O taller de música tradicional galega cumpre 70 anos con prestixio de luthier

Paulino Pérez foi o artesán que iniciou unha saga que continuaron o seu fillo, Jesús, e o seu neto, Luciano. O obradoiro produciu unhas dúas mil gaitas e é un referente en toda España

Paulino Pérez, no taller escola da Deputación de Lugo. EP
photo_camera Paulino Pérez, no taller escola da Deputación de Lugo. EP

O obradoiro no que se fabrican instrumentos de música galega na Deputación Provincial de Lugo fundouse hai 70 anos cun berro. O empresario Antonio Fernández, Antón de Marcos, creara en Barreiros (Sarria) unha escola de marcado carácter galeguista. Un día de xuño de 1948 o director do centro, Avelino Pousa Antelo, quixo darlle unha sorpresa ao fundador. Contratan un gaiteiro da cercana Vilei, Paulino Pérez, para que toque a gaita. Empeza a tocar. Antón de Marcos emociónase e berra: "Terra!". Paulino volve ese día á casa coa encarga de dúas gaitas, tambor e bombo para que os escolares aprendan. A maiores, non tarda en formar o grupo Argalleiros de Barreiros.

Ese entusiasmo anima a Antón de Marcos a atender os requerimentos de Faustino Santalices para que se cree un taller provincial para construír instrumentos. O empresario convence á Deputación Provincial para crear o centro artesán contratando o músico que escoitara en Barreiros. O obradoiro comeza a funcionar en 1951, hai 70 anos. Ao longo dese tempo saíron del unhas 2.000 gaitas.

O seu neto Luciano Pérez lembra como el mesmo "daba resina nos fíos de atar os chourizos" que usaba Paulino para "fixar as palletas". Agora dirixe a colección de instrumentos, que conservan exemplares de gaita e zanfona asinados polo seu avó. Agora faise o deseño por ordenador.

"Hoxe non se tornea, debúxase", explica. A pesar de tanta sofisticación os operarios deben limar o resultado para dalo por definitivo.Luciano Pérez observa unha zanfona. VICTORIA RODRÍGUEZ

Sorprende a precisión que conseguía Paulino Pérez, largamente recoñecida en todo o mundo con mencións e premios, cos medios que tiña. "Comprou un torno de fábrica, pero non traía motor e púxolle un de lavadora", engade o seu sucesor. Facer unha gaita podía levarlle un par de semanas, cando agora o prazo é breve.

Paulino tivo aprendices, algúns deles eran da beneficiencia provincial. Figuraba no acordo polo que se fundaba o obradoiro. A partir de 1973 o único discípulo era o neto.

O taller de instrumentos da Deputación Provincial de Lugo tiña a obriga de prover de instrumentos os cativos acollidos pola institución provincial e a grupos tradicionais da provincia que carecesen de medios, unha inciativa que se mantivo ata que se suprimiu nos anos 90 para non competir cos obradoiros privados.

A gaita é o instrumentos máis importante do taller ata que en 1955 constrúe unha zanfona a imitación doutra que lle entregara Antón de Marcos. Completara a formación para este instrumento indo a Madrid o ano anterior, para aprender de expertos en guitarras e luthieres de prestixio.

O papel de Paulino Pérez no taller escola foi determinante ata o seu pasamento, acontecida en marzo de 1975. Daquela Luciano levaba un par de anos aprendendo del no obradoiro provincial. O compromiso da familia Pérez era tal que Jesús, fillo de Paulino e pai de Luciano, asume continuar o labor. Ata o daquela, Jesús era agricultor.


"Eu recórdoo traballando no obradoiro coa súa gravata e o seu chaleco" 

Paulino Pérez tomaba tan en serio o seu traballo como artesán de instrumentos que o seu neto lémbrao "traballando no obradoiro coa súa gravata e o seu chaleco", impecablemente vestido para executar un traballo esixente.

O luthier nacera en Vilei, na parroquia sarriana de Barbadelo, en 1907. O seu pai, Manuel, xa era hábil coas mans. Tras pasar pola guerra de Cuba, acabara en Madrid como canteiro. De regreso a Vilei traballa de labrego, pero tamén de carpinteiro; construtor de pozos, fornos e ferramentas; zoqueiro e quitamoas. Xunto ao fillo constrúe unha casa grande de pedra, a casa Darriba.

O neno Paulino logo destaca. Con dez anos empeza a tocar o bombo no cuarteto Viley, que dirixe o seu tío José. Aos catorce usa unha estufa de carbón para fabricarse as ferramentas que usaría para elaborar a súa primeira gaita.

Durante uns anos combina os traballos no campo e a venda das gaitas que fai.

O seu labor acadara tal prestixio que lle pediron a un particular que cedese unha gaita construída por Paulino Pérez para tela exposta durante unha visita do xeneral Francisco Franco e a súa muller, Carmen Polo, a Lugo.

A muller do ditador fixouse na calidade e na beleza dese instrumento, polo que as autoridades provinciais decidiron regalarlla. Paulino Pérez houbo de repetir a gaita. Usou madeira de pao santo da India con marfil e nácara, e fundas de veludo de seda. A sorte para a persoa que fixera a cesión, e quedara sen a gaita, foi que o segundo modelo superaba ao orixinal en calidade e feitura. Jesús Pérez era consciente desa circunstancia e ocupouse de comprar ese instrumento.

O taller de Paulino recendía. Luciano conta que usaba un cilindro de quentar pezas para asar mazás.

Comentarios