Tamara Andrés recita os poemas da súa Antioquía na Trama de Lugo

A poeta de Combarro estivo acompañada polos xornalistas Tonina Gay e Héctor Acebo na presentación do seu máis recente libro

Tonina Gay (esquerda), Tamara Andrés e Héctor Acebo. XESÚS PONTE
photo_camera Tonina Gay (esquerda), Tamara Andrés e Héctor Acebo. XESÚS PONTE

Corpo de Antiochia, o segundo poemario de Tamara Andrés, é un "un océano de beleza crítica e introspectiva", segundo a valoración do doutor, poeta e xornalista eonaviego Héctor Acebo, que este sábado participou na presentación do libro na libraría Trama de Lugo. Tamara Andrés (Combarro, Poio, 1992) acompañouse tamén pola presidenta do club cultural Valle Inclán, Tonina Gay, para darlles a coñecer aos lugueses este Corpo de Antiochia publicado na colección Dombate de Galaxia.

De acordo con Acebo, colaborador de El Progreso e Diario de Pontevedra, Tamara Andrés "construíu neste múltiples significados dende unha expresión concisa, chegando así á medula da lírica". Dende un punto de vista temático, Acebo considera que "Antioquía non só é contexto, senón tamén símbolo ideal da devastación (e da reconstrución) emocional; lembremos que, ao longo da historia, a cidade turca —esplendorosa no mundo grecolatino— rexurdiu en diversas ocasións, vítima dos terremotos e mesmo de terribles asedios", sinala. 

Alén da lírica, Tamara Andrés desenvólvese como narradora, tradutora e profesora. É graduada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo e titulada no Máster en Estudos da Literatura e da Cultura da USC. En 2015, Andrés gañou o premio de poesía O Facho co poemario Nenæspiraes, o primeiro que publicou en solitario. Tamén ese ano viu a luz o seu libro en prosa Amentalista, que constitúe unha homenaxe particular ao pintor Magritte.

Comentarios