SuperLópez y Spirou ya hablan gallego

Os afeccionados ao cómic que gostan de ler en galego as aventuras dos seus personaxes favoritos están de noraboa. A editorial Cerditos de Guinea, fincada no municipio coruñés de Oleiros, vén de anunciar que este mesmo mes SuperLópez e Spirou sairán á rúa e falarán a lingua de Galicia. Será nos álbumes SuperLópez e a Caixa de Pandora e Spirou en Nova York. A primeira BD virá con instrucións para poder descargar contidos adicionais desde o web da editora e o segunda será o primeiro álbum no que apliquen a técnica de relevo en seco na cuberta.

Así, a parodia de Superman que naceu do lápis do debuxante Juan López, Jan, será reeditada por Cerditos de Guinea tras chegar a un acordo con Ediciones B. Será o propio Jan quen deseñe a portada especial que servirá de antesala dunhas viñetas nas que SuperLópez percorre o mundo e parte do sistema solar en busca da verdadeira Caixa de Pandora para abrila... ou para deixala pechada? Os deuses mostran as debilidades humanas e fannos chegar unha mensaxe tan realista coma pesimista: nós somos os únicos culpables dos males do mundo, non unha vella lenda grega.

Un esquío falando en galego
Mentres, a historia de Spirou que se traduciu ao galego correspóndese co álbum 39 da colección Spirou e Fantasio, creada por Rob-vel no 1938 para a revista Le Journal de Spirou. O personaxe, cuxo nome vén a significar 'esquío' en belga, foi mercado pola editorial francesa Dupuis no 1943 e é un dos poucos casos nos que os dereitos non lle pertencen ao autor. Pola súa banda, Fantasio é froito da creación do debuxante Jijé e naceu un par de anos despois que Spirou, mais sería André Franquin o que convertería a serie nun produto de culto durante os 24 álbums nos que traballou, onde creou en 1952 o personaxe do Marsupilami.

Pero Franquin decidiu deixar a serie para traballar no seu outro personaxe de éxito, Tomás o gafe, polo que Spirou e o resto dos debuxos pasaron unha época de transición na que traballaron varios artistas. Ata que, a mediados dos 80, o equipo formado por Tome --aos guións-- e Janry --aos debuxos-- se fixo cargo da serie, dándolle estabilidade e éxito de vendas. Nesta época sitúase a historia que poderá lerse en galego, Spirou en Nova York, o sétimo álbum destes dous autores.

Á mafia italiana de Nova York non lle van ben as cousas. Os seus actos criminais semellan malditos, e Don Vito, 'Lucky', o Padriño, inicia un plan para invertir a súa sorte. Agocharán unha chave de ouro nunha pizza, e daranlle un millón de dólares aos afortunados que dean con ela. Spirou e Fantasio atravesan unha mala situación económica mais, mentres cean un cacho de pizza, os dentes de Fantasio dan coa chave de ouro. Informados de que para recoller o seu premio só teñen que viaxar a Nova York, a mafia pensa que o talismán para neutralizar a súa desgraza vai de camiño.

Xa na cidade norteamericana, descobren a verdadeira identidade dos seus anfitrións, e deciden voltar por onde foron sen aceptar cartos da mafia. Con tan mala sorte que Spip é secuestrado nun enfrontamento cos membros da Tríada china, os rivais da Mafia. Buscando a Spip descobren a fonte da pouca fortuna de Lucky e os seus: unha mesa co poder de influír no destino. A Spirou e Fantasio tocaralles devolver o equilibrio.

Ademais destas dúas historias que xa se atoparán este mes nos estantes das librarías, Cerditos de Guinea está a traballar tamén na publicación da segunda aventura de Os Cinco Loitadores, cuxo título orixinal é Lucha Beach Party.