Suso de Toro: "Como non hai guerras nin heroes, o gran tema é a familia"

O escritor publica 'Fóra de si' no mes vindeiro en Xerais

Suso de Toro. ÁNGEL DÍAZ (EFE)
photo_camera Suso de Toro. ÁNGEL DÍAZ (EFE)

Suso de Toro estaba paseando o seu can a media tarde deste martes en Santiago, xusto antes de comenzar unha clase de catalán. O seu can é un elemento familiar, doméstico, e a aprendizaxe do idioma de Cataluña é un elemento épico. O escritor dedica varias horas diarias a estudar e analizar para diversos medios a erupción política acontecida no leste de España.

A pesar de estar brandindo o seu argumentario a favor do que considera "un movemento republicano e democrático" soberanista, considera que "xa non hai guerras nin heroes, polo que os grandes temas son as historias familiares", que son os conflitos que se atopan nunha casa cando se volve de pasear o can.

Un volcán familiar nutre a súa nova novela, Fóra de si, que publicará edicións Xerais o mes que vén. "Chámase Fóra de si porque o protagonista está cabreado coa súa vida", comeza revelando o autor tras esta obra que significa o seu regreso á ficción tras oito anos.

O personaxe indignado é "un psiquiatra e antigo militante, fillo dos vencedores". Ese home, de 65 anos, que "non ten arrepentimento" de pertencer á súa estirpe ideolóxica non marca que a obra sexa política. "Hai algo na conversa que mantén cun excompañeiro de carreira de ideoloxía distinta", pero ese tema é tanxencial.

O psiquiatra tamén fala co seu pai, ingresado nunha residencia "e que está ido, non ten sentido". "Ao tempo, todo se lle xunta, ten que levar as cinzas dun tío seu á aldea", onde atopa unha muller e un misterio familiar que debe investigar.

O personaxe dialoga co seu colega, co seu pai e cos familiares porque Fóra de si é unha novela construída "a base de diálogos". Suso de Toro asegura que é "unha novela sen narrador" porque non lle gusta esa voz, "que é lista e sabichona". Deixa falar os personaxes.

"Fóra de si comeza cunha gravación de contestador" marcando o ton do que será o conxunto do texto, que avanza a base de "transcripcións do que se fala nas escenas", aínda o escritor remarca que "a novela é narrativa" tanto polos acontecementos do pasado familiar "coma polos do presente, porque no presente da obra seguen pasando cousas".

De Toro comenta que "é unha novela moi teatral ou moi cinematográfica". Di que, de modo inconsciente, a oralidade sempre estivo na súa obra, "dende 1983, con Caixón de xastre; a oralidade é moi humana".

Comentarios