e fixemos amigos cos que aínda seguimos falando e temos contacto hoxe.

Quixemos que 'Contrapunto' fora como a vida mesma. Ten cinco temas do lado negativo da vida e cinco do positivo.

E contemplan facer a súa música máis cosmopolita?
Nós somos persoas que pensamos en pequeno, e se ben é certo que este ano veu a pandemia e tiñamos pensado viaxar a moitos sitios e se cancelaron, o disco está tendo moito éxito e a nosa música escóitase en Arxentina, Estados Unidos, a India... A nivel nacional, onde máis se escoita é en Madrid, pero se saímos desta zona temos moitísima proxección fora.

E falando da pandemia, como viviron a corentena as Tanxugueiras? Vivo con Aida, así que tiven máis problemas para ver a miña irmá, porque xusto en Teo está unha ponte que cambia de provincia e Olaia vive en Pontevedra, así que non a puiden ver durante a corentena. Asemade, non poidemos ensaiar nada, fixemos reunións por Skype pero ao ter latencia non se puido.

Foron produtivas musicalmente falando?
Aproveitamos para facer conversas en Youtube con xente do audiovisual, coma Gayoso, xornalistas, actores...Tamén estivemos co rapero Rayden. Quixemos resaltar que existe máis cultura que a andaluza e os touros. Tamén aproveitamos para facer novas creacións que esperamos que saian o ano que vén.

Como se ven en cinco anos? Cales son os seus proxectos?
A nosa máxima aspiración é poñer a música tradicional no máis alto que poidamos, aínda que nos encanta fusionar con outros estilos, queremos achegar a música tradicional aos novos, ter moitos concertos, viaxar moito e ir aos sitios máis recónditos do planeta. Tanxugueiras.

Tanxugueiras: "A nosa máxima aspiración é poñer a música...
Comentarios