Suso de Toro mostra a súa visión da escritura en 'Dentro da literatura'

A obra busca ser "unha introdución á literatura", á vez que "un relato da conformación dun escritor"

Suso de Toro. ÁNGEL DÍAZ (EFE)
photo_camera Suso de Toro. ÁNGEL DÍAZ (EFE)

O escritor compostelán Suso de Toro presenta este mércores na Sala Numax de Santiago o seu novo libro Dentro da literatura (Xerais), no que ofrece unha "visión personalísima" da escritura e da literatura.

O volume busca ser "unha introdución á literatura", á vez que "un relato da conformación dun escritor". "Porque escribir literatura é un oficio severo que conforma á persoa, porque un escritor é unha persoa conformada na súa natureza por ese oficio da palabra", recolle o escritor.

En palabras do propio autor, "escritores e escritoras evolucionan como persoas, no curso do tempo, e como creadores literarios no curso da súa obra e das súas preocupacións estéticas". "Hai algún momento en que un mira atrás e hai algún momento posterior no que un comprende que a tarefa está feita: aí é cando parece natural compartir, repartir ou, simplemente, contar o vivido e o aprendido", indica.

Suso de Toro é licenciado en Arte Moderna e Contemporánea. En 2003 foille concedido o Premio Nacional de Narrativa. Como narrador publicou, entre outras obras, Caixón desastre (1983, 1991), Polaroid (1986), Land Rover (1988), Tic-Tac (1993, 2003), A sombra cazadora (1995), Calzados Lola (1997), Trece badaladas (2002), Home sen nome (2006), Sete palabras (2009) ou Fóra de si (2018), así como obras de xornalismo e ensaio, entre outras pezas.

Comentarios