Talabarte presenta a súa xira na que música e gastronomía maridarán en cinco "lugares singulares"

O trío folk ofrecerá varios espectáculos "íntimos" en xuño en lugares como o dolmen de Dombate ou a ría de Pontevedra. O cociñeiro Xian Herrera e o vermú galego Nordesía acompañarán as pezas da banda
Presentación da xira de Talabarte no CGAC
photo_camera Presentación da xira de Talabarte no CGAC

Talabarte, o trío folk formado polos músicos Quim Fariña, Pedro Pascual e Kin García, presentou onte en Santiago a súa próxima xira, unha viaxe por cinco "espazos singulares" da franxa atlántica galega na que se mesturarán música, gastronomía e sesión vermú por cortesía de Nordesía, patrocinador da iniciativa.

Fariña, nunha rolda de prensa celebrada na terraza do CGAC e que culminou coa interpretación de varias pezas do trío e coa desgustación dun pincho a cargo do cociñeiro Xian Herrera maridado co vermú galego, explicou que Talabarte levará a súa música o 7 de xuño ao dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños, á ría de Pontevedra cun percorrido en catamarán que partirá de Bueu e Portonovo o 14 de xuño, ao muíño das mareas de Muros o 21 de xuño, ao faro de cabo Vilán o 27 de xuño para gozar do solpor e ao pazo da Marquesa, en San Sadurniño, un día despois.

"Desta volta serán lugares da costa, lugares nos que queremos reivindicar a nosa arquitectura e que quizais sexan acaídos porque nós facemos unha música un pouco atlántica", explicou Fariña, quen engadiu que a partires de setembro se iniciará a segunda parte da xira, con datas e lugares aínda por concretar. Nestes concertos "especiais", nos que o seu "amigo" Xian Herrera se encargará da "experiencia" gastronómica, os asistentes terán a oportunidade visitar os espazos nos que se enmarcan.

Outro dos "leitmotiv" desta xira de Talabarte será presentar algúns temas que formarán parte do próximo traballo do trío formado por estes músicos de longa traxectoria no folk galego. Fariña, ao violín e membro de Berrogüetto,  Pascual, co seu acordeón desde Laio ou Marful, e García, contrabaixista da banda de Susana Seivane, inspiránronse nun libro, 'Apuntamentos de cociña de Leonardo da Vinci', para idear o proxecto. "En Talabarte somo uns 'cocinillas' e os nosos ensaios sempre van acompañados dun gran xantar', indicou Fariña. Na obra que os impulsou, abondou, recóllense receitas "totalmente psicodélicas". Será neses escritos nos que se inspirará Xian Herrera para o seu 'showcooking' maridado con Nordesía. Pero desde Talabarte advirten: "Non será unha sesión vermú ao uso, senón que terá un ambiente íntimo, con aforo limitado; será un pouco cool".

Pola súa banda, o sumiller Xoán Cannas, un dos artífices de Nordesía, destacou que esta bebida galega, feita a partires de uva de albariño no caso do vermú branco e de mencía no do vermello, "responde a ese carácter atlántico presente na música de Talabarte".  "Non tivemos dúbidas en esponsorizar este proxecto porque encaixa cos nosos valores", engadiu.

Comentarios